As comprobacións realizadas nesta campaña, xunto con investigacións anteriores, permitiron constatar que hai polo menos 8 pecios afundidos na baía
XORNAL.COM | 06/09/2011 - 14:27 h.
As prospeccións subacuáticas realizadas por un equipo de arqueólogos entre a enseada de San Simón e o estreito de Rande verificaron a existencia de 6 pecios do século XVIII, relacionados coa Batalla de Rande de 1702.
Así o confirmou este martes en rolda de prensa o director dos traballos, o arqueólogo Javier Luaces, quen apuntou que se realizaron comprobacións en 19 puntos onde se puido verificar a existencia de 6 barcos. Os investigadores puideron observar restos das cuadernas ou o forro de madeira, pedras de lastre, ladrillos refractarios ou bólas de canón.
Nalgúns dos pecios localizáronse zonas de concentración de material férrico, posiblemente sobre pezas de artillaría, áncoras ou munición. Así mesmo, localizáronse restos de barcos máis recentes, e indicios doutros pecios enterrados baixo os sedimentos do fondo mariño.
POLO MENOS HAI 8 BARCOS
Segundo explicou Luaces, as comprobacións realizadas nesta campaña, xunto con investigacións levadas a cabo nos últimos anos, permitiron constatar que hai polo menos 8 barcos afundidos na baía, aínda que posteriores campañas poderían ratificar a presenza de novos restos.
O investigador tamén sinalou que, se se continúan as prospeccións, con escavacións nas zonas xa identificadas, poderían aparecer restos de valor arqueolóxico que, segundo apuntou o director xeral de Patrimonio da Xunta, José Manuel Rey Pichel, serían tratados para a súa conservación e trasladados ao Museo do Mar.
CONTINUIDADE
Esta actuación, xunto con outra realizada na ría de Corcubión e unha terceira que se fará na costa de Lugo, enmárcase dentro do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta e o Ministerio de Cultura para o desenvolvemento do Plan Nacional de Protección do Patrimonio Cultural Subacuático.
Rey Pichel manifestou a vontade da Xunta de que a campaña realizada na enseada de Rande teña continuidade. A ese respecto, apelou á colaboración económica do goberno central e subliñou que a protección do patrimonio arqueolóxico subacuático forma parte das políticas estratéxicas da Consellería de Cultura.
Os investigadores dirixidos por Luaces traballaron durante unha semana a partir de datos xeofísicos que detectaban anomalías no fondo mariño. Unha vez neses puntos, os mergulladores iniciaban a procura de forma circular, mediante un cabo ou un compás, para logo realizar as fotos e as gravacións de vídeo dos restos localizados.
PROBLEMAS NAS PROSPECCIÓNS
Estas prospeccións fixéronse a profundidades de entre 3 e 26 metros, nalgúns casos con grandes problemas de visibilidade debido á suspensión de lodo e algas na auga, e a que os restos se atopaban ás veces ocultos baixo a superficie, baixo a vexetación ou enredados en artes de pesca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario