martes, 27 de setembro de 2011

O 93% das prostitutas que hai en Galicia son estranxeiras baixo o control dunha mafia


SANTIAGO. EP
O 93% das prostitutas que exercen en Galicia son estranxeiras, de entre 25 e 45 anos, e que desempeñan o seu traballo baixo o control dunha mafia, segundo un informe da ONG Ecos do Sur con motivo da conmemoración este venres, día 23, do Día Internacional contra a Explotación e o Tráfico de Mulleres. Nun comunicado, a ONG, que traballa pola integración dos inmigrantes, sostén que a maioría das prostitutas son brasileiras "aínda que tamén hai colombianas e dominicanas que entran en España a través de Peinador, logo de escala en París, con pasaportes falsos ou visados de turista," explica. A ONG afirma tamén que en Galicia "existen municipios, como Ordes, nos que practicamente a totalidade das mulleres que exercen a prostitución son de orixe brasileira". O funcionamento destas redes de tráfico, segundo Ecos do Sur, consiste en captar as mulleres a través de familiares como tíos ou irmáns, e baixo a falsa oferta dun emprego, para, posteriormente, ser   aloxadas nun piso ou club ata aboar a débeda contraída. "Unha práctica habitual por parte dos tratantes é enganalas co argumento de que se se empadroan, a Policía poderá seguilas ata o seu domicilio e expulsalas do país", explica esta organización que denuncia a "absoluta invisibilidade" destas mulleres.
PARELLAS DE FEITO Por outra parte, Ecos do Sur afirma detectar o surgimiento dun mercado de parellas de feito, "no que homes españois cobran entre 3.000 e 7.000 euros por rexistrarse como parellas de mulleres estranxeiras que exercen a prostitución en Galicia". A ONG alerta tamén dos efectos da crise e de casos de persoas que regresan á prostitución tras abandonala, mentres que indica que "o grande aumento nas intervencións policiais en clubs de alterne está a provocar o desprazamento da actividade cara a pisos privados".

Ningún comentario:

Publicar un comentario