Foi figura clave na reorganización do movemento nacional galego logo de que o golpe de Estado de 1936 tronzase a traxectoria do Partido Galeguista.
Redacción -Vieiros 04/02/2010
Antón Moreda, figura clave na reorganización do movemento nacional galego logo de que o golpe de Estado de 1936 tronzase a traxectoria do Partido Galeguista, morreu nas últimas horas.
En agosto de 1953 participa na fundación das Mocedades Galeguistas de Arxentina. Asiste ao I Congreso Galego da Emigración celebrado en 1956. De volta en Galiza á altura de 1960, entra a traballar como axente comercial da Editorial Galaxia, aproveitando esta actividade para contactar con novos galeguistas organizados arredor das asociacións culturais e co grupo Brais Pinto.
Foi fundador e Secretario Xeral do Consello da Mocedade, punto de arranque do nacionalismo contemporáneo e resultado da coñecida como "Operación Pomba Mensaxeira" dirixida por Antón Moreda e destinada a organizar politicamente o nacionalismo en Galiza para liderar a oposición antifranquista.
Funeral, este venres e condolencias do BNG
Segundo fontes do Bloque Nacionalista Galego, que expresou a súa dor pola morte do histórico dirixente nacionalista, o funeral será este venres ás 16.00 horas en San Cosme de Barreiros. "Antón Moreda, con cuxa familia e achegados se solidariza o BNG, foi un deses bons e xenerosos que deron o mellor de si para construír unha nación galega máis libre e máis socialmente xusta", sinalaron.
En maio de 2008, un equipo de Vieiros desprazouse até Castro de Ribeiras de Lea para entrevistar a Antón Moreda nun centro psiquiátrico no que vivía de xeito habitual dende hai décadas en situación de "beneficiencia" como el mesmo definía. A lucidez daquela conversa quedou plasmada en varios vídeos. Poden ver aquí a reportaxe íntegra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario