Segundo unha enquisa do CIS, a metade dos españois móstrase a favor de erixir monumentos en memoria das vítimas da represión, retirar símbolos da ditadura e exhumar fosas comúns. Esta sondaxe pon de manifesto que máis da metade da poboación considera boa ou moi boa a Lei de Memoria Histórica fronte a un 15% da xente que discrepa. Ademais, só un de cada cinco enquisados pensa que a norma beneficia só os republicanos. Pola contra, un 45 por cento dos enquisados rexeita a posibilidade de crear unha ‘Comisión da Verdade’ que investigue as violacións de dereitos humanos que tiveron lugar durante a guerra civil.
EFE/E.P. Galicia-Hoxe 8-2-2010
Unha maioría de españois, ao redor da metade, decántase por erixir monumentos en memoria de todas as vítimas da Guerra Civil, retirar símbolos da ditadura e exhumar as fosas comúns, segundo se extrae dunha enquisa elaborada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) por encargo da UNED. Por contra, o rexeitamento ás distintas medidas contempladas na Lei de Memoria rolda o 25 por cento.
Esta sondaxe, que se realizou en 2008, durante o primeiro ano de vixencia da coñecida como Lei de Memoria Histórica e que acaba de ser incluído no banco de datos do CIS, pon de manifesto que, entre os que din coñecer esa norma (o 62 por cento dos case 3.000 españois consultados), máis da metade considéraa boa ou moi boa fronte a un 15 por cento que discrepa.
Catro de cada dez enquisados coñecedores da lei opina que a norma era necesaria para saldar a débeda que a democracia tiña coas vítimas da Guerra Civil e o franquismo, aínda que para un 13 por cento quedou curta. Por contra, un 27 por cento sostén que non é unha medida oportuna porque pode "resucitar rancores do pasado".
Só un de cada cinco enquisados pensa que a lei beneficia os republicanos, mentres que o 29 por cento interpreta que os beneficiarios son tanto as vítimas do franquismo como da guerra, e o 23 por cento cre que busca compensar os dous bandos que loitaron na contenda.
A metade dos sondados aposta por exhumar os restos das vítimas da Guerra Civil que aínda permanecen en fosas comúns para trasladalos a un cemiterio, e deles a inmensa maioría (83,8 %) quere que sexa o Estado o que pague as identificacións. Con todo, para o 11 por cento a Administración debería limitarse a axudar economicamente nestas tarefas. No outro extremo, un 26 por cento prefire "deixar as cousas como están" e "non facer nada", e tamén hai un 14 por cento que defende a identificación pero prefire colocar placas de recordo en lugar de trasladar os restos. Cando se lles pregunta ós enquisados sobre a conveniencia de crear unha Comisión de Investigación, independente do Goberno, para esclarecer as violacións de Dereitos Humanos que tiveron lugar durante a guerra, case o 45 por cento pronúnciase en contra, fronte ó 39 por cento que o fai a favor.
Por outra parte, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) entregou onte os restos de tres represaliados durante a Guerra Civil española ás súas familias, no Concello de Puente Domingo Flórez (León), como un acto no que se pretende "pechar unha historia". Así o explicou o responsable da ARMH na provincia de León, Santiago Macías, quen explicou que foi un "acto moi breve pero cargado de emoción" porque se pecha unha ferida". Desta forma, conclúe a historia de José García López, Serafín Blanco Rodríguez e José León Fernández, asasinados o 30 de setembro de 1936, despois de que fosen trasladados nun camión desde o Bierzo "practicamente en silencio" para ser asasinados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario