martes, 23 de febreiro de 2010

Defensa homenaxea "catorce valentes" que crearon a UMD


Carme Chacón lamenta o "longo prazo" de 35 anos para "saldar unha débeda" cos membros da Unión Militar Democrática e "recompensar o seu valor como un acto de xustiza, unha reparación necesaria que confirma a dignidade que nunca perderon e engrandece a sociedade española"

REDACCIÓN/AXENCIAS- Galicia-Hoxe- 17-2-010

A ministra de Defensa, Carme Chacón, condecorou onte coas cruces do Mérito Militar e Aeronáutico catorce antigos membros da Unión Militar Democrática (UMD), pola súa colaboración "como peza importante" no "sutil e complexo mecanismo de construción da democracia".

No acto de entrega, celebrado na sede do Ministerio de Defensa en Madrid, a ministra sinalou que a homenaxe, aínda que chega con atraso, 35 anos é un "prazo moi longo para saldar unha débeda", era "máis que merecida".

Para rematar, Chacón aludiu ao historiador ateniense Tucídides para afirmar que se lles rendeu homenaxe a "catorce valentes que sabendo moi ben ao que se expuñan, e a pesar diso, seguiron adiante".

"Recompensar o seu valor é un acto de xustiza, unha reparación necesaria que confirma a dignidade que nunca perderon e engrandece a sociedade española", apostilou.

Cruces do mérito militar aos "úmedos"

Condecorados coa Cruz do Mérito Militar con distintivo branco: Luis Otero Fernández, coronel de Enxeñeiros (retirado); Enrique López Amor Ayensa, coronel de Artillería (retirado); Restituto Valero Ramos, coronel de Infantería (retirado); Jesús Martín-Consuegra y López de la Nieta, coronel de Infantería (retirado); José Fortes Bouzán, coronel de Infantería (retirado); Manuel Fernández Lago, coronel de Caballería (retirado); Arturo Luis Gurriarán Granados, coronel de Caballería (retirado); Juan Diego García, tenente coronel de Infantería (retirado); José Fernando Reinlein García-Miranda, tenente coronel de Infantería (reserva); Fermín Ibarra Renes, tenente coronel de Artillería (a título póstumo); Antonio García Márquez, tenente coronel de Artillería (a título póstumo); Antonio Herreros Robles, tenente coronel de Enxeñeiros (a título póstumo) e coa Cruz do Mérito Aeronáutico con distintivo branco: José Ignacio Domínguez Martín-Sánchez, tenente coronel de Aviación (reserva) e Abel Jesús Ruiz Cillero, capitán de Aviación (retirado).

OS PROTAGONISTAS

"Antes era un mal don, a partir de hoxe é un mérito"

José Fernando Reinlein García-Miranda, tenente coronel de Infantería na reserva, tomou a palabra en representación dos condecorados e agradeceu esta homenaxe que marca "un antes e un despois". "Durante 35 anos ser da UMD era un mal don, a partir de hoxe é un mérito", recalcou. Na súa opinión, este recoñecemento pecha un episodio da historia de España no que foi crucial a participación destes militares, moitos dos cales foron "perseguidos" vendo afectadas as súas carreiras profesionais. Dito isto, mostrouse satisfeito polo papel das actuais Forzas Armadas, como demostran nas súas misións no exterior, e de que se transformaron nun "servizo inequívoco" da democracia.

Polo seu lado, Chacón recordou que en 1974 creouse a UMD por parte de dous comandantes e oito capitáns das Forzas Armadas. Logo, a UMD disolveuse cos seus obxectivos cumpridos en xullo de 1977, aos poucos días das primeiras eleccións democráticas e nos seus tres anos de vida foi, segundo a ministra, a demostración "de que no seo das Forzas Armadas existía un sentimento compartido por gran parte da sociedade; a convicción de que España debía transitar cara á liberdade e o pluralismo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario