xoves, 28 de outubro de 2010

O xenocidio do exilio ruandés que fai tremer África


De vítimas a verdugos: a ONU revela nun arrepiante relatorio a vinganza dos tutsis contra os huts en territorio congolés
RICARDO RODRÍGUEZ 10/10/2010
A maioría das vítimas eran cativos, mulleres, anciáns e doentes. Moitos deles estaban desnutridos, e non supoñían ningún tipo de ameaza nin para os rebeldes congoleses que en 1996 depuxeron a Mobutu Sese Seko en Zaire nin para as tropas ruandesas que entraron nese país para axudalos a empoleirarse no poder e perpetrar a limpeza étnica. Eran hutus e fuxiran de Ruanda en 1994, despois de que tropas e milicias desta etnia masacrasen os tutsis no peor xenocidio africano, que deixou un millón de persoas. Vivían amoreados en campos de refuxiados en Zaire. Sen protección internacional. Afastados do foco mediático. Foron eliminados entre 1996 e 1998 nunha operación sistematicamente planeada polo Exército ruandés e na que outros países veciños aproveitaron para axustarlles as contas aos disidentes exilados no Congo. Catorce anos despois, denúnciao a ONU. Négao Kagame, o cuestionado presidente –tutsi– ruandés que hai apenas dous meses chegou a Madrid disposto a estreitar a man do presidente español, José Luis Rodríguez Zapatero. Tamén outros países coma Angola ou Uganda, que agora se ven zarrapicados por unha investigación que a ONU quere levar ante os tribunais. Esta é a historia dunha vinganza urdida durante dous anos e medio. O relato de cómo as vítimas se converteron en verdugos e os verdugos en vítimas no corazón da África das tebras.
En 1994, Ruanda era un país habitado por dúas etnias, os hutus e os tutsis. Compartían lingua –o bantú– e relixión –o catolicismo–. Porén, o seu peso demográfico diverxía. O 85% da poboación en Ruanda e Burundi era hutu antes do xenocidio dos tutsis. Con todo, historicamente os tutsis dominaran a rexión. Durante séculos, gobernou a súa monarquía. Aos hutus considerábanos basicamente traballadores. E, malia ser unha minoría étnica, conservaron o poder tanto en Ruanda coma en Burundi nos anos de dominio colonial belga e baixo a administración da ONU, tras a II Guerra Mundial. En 1961, mudaron as tornas. Con apoio dos colonos belgas, a maioría hutu depuxo o derradeiro rei tutsi e proclamou a República. Dese dominio e desa superioridade étnica agromou durante décadas un resentimento entre os hutus. Por iso máis da metade da poboación tutsi abandonou o país nos anos seguintes.
O xeneral Juvenal Habyarimana, da etnia hutu, tomou o control do país en 1973 tras un golpe de estado e gobernou con puño de ferro o país até que en 1990 a oposición ruandesa no exilio –a Fronte Patriótica Ruandesa (FPR), o partido do actual presidente ruandés Paul Kagame– invadiu o país con axuda de Uganda e principiou unha guerra civil para derrocar o réxime de Habyarimana. O militar despregou daquela unha estratexia racista para facer fronte á ameaza tutsi: o racismo.
Tanzania, con apoio dos gobernos occidentais, forxou en 1993 conversas de paz entre os rebeldes e o goberno que remataron nos acordos de Arusha. Habayarimana aínda presidía o país en transición cando o avión no que viaxaba en compaña do presidente de Burundi, Cyprien Ntaryamira, foi abatido por un mísil cando se dispoñía a aterrar en Kigali. Os tutsis foron acusados do magnicidio. O exército tomou o control do país. Comezou a matanza sistemática de tutsis por parte do exército, as milicias Interahamwe e os propios civís hutus que foron animados a participar no masacre con machados e coitelos.
Dezaseis anos despois daquela matanza, a ONU considera que hai probas abondo para documentar un segundo xenocidio dos tutsis contra os hutus. E que esa matanza debe ser xulgada nun tribunal penal internacional. A vinganza xestouse durante dous anos. Nacións Unidas acusa o actual presidente, Paul Kagame, e a varios membros do seu goberno de centos de actos de xenocidio contra os refuxiados hutus. As forzas ruandesas (FPR) e as de Laurent-Désiré Kabila, líder dos rebeldes congoleños da Alianza de Forzas Democráticas para a Liberación do Congo (ADFL), perpetraron ataques “sistemáticos, metódicos e premeditados contra os hutus en todas e cada unha das localidades nas que os refuxiados eran descubertos polas AFDL/FPR sobre unha vasta estensión do territorio”. O extenso relatorio da ONU abre a caixa dos horrores na rexión dos Grandes Lagos dous anos despois de que Theoneste Bagosora, o líder militar hutu que dirixiu o xenocidio contra os tutsis, fose declarado culpábel por un tribunal internacional.
Uns 700.000 hutus fuxiran de Ruanda despois do xenocidio a Zaire, en xullo de 1994. Entre eles, soldados das Forzas Armadas Ruandesas e integrantes das milicias Interahamwe, responsábeis de perpetrar o xenocidio, e que buscaban tirar proveito da alianza histórica co ditador Mobutu para converter os campos de refuxiados en bases de adestramento para unha futura guerra contra as milicias tutsis de Kagame. A maior parte deles asentáronse na provincia de Kivu, de onde uns 200.000 tutsis decidiron regresar a Ruanda, baixo control das forzas de Paul Kagame. Algúns dos que continuaron en Zaire sufriron o acoso das forzas de seguridade e outros foron asasinados polas milicias hutus exiladas na provincia zaireña de Kivu. A ONU conclúe que o número de vítimas destes masacres é imposíbel de determinar entre xullo de 1994 e xuño de 1996.
Nese ano, Zaire está mergullado nunha guerra civil. E a partires de xullo de 1996 as unidades ruandesas integradas por banyamulengues e tutsis infíltranse no territorio de Kivu. Porén, é en outubro dese ano, logo de que os rebeldes de Kabila constituísen oficialmente o AFDL, cando as tropas ruandesas e de Burundi (FAB) penetran en Zaire, pola zona de Uvira, e “levan a cabo ataques sistemáticos contra os campos de refuxiados ruandeses e burundeses”–uns 200.000–.
A ONU asegura no seu relatorio que estes ataques producíronse logo de que os soldados do antigas Forzas Armadas Ruandesas e os membros das milicias Interahamwe xa abandonaran os campamentos antes da invasión. Os refuxiados capturados son executados a queimarroupa. Logo, os habitantes das vilas próximas son obrigados a soterralos en fosas comúns. O 20 de outubro de 1996 son cen os hutus ruandeses e burundeses executados nos campos de Itara. Ignórase o número dos executados no de Kanganiro, aínda que os 20 doentes que estaban na enfermería do hospital foron executados na súa totalidade. 21 de outubro de 1996. Os rebeldes congoleses e as tropas ruandesas e burundesas entran do campo de Lubarika. Descoñécese a magnitude da matanza. No campo veciño de Luberizi son 370 refuxiados os asasinados ese día. As operacións continúan durante o mes de novembro. O número total de vítimas, descoñecido. Na vila de Ndunda son 200. Outros moitos afogan no río mentres tentan fuxir das razzias.
As unidades ruandesas estabelecen check points en Uvira co pretexto de identificar os refuxiados e devolvelos aos seus países de orixe. Os que polo acento, o xeito de vestir ou a fisiognomía semellan hutus son separados e executados nas inmediacións. Nun só día, o 22 de outubro de 1996 son executados 550. A alianza do AFDL/FRP/ FAB perpetra a mesma política de terra queimada contra os hutus no seu avance por outros territorios zaireños. O exterminio sofistícase na súa persecución dos refuxiados. A ONU asegura que en abril de 1997, cando entre 60 e 120 persoas morrían por doenzas ou esgotamento os soldados do AFDL/APR prohiben a entrada de axencias humanitarias aos campos en numerosas ocasións na área de Masisi. Un mes despois, Kabila está no poder e Zaire deixa de existir. Nace a República Democrática do Congo.
A principios de 1998, cando os favores sexuais da bolseira Lewinski ao presidente Bill Clinton constituían a cerna da información internacional en medio mundo, África estaba mergullada na súa primeira guerra mundial. As tropas ruandesas volven invadir o Congo por esas datas, pero desta volta para combater o seu antigo aliado, Kabila, ao que Kagame acusa agora de axudar os hutus. Esa invasión desatou o que se coñece coma Primeira Guerra Mundial Africana (1998-2003), na que participaron oito países e 21 milicias rebeldes, e que deixou entre tres e catro millóns de mortos. O principal botín, a riqueza mineira da República Democrática do Congo. O Goberno de Kagame obtivo a súa porción. O control de minas de coltan fornecíalle a principios de 2000 un ingresos mensuais de 20 millóns de dólares.
De xeito paralelo, continuaron as execucións, a violencia sexual contra as mulleres e o secuestro de rapaces para convertelos en soldados por parte das tropas ruandesas. “Está claro que brutalidades coma as que se describen [...] non poderían ter ocorrido sen o consentemento, cando menos tácito, daquelas persoas en posicións de poder que permitiron que a impunidade se estabelecera”, conclúe o relatorio de Nacións Unidas.
O informe tamén acusa a Angola de ter aproveitado a súa intervención no Congo para atacar aos disidentes da provincia de Cabinda exilados nese país. De ter violado mulleres e saqueado hospitais. E a Uganda de ter perpetrado matanzas de civís e torturas durante a súa ofensiva no Congo para combater ao grupo rebelde ugandés Alianza de Forzas Democráticas.
Ruanda desafía as acusacións da ONU. Considera o relatorio un “insulto á historia”, unha “trapallada” e “unha fraude”, “que mina a estabilidade da rexión dos Grandes Lagos”. Kagame retirou a ameaza de repregar os cascos azuis ruandeses de Darfur cando o informe se filtrou. Porén Uganda estuda retirar as súas tropas de pacificación en Somalia. Os analistas coinciden en que o que máis amolou a Kagame deste informe foi o termo “xenocidio”. O presidente ruandés e os seus círculos máis achegados crearon unha imaxe moral da súa xestión por ter acabado coa matanza hutu en 1994. A República Democrática do Congo terá que dar agora o paso para poñer a proba a verdadeira moralidade do líder tutsi.

Ningún comentario:

Publicar un comentario