martes, 23 de febreiro de 2010

Desaparecidas


Os "feminicidios" en Centroamérica están a alcanzar categoría de epidemia logo de aumentaren un 160 por cento en catro anos

E.P.. Galicia-Hoxe. 17-2-010

Os "feminicidios" nos países de Centroamérica dispáranse até o punto de que, nalgúns países da zona, superan os cen homicidios por 100.000 habitantes e pon de relevo que "os niveis de asasinatos de mulleres na rexión están alcanzando categoría de epidemia".

Así o afirmou a directora executiva do Centro Feminista de Información e Acción, Ana Carcedo, durante a presentación onte pola mañá dun estudo rexional sobre feminicidios, elaborado polo Sistema de Integración Centroamericana (SICA) e o Consello de Ministras da Muller de Centroamérica (Commca) con financiamento da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (Ecid).

Aínda que Guatemala presenta o nivel "máis alto" de homicidios de mulleres de toda a rexión, con 5.027 feminicidios identificados entre 2000 e 2009, trátase dun problema que se está agudizando en toda a rexión centroamericana como mostra o feito de que entre 2003 e 2009 se duplicou o número de homicidios de mulleres na rexión, segundo o informe.

O problema dos feminicidios está afectando "particularmente" a Guatemala, Honduras, O Salvador e, en menor medida, a Costa Rica, mentres que, pola súa banda, Nicaragua, Costa Rica e Panamá presentan taxas "oscilantes" que se sitúan entre o 2 e o 4 por cento dos asasinatos. O Consello de Ministras da Muller Centroamericana considera "urxente" reac- cionar ante un problema que está evidenciando que os asasinatos de mulleres "crecen máis rapidamente" que o de homes. Se entre 2003 e 2007, o número de asasinatos de homes aumentou un 50 por cento na rexión, o de mulleres, precisou Carcedo, aumentou un 160 por cento. En Guatemala, a taxa de homicidios de homes duplicouse practicamente entre 1990 e 2004, mentres que, a de mulleres, case se triplicou.

Carcedo advertiu de que un dos maiores problemas para facerlles fronte aos feminicidios na rexión é a falta de investigación destes crimes. En Guatemala, o 70 por cento dos feminicidios non se investigan, mentres que, por exemplo, dos 1.026 homicidios de mulleres identificados en 2003, o 37 por cento deles "non se coñece nada sobre eles". Do resto, o 71 por cento dos casos corresponden a feminicidios, aínda que a cifra podería aumentar, xa que outro 9 por cento dos casos "son sospeitosos de ser feminicidios".

México, Guatemala e Costa Rica conforman "o mercado rexional" da explotación e a trata de mulleres na zona, segundo pon de relevo o segundo informe presentado onte pola mañá sobre a Trata de Persoas e Tráfico de Persoas en Centroamérica a cargo de Ana Hidalgo, coordinadora da unidade da Organización Internacional para as Migracións, tamén financiado con fondos da Aecid e un dos máis completos presentados ata a data na materia.

O estudo, que analiza a normativa contra a trata de mulleres e explotación sexual e a súa aplicación nos países da zona e, así mesmo, recolle o testemuño de 46 mulleres vítimas deste fenómeno, pon de relevo que as mulleres non só se enfrontan ao problema da explotación sexual senón que, en ocasións, tamén son explotadas laboralmente e os que sofren "exclusivamente explotación laboral" e constitúen auténticas "escravas domésticas", precisou Hidalgo.

A maior parte das mulleres vítimas de redes de tratas recoñeceron ser explotadas dentro das fronteiras da rexión e dos seus países, aínda que hai algunha que foi levada a Estados Unidos e "algunha que outra que veu a España", segundo deixan constancia os testemuños solicitados no informe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario