domingo, 8 de maio de 2011

Á Historia a través do Youtube


Manuel González é un profesor que ensina a través de ‘clips’ no popular sitio web
HÉCTOR J. PENA 05/05/2011 - 02:26 h.
Os profesores de Historia na ensinanza secundaria de todo o mundo sempre topan coa mesma barreira: os alumnos son remisos a aprendela. Mírana coma se fose algo inútil, pesado, ou imposible. As escusas son recorrentes: “É moi difícil”, “non serve para nada”... Non obstante, os mesmos estudantes que non son capaces de asimilar as causas da Revolución de la Gloriosa e de por que logo derivou no coñecido como Sexénio Democrático adoitan ser consumados especialistas no uso da rede grazas ás horas que dedican ás redes sociais ou a visionar vídeos en Youtube.
Por todo isto, Manuel González, profesor de Historia no IES Concepción Arenal de Ferrol, decidiuse a tomar cartas no asunto. “Este ano comecei a impartir a materia de Historia de España en Segundo de Bacharelato, unha disciplina cuxo aprendizaxe ás veces é moi ardua para os rapaces”, comenta o mestre, que explica que el, un home procedente do mundo da imaxe, considera que “aproveitando que hoxe os mozos de 17 ou 18 anos consumen infinidade de clips en Youtube, esta canle podería ser unha boa ferramenta non só para ensinar Historia, senón tamén para ilustralos sobre cine, pois a xente sae do instituto sabendo que é Manuel Rivas ou Miguel Delibes, pero non quen é John Ford, e iso paréceme unha falla importante no sistema educativo”.
MILES DE ANOS EN 540 'CLIPS'
Tras visionar case 200 películas sobre a Historia de España, Manolo González reuniu un período de tempo que vai dende a prehistoria até o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 en 540 clips de non máis de dez minutos cada un que se poden visionar en www.youtube.com/user/Cliphistoria, un material audiovisual “inédito” en internet. “Até o de agora non vin nada así na rede, no sentido de ordenar toda a Historia de España de xeito cronolóxico nunha lista de reprodución”, sinala.
O profesor recoñece que a súa labor “está a ter certo éxito”, pois “sen ser nada comercial, un traballo para os meus alumnos do instituto, os vídeos xa teñen case 20.000 visitas dende que empecei a subilos, o pasado mes de febreiro”. Nos comentarios dos clips pódese apreciar que hai moitos subscriptores ás listas de reprodución de Manuel González alén dos seus propios alumnos, entre os que hai incluso estudantes doutros centros que o felicitan por esa ferramenta “tan amena” para ensinar a Historia.
Por outra banda, os vídeos de Youtube de González, ademais da labor propiamente formativa, están a lograr un resultado inesperado. “Ultimamente notei que algúns dos meus alumnos están comezando a tomarlle certo aprecio ao tan deostado cine español, pregúntanme onde poden conseguir películas.... é algo moi interesante”, asegura. Ademais, o mestre do IES Concepción Arenal de Ferrol tamén exerce unha labor de difusión do galego, pois os títulos e todos os textos explicativos que acompañan aos vídeos están en galego –incluso algúns dos clips tamén están na lingua do país–.
Manuel González asegura pasalo “moi ben” desenvolvendo esta tarefa, porque “combina a miña paixón pola Historia co meu gusto polo cine”, e asegura que esa disciplina “é algo estupendo, pero é moi difícil convencer á xente nova diso, por iso estes vídeos, xunto a uns powerpoints que lles dou aos alumnos sobre cada tema cos respectivos enlaces aos clips, que só pretenden facer que a actividade de estudar a materia lles sexa máis levadeira”. No entanto, o profesor do Instituto Concepción Arenal afirma entre gargalladas que o ideal para conseguilo sería “crear unha especie de máquina do tempo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario