CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ- Galicia-Hoxe. 6-10-010
Só poucas persoas moi maiores de Dumbría dan agora fe desta apaixonante historia de amor, non por vivir daquela, en 1901, senón polo que lles contaron os seus pais e avós.
Xurdiu na Escola Normal da Coruña, onde se coñecen as dúas protagonistas cando estaban a cursar a carreira de maxisterio: Elisa Sánchez Loriga (A Coruña, 1862) e Marcela Gracia Ibeas (Burgos, 1867). A primeira andaba polos 23 anos e a segunda polos 18.
Como refire o profesor Narciso de Gabriel no libro Elisa e Marcela. Alén dos homes (Ed. Nigratrea, 2008), axiña xermola nelas a imperiosa necesidade de estaren xuntas, non soportando as ausencias por curtas que fosen. Unicamente botan separadas os catro meses en que Marcela permanece en Madrid ampliando estudos. Cando regresa, Elisa é mestra interina da escola de Couso (Coristanco) e entón ela solicita a de Traba, tamén no devandito concello coruñés. Pouco despois desempeñaban o mesmo labor nas de Calo e Castrelo, no de Vimianzo.
En 1897 Marcela obtén en propiedade a escola de Couso e, dous anos despois, a de nenas de Dumbría, convivindo sempre con ela Elisa, agás cando acada al- gunha interinidade non moi lonxe. Así, por exemplo, do tempo que a segunda permanece en Calo cóntase que se vían todas as fins de semana (hai quen di, todas as noites), para o que tiña que percorrer once quilómetros.
Deciden regularizar a súa situación e para iso Elisa vaise vivir á Coruña e Marcela anuncia que casa co seu curmán Mario, residente no estranxeiro. Dito e feito, o 8 de xuño de 1901 contraían matrimonio na igrexa coruñesa de San Xurxo, Marcela Gracia e Mario José Sánchez, oficiando a cerimonia o párroco Víctor Cortiella por delegación de Pedro Varela, cura de Dumbría, por ser nesta poboación onde tiña o domicilio a moza.
O novo matrimonio establece a residencia en Dumbría, onde axiña se estende o rumor de que o tal Mario non é máis que Marcela vestida de home, con traxe e bigote case imperceptible. Ante as fundadas sospeitas, o párroco velando pola recta moral e bos costumes, enfróntase a Mario, e este dille que é Elisa, pero que o pode facer por ser hermafrodita. O mesmo confirma Marcela, que "Elisa é común a un e outro sexo" e están casados ante "Deus e os homes".
Non dispoño de espazo para seguir relatando esta extraordinaria historia de amor sáfico, magnificamente exposta por Narciso de Gabriel, só dicir que en adiante a vida destas dúas mulleres (ou se queren, deste home e muller, como consta oficialmente), convértese nun calvario. Foxen a Portugal e refúxianse no Porto onde por orde das autoridades españolas son detidas e levadas á cadea, pero con moita comprensión e caridade, como amosa o feito de que ao ser coñecida a nova pola prensa, xurdise un extraordinario movemento de solidariedade: por parte das autoridades (permítenlle comunicarse e ata vivir xuntas), ábrese unha subscrición, reciben doazóns por parte de persoas que non se queren identificar...
O proceso contra o matrimonio tivo lugar na Coruña, pero cando se resolve xa estaban en Bos Aires, onde se perde o triste e cruel ronsel de Elisa e Marcela.
Non é o primeiro matrimonio coñecido en España entre dúas persoas do mesmo sexo como se vén afirmando, pois moi anterior é o da cirurxiá granadina Elena de Céspedes, na segunda metade do século XVI, condenada pola Inquisición por casar primeiro como muller e logo como home, pero si en Galicia e o máis recente, do que se conserva como testemuño a documentación relixiosa e civil e, sobre todo, a prensa da época, tanto española como portuguesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario