domingo, 31 de outubro de 2010

Un millón de nenos sofre acoso, castigo corporal e violencia sexual no colexio


Oitenta e nove países carecen de lexislación que protexa os rapaces das agresións nas escolas, entre eles Francia, Liberia, México, Marrocos, Ruanda, Arabia Saudita ou vinte estados de EEUU ·· En Exipto o 80% dos alumnos asegura ser golpeado ·· Galiza, a través da lexislación estatal, contempla a prohibición total desde o 2007
M. TOJO . SANTIAGO
Acoso escolar, castigo corporal e violencia sexual son as tres formas de violencia nas escolas. Na India, o 65% dos alumnos de trece estados, asegura ser golpeado por un profesor pero a maioría non denuncia por medo. En Nepal, onde o castigo corporal aos nenos é unha práctica habitual, o 14% do abandono escolar prodúcese por temor aos profesores. En Ecuador o 37% das adolescentes vítimas de violencia sexual sinalaron os mestres como perpetradores. En Suráfrica, os profesores foron responsábeis dun terzo das violacións. En Reino Unido, os mozos de 16 anos que sufriron acoso teñen o dobre de posibilidades de non ter estudos ou formación, e optan a salarios máis baixos. En Estados Unidos, o 23 por cento dos nenos leva armas de fogo á escola e o 12 por cento recoñece participar nun acto de violencia no último ano. Son datos do informe da campaña Aprender sen Medo da ONG Plan ao que tivo acceso este xornal.
Actualmente, só 108 países teñen lexislación na materia, e apenas 29 deles protexen os nenos da violencia corporal en todos os ámbitos (na casa, no colexio e en calquera situación). Entre os que non cumpren, un total de oitenta e nove, están entre eles: Francia, Liberia, México, Marrocos, Ruanda, Arabia Saudita ou 20 estados de EEUU. O Estado español uniuse á prohibición total no 2007.
A situación é especialmente difícil nos países en vías de desenvolvemento. Segundo o segundo informe da campaña Aprender sen medo, elaborado conxuntamente co Overseas Development Institute de Londres a partir dos resultados de estudos en trece países, hai unha relación directa entre a baixa capacidade adquisitiva da contorna do alumno e unha maior incidencia da violencia.
Os efectos máis documentados sobre os alumnos e alumnas son aqueles sobre a saúde mental. No Brasil, por exemplo, onde o acoso escolar entre alumnos é un importante problema, o 84% dos estudantes considera a súa escola como unha contorna violenta. Comprobouse, ademais, que o 27% das vítimas perden interese e entusiasmo e o 14% vai ao colexio con medo.
"Faise coerción erótica a cambio de mellores notas"
A violencia sexual sobre as nenas é unha realidade en moitos países de Asia e Ámérica, e especialmente en miles de escolas en África, un continente onde apenas 21 dos 54 países penaliza legalmente o castigo corporal aos alumnos.
En Estados como Nixeria, o 88% dos profesores recoñece que nas súas escolas se producen incidentes sexuais que implican o profesorado e alumnas. O 6% das estudantes en Gana asegura ser obxecto de chantaxe sexual por parte dun mestre para obter mellores cualificacións e en Uganda -entre outros exemplos-, o 8% das estudantes entre 16 e 17 anos afirma ter relacións sexuais cos seus profesores. Os profesores solicitan intercambios sexuais ás nenas a cambio de mellores notas ou de redución das taxas escolares. Outra práctica tradicional consiste en atraer as alumnas aos seus domicilios privados coa escusa de axudarlles coas tarefas extraescolares. Dáse o caso tamén de estudantes homes que ofrecen as súas compañeiras mulleres a profesores a cambio de que se lles reduzan ou anulen os custos de escolarización.
Os motivos para este comportamento teñen unha profunda raíz cultural e social, segundo Houinato Bell´Aube, director de PLAN en Benín e experto en violencia sexual nas escolas. "O profesorado non está cualificado. O perfil medio dun profesor nunha escola rural africana é o dun home novo, con apenas estudos de primaria, que emigra á cidade e, a pesar de que finalmente se ve obrigado a regresar á aldea por falta de oportunidades, no pobo é percibido como alguén con coñecementos porque viviu fose e noméaselle mestre", explica Bell´Aube. "Ademais, trátase de sociedades onde as relacións de poder están centradas no home, as mulleres son percibidas como obxecto pasivo e ignórase o dereito das nenas a non ser utilizadas sexualmente".
Os efectos da violencia sexual na saúde física das nenas van desde o trauma psicolóxico até embarazos e enfermidades de transmisión sexual. Así, segundo un estudo realizado en Etiopia, o 10.6% das vítimas de violencia sexual quedaron embarazadas e o 23,5% contraeu algún tipo de enfermidade. Ningunha das alumnas buscou tratamento por medo a que se descubrise a súa condición. De cando en cando, ademais, conséguese condenar aos culpables. En numerosas ocasións, ademais, as familias acceden a chegar a un acordo fose do sistema legal a cambio dunha compensación económica ou para manter o caso oculto. A denuncias recibidas, principalmente de nenas en zonas rurais, levaron ao goberno kenyano a proceder á detención e retirada da docencia de 1.000 mestres acusados de casos de violencia sexual.
O DATO
O custo económico, só en trece países, alcanza os 45.000 millóns de euros
A violencia desenvolvida polos nenos que son abusados na escola acaba tendo un impacto na economía do país. Un adulto violento aumenta os custos de asistencia social, sanitaria e non resulta produtivo para a sociedade. En Brasil, por exemplo, o 5% dos nenos que sofren violencia escolar acaban implicados nalgún tipo de agresión como adolescente. Se o custo da violencia xuvenil en Brasil calcúlase en 13 millóns de euros, o custo derivado da crueldade nas escolas é de 680 millóns de euros ao ano, cerca do 15% do Produto Interior Bruto (PIB) do país.
En Guatemala, os beneficios non xerados ou perdidos polas altas taxas de abandono escolar, ascenden ao 59% do PIB. En Arxentina, a porcentaxe é do 11,4%.
O custo total das perdas económicas derivadas da violencia escolar, só nos 13 países analizados no estudo, alcanza os 45.000 millóns de euros.
Os danos psicolóxicos poden durar para sempre. Os nenos acosados son cinco veces máis propensos á depresión que os seus compañeiros, e as nenas desenvolven tendencias suicidas nunha proporción oito veces maior. Ademais, o 80% dos nenos abusados desenvolven algún tipo de desorde psiquiátrica de adulto e un terzo exercerá violencia sobre os seus fillos. Aqueles que sufriron danos como nenos teñen 2.7 máis oportunidades de ser arrestados por comportamento criminal como adulto e 11 veces máis de adolescentes.
A ONG Plan, a través da súa campaña internacional "Aprender sen Medo", traballa en 44 países desenvolvendo programas con profesores e alumnos e impulsa a creación de leis e políticas concretas de protección ao menor na contorna escolar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario