04.05.2011 Positivas publica a primeira antoloxía en galego dos contos xitanos, un conxunto de textos traducidos do romanó por Onofre Sabaté
MARÉ . SANTIAGO
Antes de que o ser humano existise, o universo era unha infinita masa de auga á que Deus tirou o seu caxato: do caxato xurdiu unha árbore xigantesca e de entre as súas gallas saíu o Demo. Así é como explican a creación do mundo as lendas xitanas, esta en concreto recadada en Hungría polo Colectivo Onofre Sabaté para o volume Os fillos do vento, un conxunto de contos tradicionais romanís traducidos desde o romanó e publicados por Positivas.
Trátase da primeira vez que, dun xeito amplo, se traduce ao galego a creación fabuladora xitana, unha fonte habitualmente oral que en Galicia carece dun reflexo escrito. De feito, no volume, o único conto de latitudes próximas que aparece é portugués: titúlase A casa encantada e desenvolve a historia dun grupo de xitanos lusos que van dar a un abandonado edificio de Castela no que vive unha pantasma.
Hai contos de Inglaterra, de Eslovaquia, dos Estados Unidos, de Francia, de Serbia, de Italia e ata de Nova Zelanda. Un dun máis enigmáticos foi recollido no país de orixe do pobo xitano, a India, desde onde se espallaron no século I a.C.: titúlase O barqueiro xitano e conta como un gramático vai dar un paseo nunha barca e se burla do seu barqueiro analfabeto. Daquela, o barqueiro pregúntalle se sabe nadar e o gramático respóndelle que non: "¡Pois se nunca aprendiches a nadar agora vai ser a fin da túa vida!", conclúe o relato con palabras do barqueiro.
Ao parecer -conta Onofre Sabaté no completo limiar da edición-, aos xitanos chámanlles exipcios no século XIV porque crían que proviñan das ribeiras do Nilo. Pero a verdade é que proveñen da parte oriental da península hindostana: da terra dos Godes, os seus orixinarios máis remotos coñecidos. Emigraron cara a occidente como expertos domadores de cabalos e comerciantes de pedras preciosas para establecerse en Mesopotamia. Arredor do século III estaban xa nas terras da actual Israel e desde alí espalláronse por Europa: á península ibérica cherraron arredor do século XV por Barcelona.
Nun dos contos incluídos en Os fillos do vento, porén, asegúrase que os xitanos non teñen terra porque Deus, antes de marchar ao ceo, chamou a todos os pobos para darlles un territorio e os representantes romanís -que eran uns preguiceiros- chegaron tarde. O conto recolleuse en Andalucía.
En Galicia, segundo as últimas estatísticas, viven arredor de oito mil xitanos (en Europa hai entre doce e catorce millóns). Simbolicamente, o primeiro xitano que cruzou o Telón de Grelos foi Thomas de Jabba a primeiros do século XV: queda constancia dun salvaconduto que se lle estendeu para viaxar ata Compostela.
A realidade é que os primeiros asentamentos datan de finais do século XIX. Son galegos o 80 por cento dos romanís que viven en Galicia, pero tamén existen "zamoranos" (o 16 por cento) procedentes de Castela. Especializáronse na venda ambulante e enraizáronse nas áreas do Porriño, de Tui e Marín.
O terceiro grupo é o de húngaros e portugueses: os húngaros chegaron fuxindo dos nazis e os portugueses á procura de oportunidades económicas. A pesar desta relación, a súa presenza na Literatura galega é practicamente nula. "¿Por que os pobos de Senegal están máis presentes na nosa Literatura que os xitanos?", pregúntase retoricamente Sabaté e, retoricamente, respóndese: "Porque estamos sempre fuxindo deles, precisamente porque son veciños, porque non están lonxe de nós. Non están na nosa historia, nin na nosa xeografía. Eles xa teñen dabondo con sobrevivir".
A escolma que edita agora Postivas recolle nunhas e noutras historias as distintas peripecias deste pobo que, ata hai ben poucos anos, era maioritariamente nómade.
O peso do racismo
Na historia dos xitanos hai unha constante, como subliña Onofre Sabaté: foron rexeitados por todos os pobos. Sabaté estrutura este rexeitamento, "eufemismo de racismo", en tres etapas históricas.
Á primeira, denomínaa "a do racismo sen complexos" e prolóngase ata a Revolución francesa. O racismo revestido de científico, que provocou o asasinato duns 500.000 xitanos, prolóngase ata a segunda Guerra Mundial. A última etapa, que chega a nós, é a "da manipulación, a da negación da cultura e da indetidade, a da burla e o escarnio, ou a pura persecuión e castigo". Como demostración desta afirmación, subliñan que na época comunista de Hungría, a xitanoloxía era unha rama da crimonoloxía.
Un dos valores máis visibles da etnia xitana, indícase ademais no limiar, é o seu sentido do colectivo, de grupo, o apego á familia, o respecto aos vellos e aos defuntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario