Domingo Rodríguez: "A
memoria dos ex presos é moi importante, pero non é a verdade absoluta, senón
unha fonte que hai que tomar coas mesmas precaucións que as demais"
MONTSE DOPICO . SANTIAGO
As memorias dos
ex-reclusos constitúen unha fonte historiográfica importante, pero deben ser
tomadas coa mesma precaución que a documentación institucional. A Historia non
é o mesmo que as memorias. Así o cre o historiador Domingo Rodríguez Teijeiro,
que acaba de publicar en Galaxia o ensaio Presos e Prisións na Galicia de
Guerra e Posguerra (1936-1945). Os cárceres franquistas, pensa, ademais de
seren piares da represión coa súa función punitiva, eran realmente considerados
polas autoridades do réxime centros de reeducación, redención moral dos presos.
Hai acordo entre os
historiadores na idea de que o cárcere foi parte fundamental da represión. O
que xa non é tan común é analizar o tema, como fai vostede, a partir da
documentación institucional, sen esquecer tampouco as memorias dos ex-reclusos.
Nin abordalo desde unha perspectiva alén do local.
Este é o primeiro traballo
que tenta dar unha visión xenérica de toda Galicia, e está feito a partir dos
documentos das prisións, sobre todo de Ourense. Ademais, ten unha vocación
xeral: o que se di pódese extrapolar a nivel de España. En Galicia temos menos
memorias de ex presos, e ademais temos a sorte de contar co arquivo da antiga
prisión provincial de Ourense. Ese punto de vista institucional non exclúe,
senón que completa, o punto de vista dos presos. A memoria dos presos é unha
fonte máis, moi importante para recuperar a voz de todas as persoas que non nos
deixaron a súa memoria, pero non é a verdade absoluta. Hai que tomala coas
mesmas precaucións que as outras fontes. Unha cousa é a memoria e outra a
Historia.
O entramado lexislativo do
sistema carcerario é unha mostra máis do carácter planificado da represión,
segundo comenta vostede...
É algo que dixeron outros
historiadores como Julio Prada. Aquí vese claramente: non hai un momento no que
as prisións sexan autónomas. Son controladas polas autoridades.
O cárcere servía ao réxime
para vingarse, exterminar o que chamaban anti-España, para amedrentar a posible
oposición política... Así se poden entender as precarias condicións de vida dos
presos nelas...
Si e non. A precariedade
tiña unha función de castigo, si. Pero tamén era consecuencia de que nin o
sistema carcerario estaba deseñado para acoller tanta xente -270.719 persoas a
1 de xaneiro do 1940 segundo as cifras oficiais, máis as 90.000 dos campos de
concentración-, nin había medios materiais, e ademais non todos os responsables
carcerarios e políticos estaban por mellorar as condicións de vida dos presos,
que variaban segundo a personalidade dos carcereiros...
Nin todos os cárceres eran
do mesmo tipo, nin eran o mesmo que os campos de concentración, di...
Javier Rodrigo fixo un
estudo moi bo dos campos de concentración. Os campos teñen máis impacto que os
cárceres, sobre todo mediático. E é un erro pensar que todos os campos eran
como Auschwitz. Non se pode meter todo no mesmo saco. A memoria histórica está
de moda...
As cifras son aínda
discutidas...
Na guerra, son imposibles
de calcular. Nunca saberemos cantas persoas pasaron polos cárceres. Na
posguerra si hai cifras oficiais. A partir do 43 edítase un anuario bastante
detallado...
Os presos contribuían a
pagar a súa estancia co seu traballo, que foi utilizado tamén para facer
propaganda no exterior, e mesmo foi un xeito de aliviar o desbordamento dos
cárceres coa excarceración progresiva, apunta vostede...
Este é un dos eixes do
sistema carcerario. A explotación laboral é un dos aspectos máis coñecidos, que
o réxime non agochaba. Pero pagar a estancia non era a única función. En
realidade son moi poucos os reclusos que acceden a isto. Parte da función do
sistema de redención era precisamente "redimir" a través do traballo,
reeducar, axudar a modificar a ideoloxía do preso, adoutrinalo, resocializalo
nos principios do réxime. Lavarlles o cerebro, se queres dicilo así, para poder
liberalos canto antes. E non foi a redución da pena por traballo o principal
modo de excarceralos, senón a liberdade condicional, -un aspecto tamén pouco
tratado que abordo nun segundo libro, centrado en España en xeral, que teño
escrito e está á busca de editor-... Todo o sistema está deseñado para os
presos que son consecuencia da guerra.
Os presos non se amosaban
resignados e submisos, senón que resistían como podían, subliñas.
Os libros de memorias
foron escritos polas persoas máis concienciadas, que eran minoría, por iso
poden distorsionar a imaxe do que era a resistencia. Si é certo que comunistas,
anarquistas... chegaron a organizarse no cárcere. Pero os demais reclusos non
foron simples suxeitos pasivos, senón que artellaron pequenos actos de
rebeldía. Desde cantar "rancho" en vez de "Franco"...
ACTUALIDADE
"O de Celanova foi o
cárcere máis importante de Galicia"
Como condicionou todo ese
sistema carcerario artellado ata o 45 o sistema posterior?
Ata o ano 42 van saíndo os
decretos e normas que lle dan forma ó sistema do primeiro franquismo. No 45
inclúense algunhas cuestións no Código penal, e no 48 publícase un novo
regulamento dos cárceres que funciona nos anos 50. Por exemplo, a idea da
redención da pena chega á democracia, e mantense hoxe. Toda a polémica que
houbo con De Juana Chaos pola súa redución de pena ten a súa base neste legado
do franquismo...
A Illa de San Simón foi
símbolo da recuperación da memoria histórica co anterior goberno. É moi
representativa do que pasou?
Ten características
especiais para facela lugar da memoria, como o feito de ser unha illa: nada
simboliza mellor o illamento. Pero en volume de presos, por exemplo, no cárcere
do mosteiro de Celanova houbo máis. A de Celanova foi a prisión máis importante
de Galicia, se cadra.
Agora xa non é a illa da
memoria. Que lle parece como historiador?
As políticas da memoria
son cousa dos políticos, cambiou o goberno e cambiou a política. Como
historiador, non sei se unha illa é o mellor sitio para un arquivo, nin sei se
é necesario que haxa un lugar de memoria na illa. O que é máis importante é que
coñezamos o que pasou...
O cambio de política si
afectou moito ás asociacións da memoria. Aínda que hai historiadores que xa
antes do Ano da Memoria traballaban nisto e agora seguen a facelo...
Hai
anos que fixen un estudo sobre o cárcere de Celanova e o concello, que é do PP,
nunca me puxo problemas, ó contrario. Unha cousa é a memoria e outra a
historia. Cando se fala de memoria, en realidade estase falando moitas veces do
presente, non do pasado. Os debates xiran arredor de políticas do presente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario