domingo, 4 de setembro de 2011

O manual do perfecto torturador británico


Un documento dos servizos de intelixencia británicos expón as claves da tortura na loita contra Al Qaeda tras o 11-S
RICARDO RODRÍGUEZ 05/08/2011 - 00:09 h.
A consigna estaba clara: os axentes do MI6 e o MI5 –os servizos de intelixencia británicos– podían torturar ou deixar que outras axencias de seguridade estranxeiras o fixesen para obter información de presos sospeitosos de estar vencellados ao terrorismo islámico. Durante a última década, o código 'ético' da loita británica contra Al Qaeda guiouse por un documento secreto de apenas dez páxinas publicado polo rotativo británico The Guardian na súa páxina web. A norma número un que os axentes británicos debían ter clara é que antes de poñerse a torturar cumpría esaxerar a importancia da información obtida fronte á dor que previsibelmente inflixirían ao prisioneiro. O segundo mandamento era que estas prácticas debían manterse en segredo a todo custo porque era posíbel "que en certas circunstancias unha revelación deste tipo puidese conducir a unha aumento da ameaza terrorista" no Reino Unido. O documento subliña a ameaza do terrorismo de Al Qaeda e engade que, de filtrarse este tipo de prácticas,  a reputación dos servizos secretos implicados veríase afectada e a súa efectividade mermada.
O documento publicado por The Guardian fixo tremer onte a comisión de investigación que analiza a implicación do Reino Unido en prácticas de torturas despois do 11-S. O feito de que este relatorio sobre a política de interrogatorios dos servizos de intelixencia británicos ou outros semellantes non estivesen incluídos entre os documentos que deberían facerse públicos durante a investigación levou á varias organizacións de dereitos humanos a desmarcarse da comisión pola súa falla de "credibilidade e transparencia".
No documento, titulado "A política de coordinación da Axencia con servizos de intelixencia estranxeiros en relación a presos que poden ser sometidos a maltrato", asegúrase nun principio que "os servizos antiterroristas do Reino Unido non participan, nin solicitan, nin perdoan o uso de trato inhumano ou degradante". Pero recoñece que outros servizos de intelixencia si poden practicar a tortura para obter información e que é preciso colaborar con eles. Pero se estas prácticas se ían producir, asegura o documento, os axentes deberían ser autorizados por un mando superior ou mesmo instancias políticas, posibelmente en referencia aos ministerios de Defensa ou Interior, que coordinan eses servizos de intelixencia. "Se existe a posibilidade de que a información vaia ser obtida ou xa se conseguise a través do maltrato dos detidos, entre as consecuencias poderían incluírse os efectos na seguridade nacional se se descubrise que a Axencia procura ou recibe información empregando estes métodos", asegura. Pero mesmo se as prácticas dos servizos de intelixencia británicos superaban o seu propio código, o MI5 e o MI6 eran conscientes de que algúns dos métodos para obter información poderían ser ilegais segundo a lei británica ou o dereito penal internacional. É dicir, a loita antiterrorista recoñecía que segundo a lei de enxuizamanto criminal británica ou a Convención de Xenebra, os seus axentes poderían estar cometendo torturas que dende o punto de vista dos servizos de intelixencia británicos podían ser prácticas xustificadas para obter información.
O documento tamén explica a necesidade de blindarse contra as consecuencias legais de torturar un prisioneiro pedíndolle aos mandos superiores e mesmo aos ministerios que as accións de tortura fosen encubertas. Eran eses propios mandos do MI5 ou o MI6 os que avaliarían "o risco de se que producise un maltrato e o risco ou de que as accións cometidas fosen ilegais fronte á necesidade da acción proposta". Así , se a través da tortura se obtiña información que podía contribuír a salvar vidas" sería necesario esaxerar a importancia desa información "fronte ao grao de tortura e de sofremento inflixido ao prisionerio". Aínda así, o relatorio resalta nun enganoso xogo de contradicións, que os oficiais de intelixencia debían ter claro nun principio que non debían levar a cabo ningunha acción que puidese ser considerada tortura. Cunha excepción: os axentes poderían proceder a torturar se había "garantías" por parte doutros servizos secretos estranxeiros. É dicir, se outras fontes de intelixencia confirmaban que o prisioneiro podía ter información de relevancia.
Segundo resaltaba onte The Guardian, un número indeterminado de prisioneiros, algúns deles musulmáns de nacionalidade británica, asegura que foron interrogados por oficiais do MI5 e o MI6 despois de que ter sido torturados por axentes de servizos de intelixencia estranxeiros en Paquistán, Bangladesh, Afganistán ou ou Guantánamo. Algúns deles foron detidos a petición da intelixencia británica. Tamén hai testemuños de presos que foron torturados noutros lugares coma Exipto, Dubai ou Marrocos durante interrogatorios nos que se empregou información que só podía ter sido fornecida a eses axentes polos servizos de intelixencia británicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario