domingo, 22 de maio de 2011

MSF critica os que fan a guerra para defender civís e logo pechan a fronteira


O conflito libio xa provocou o desprazamento de máis de 750.000 cidadáns fuxidos da violencia e, mentres Tunisia e Exipto aceptaron a entrada de 630.000, Europa "segue enfrascándose no seu egoísmo"
M.T. . SANTIAGO
"As palabras e as accións dos nosos líderes, coa escusa da loita contra a inmigración irregular, tradúcense na práctica nunha restrición do acceso a Europa das vítimas de guerra. Este cinismo político é vergoñoso". A organización médico-humanitaria internacional Médicos Sen Fronteiras (MSF) reclamoulles este xoves aos países da UE que acollan os cidadáns que foxen do conflito libio e criticou "o cinismo" dos gobernos europeos "que se embarcan nunha guerra en nome da protección dos civís e logo péchanlles as fronteiras". "Os estados da UE implicados na guerra en Libia están faltando ás súas obrigacións, tanto legais como morais, de asistir ás vítimas dun conflito do que son parte", explicou o presidente de MSF España, José Antonio Bastos, nun comunicado.
A organización enviou este xoves unha carta aberta aos xefes de Estado e Goberno da UE -entre eles o español- na que critica "a contraditoria política practicada por Europa, que di participar nunha guerra en Libia en nome da protección dos civís, e ao mesmo tempo pecha as súas fronteiras ás vítimas dese mesmo conflito, co pretexto de previr a afluencia masiva de inmigrantes irregulares no seu territorio".
Así mesmo, MSF recorda que o conflito libio xa provocou o desprazamento de máis de 750.000 civís e, mentres Tunisia e Exipto, países fronteirizos con Libia, "aceptaron a entrada de 630.000 persoas que fuxían da violencia", os estados da UE, continuaron enfrascados nunha loita de egoísmos que derivou na práctica nunha restrición do acceso destas vítimas de guerra ao territorio europeo. Nestas circunstancias, segundo MSF, "centos de homes, mulleres e nenos que intentaban chegar a Europa, ou que foron forzados a saír polas autoridades libias -que non perderon a oportunidade de demostrar a súa capacidade de represalia-, xa perderon a vida no mar". "Outros miles desem- barcaron nas costas italianas estas últimas semanas e están sendo acollidos en condicións inhumanas e totalmente inadecuadas ás súas necesidades, como testemuñan os equipos de Médicos Sen Fronteiras en Lampedusa", engadiu. A carta aberta de MSF recorda ademais que a UE e os seus estados membros teñen a obrigación legal de protexer os dereitos das vítimas de guerra e pide que se garanta "o principio de non devolución desde territorios e augas territoriais europeos a unha zona de guerra". Así mesmo, reclama que se lles garanta ós fuxidos "unhas condicións de acollida dignas en Europa" e o "acceso ó proceso de petición de asilo cando así o soliciten". "Trátase tanto dun deber legal, ó amparo dos convenios internacionais dos que España é signataria, como dunha responsabilidade moral", advirte a organización na carta enviada ó presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero. .

Ningún comentario:

Publicar un comentario