A mostra de Ana Teresa Ortega recolle os lugares máis importantes da represión dende o golpe do 36 até os sesenta
XORNAL.COM 26/07/2011 - 23:57 h.
Mosteiro de Oia |
O Auditorio de Galicia abrirá as súas portas ás oito e media desta tarde para presentar a exposición Cartografías silenciadas de Ana Teresa Ortega. A exposición que permanecerá durante catro meses –ata o 20 de novembro– no auditorio é unha viaxe pola represión franquista a través das imaxes dos campos de concentración e cárceres en funcionamento dende o ano de inicio da Guerra Civil española ata o ano 62.
A mostra contará cunha presentación por parte do concelleiro de Cultura, Ángel Currás, a comisaria da exposición en Galicia, Chus Martínez Domínguez, e a propia autora, quen sinalou que “a presentación fará unha contextualización das imaxes”. A partir de aí o público poderá coñecer a historia escura de España a través de 70 imaxes.
O proxecto Cartografías silenciadas botou a andar no ano 2005, cun amplo traballo de documentación que levou a autora a fotografar diversos lugares de España. A desclasificación dos Arquivos Militares no ano 2004 permitiu os historiadores comezar a investigar sobre os campos de concentración durante a ditadura e os lugares nos que se levaron a cabo fusilamentos de presos políticos.
A exposición está composta por 70 imaxes dos lugares de represión franquista “máis importantes”. Aínda que moitos non se recollen na exposición, as fotografías pertencen a diferentes espazos da represión. Os lugares que se recollen divídense en tres modalidades, os campos de fusilamento durante a Guerra Civil e a posterior ditadura, os campos de concentración, as penitenciarías e os lugares nos que se reunían aos prisioneiros para desenvolver traballos para o réxime.
No momento en que as prisións estaban cheas “os franquistas expropiaron edificios que tiñan outra función”. Este feito levou a converter en cárceres os conventos, escolas ou hospitais en desuso que foron habilitadas como prisións. Cando non había espazo para os prisioneiros “comezouse a fabricación de barracóns” para albergalos a todos.
Os galegos e galegas que visiten a exposición quizais recoñezan algunha das fotografías, xa que tamén Galicia estará representada na mostra. Lugares como o Campo da Rata, no que se levaron a cabo fusilamentos, a ponte de Castrelo de Miño, “dende onde se tiraban os presos” contrarios ao réxime ou lugares como a fábrica de salazón do Concello de Rianxo ou Santa María de Oia, que serviu como cárcere dende o ano 1939.
Había unha “represión indiscriminada” con execucións sumarias que se facían no lugar de Camposancos ou en Celanova. Hai en Galicia “moitos máis lugares” que non aparecen na exposición, pero que grazas ao traballo de historiadores comezan a saír á luz.
As fotografías están feitas na actualidade pero recollen a esencia dos lugares durante os encarceramentos e os fusilamentos. Algúns dos espazos fotografados teñen agora outra función ou están derrubados pero “todas as tomas serven para visibilizar o que ata agora era invisible”. Non hai ningún elemento nas imaxes que perturben a súa misión de retomar a historia, por iso “case non hai cor nin xente nas imaxes”.
Ademais das imaxes, o proxecto conta cun catálogo no que os colaboradores e historiadores que participaron no proxecto fan unha retrospectiva da historia de España a través destes lugares esquecidos. Esta publicación estará tamén dispoñible para a súa consulta no Auditorio de Galicia e porase á venda como o “resto de publicacións deste tipo de proxectos”.
A exposición que comezou o seu camiñar en Valencia no ano 2007 estivo tamén no Museo da Paz de Guernika e no Palau da Virreina en Barcelona. A súa chegada a Galicia decidiuse no ano 2010 cando estaba en Valencia. O itinerario desta exposición da memoria “remata no Auditorio o seu itinerario”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario