A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña denunciou onte o “atraso absolutamente inxustificable” na aplicación da lei que incluía a retirada de 53 símbolos franquistas. Entre eles, aínda non se retirou a estatua de Millán Astray, a placa da Capitanía que homenaxea a Cánova Lacruz ou os escudos da ditadura do cuartel de Atocha
AGN. Galicia-Hoxe. 2-1-2010
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña denunciou onte, nun comunicado, o "atraso absolutamente inxustificable" na aplicación da lei, dous anos despois da súa publicación no Boletín Oficial do Estado e catro meses despois de que o pleno da corporación municipal do concello aprobase a retirada de 53 símbolos franquistas, entre eles os nomes de 23 rúas da cidade.
No escrito, cualifican de "vergoña" que aínda non se retiraran símbolos como a estatua de Millán Astray, a placa que no lateral de Capitanía homenaxea ó golpista Cánova Lacruz ou os escudos da ditadura do cuartel de Atocha. "A que espera o alcalde para retirar as placas das rúas franquistas e restituír os nomes tradicionais, como prometeu?", expón. Onte, un xornal galego publicaba que a filla de Millán-Astray recorreu na Subdelegación do Goberno contra a retirada da estatua do seu pai porque o Concello da Coruña non lle concedeu "audiencia".
Doutra banda, a CRMH oponse á iniciativa anunciada polo Concello de manter durante un tempo o nome antigo da rúa co novo, coa intención de suavizar as repercusións do proceso de substitución das placas e facilitar a adaptación de comercios e particulares á nova denominación. Para a Comisión, este proceso de convivencia dos dous nomes sería "un auténtico despropósito" e inciden en que "contribuiría máis a aumentar a confusión entre os veciños e as persoas que visitan a cidade". "Non coñecemos un concello que seguise ese método", engaden no escrito, no que instan o Concello para levar a cabo outro tipo de medidas, como informar os veciños afectados do cambio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario