martes, 13 de setembro de 2011

Unha mostra dixital recolle a traxectoria do feminismo galego


A Fundación Galiza Sempre ven de presentar a versión dixital da exposición 'Feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres'. A nova mostra recolletextos, noticias e documentación gráfica que dan testemuño dos obxectivos e reivindicacións do movemento feminista.
A iniciativa repasa, entre outros asuntos, o avance do sufraxismo; a II República; a ditadura franquista; as agrupacións feministas galegas dos anos 70 e 80 ou estado actual da loita feminista.
Para facilitar a súa utilización en actividades informativas e contextos didácticos --un dos principais obxectivos da edición dixital- pódense descargar documentos en formato pdf coa información relativa a diferentes periodos (desde o século XIX ata os comezos de século XXI) e tamén un xornal que resume os principais contidos e reproduce diversas noticias de prensa sobre algúns dos fitos máis importantes da loita pola igualdade e os dereitos das mulleres no posfranquismo.
Despois das precursoras do século XVIII e das sufraxistas no XIX, a finais do século XIX e principios do XX son tempos de protestas en demanda de mellores condicións laborais ou contra a suba abusiva dos impostos e aí as mulleres tamén tiveron unha participación activa, nomeadamente as galegas: Concepción Miranda, que fixo ouvir a súa voz nalgunhas intervencións públicas chamando á incorporación das mulleres á loita obreira. Sofía Casanova, escritora e xornalista de proxección internacional, que tamén se ocupou nalgúns dos seus artigos da problemática específica das traballadoras asalariadas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario