“Levo toda a
vida loitando contra os represores e seguirei facéndoo ata o final”
DANIEL
PRIETO 10/10/2010 -

Como valora
que desde Arxentina, o país do exilio galego, se promova a denuncia que podería
facer que se xulgue aos criminais franquistas?
Paréceme moi
ben, porque Arxentina estivo sempre moi vinculada a todos os problemas de
Galicia e de España. O xuíz Garzón fixo unha gran labor por moitas causas
arxentinas. A Guerra Civil non se viviu como unha guerra calquera nese país,
moitos arxentinos viviron como propios os acontecementos que se desenvolveron
aquí, todas esas barbaridades e esas mortes.
Reparouse a
memoria das vítimas?
En absoluto.
Levo toda a vida loitando contra os represores e penso seguir facéndoo ata o
final. Isaac Díaz Pardo
acaba de darlle un poder notarial á fundación para que se poida investigar por
fin o asasinato do seu pai, que foi fusilado polos falanxistas.
Din que
vostede é a voz dos exiliados represaliados.
Eu son unha
exiliada máis. Tiven que deixar Galicia en 1936, con 13 anos. Desde ese intre
sentinme moi involucrada co que ocorría. Moitos dos meus amigos foron
asasinados. Tiven a sorte de que o meu pai, alcalde de Vilagarcía e deputado en
Cortes durante a Segunda República, puido levarnos a Portugal. Grazas a Claudio
Sánchez-Albornoz, daquela embaixador de España en Lisboa, chegamos a Marsella
facéndonos pasar por emigrantes de América. Despois de botar tres anos en
Francia tamén tivemos que exiliarnos pola Segunda Guerra Mundial. Fomos a
Arxentina porque a miña bisavoa nacera alí e meu pai tamén fora residente. Tras
cinco anos volvín a Galicia.
Por que
decidiu regresar?
Por amor.
Porque Ramón Valenzuela me pediu que viaxara a Galicia para casar con el.
Coñecérao durante a miña estancia en Francia, onde el colaboraba con
iniciativas que recadaban cartos para facer escolas en España, porque ao
franquismo interesáballe que os paisanos seguiran sendo analfabetos. Coa
ocupación alemá, a Gestapo prendeuno por opoñerse ao nazismo e ao fascismo e
entregouno ás autoridades españolas. Encarcerárono varios anos en Ávila e
conseguiu volver á súa Bandeira natal, aínda que baixo liberdade vixiada.
Esperamos un ano para que lle concederan o indulto e logo marchamos de novo a
Bos Aires.
Con que
situación se atoparon ao regresar a Galicia?
As cousas
seguían iguais e non había cambio, non había esperanza. Así, decidimos marchar
de novo a Bos Aires, onde naceron os nosos dous fillos. Este segundo exilio
arxentino durou 17 anos. En 1966 decidimos volver pero a Madrid, xa que en
Galicia a situación era máis complicada. Sabiamos que moitos galeguistas vivían
co medo no corpo. Aínda así, tras tres exilios e unha vida marcada, sempre nos
quedou o desexo de instalarnos en Galicia.
No seu libro
‘Tres tempos e a esperanza’ conta a historia dunha mestra tía súa republicana á
que lle lía teatro no cárcere. Por que a prenderon?
A miña tía,
Argentina Villaverde, era unha mestra exemplar. Preocupábase moito polos
raparigos. Nos primeiros meses da Guerra Civil dáballe moita pena ver o mal
vestidos que ían á escola os cativos, case non tiñan que poñerse. Organizou
unha colecta para mercarlles tecidos e facerlles un uniforme. Mercou fíos
brancos e vermellos, os traxes quedáronlle morados e metérona no cárcere por
vestir de roxos aos nenos. A última edición do libro é da histórica editorial A Nosa Terra, que por desgraza chegou á
súa fin.
Tamén
escribiu que “a esperanza estaba fóra de Galicia”, está fóra tamén neste
momento para que se xulgue aos que exerceron a represión?
Si. Sempre gardei a esperanza de que chegara ese día, aínda que
por sorte a maioría están mortos. Eu era unha nena e todo o que pasou cambioume
a vida. Meu pai ensinoume a ser unha persoa comprometida politicamente. E o meu
marido que hai que loitar ata o final e que non hai que esquecer. Eu non esquezo
a infamia franquista, por iso aceptei a presidencia da Fundación Galega Contra
a Impunidade. Non teño a vitalidade de antes e é estupendo que a xente nova se
implique neste tema, pero o importante é que todo o mundo coñeza a barbarie
franquista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario