Cúmprense dúas décadas do atentado na
discoteca compostelá que lle custou a vida a unha estudante e a dous membros do
Exército Guerrilleiro
DARÍO CASAL . SANTIAGO

Dentro, naquel momento,
había unhas cen persoas e tres delas non verían amencer. Dous dos falecidos
eran activistas do Exército Guerrilleiro do Pobo Galego Ceibe, X. Ignacio
Villar e María Dolores Castro Lamas, ambos de vinte e tantos anos, e a terceira
unha estudante, Mercedes Domínguez, de 26 anos. O número de feridos, algúns de
gravidade, ascendeu até case medio cento.
Moi pronto se sabería que
o atentado foi organizado pola citada organización de signo independentista e
que os dous activistas mortos non tiñan ningunha experiencia na manipulación e
colocación de explosivos, por iso é polo que a rudimentaria bomba que
transportaban lles estourou nos narices.
Tamén se soubo, en canto
comezou a investigación policial, que o artefacto estalou a destempo,
precisamente estimulado polos excesos decibélicos dun altofalante próximo, e
que o plan inicial consistía en voar o local horas máis tarde, cando os
clientes volvesen ás súas casas tras a noite festiva.
Que significou o fenómeno
Clángor nunha Compostela que, daquela, non durmía nin de día nin de noite desde
o mesmo luns e até o sábado? E é que, para moitos, a desaparición de Clángor
supuxo tamén, en certo xeito, a morte da movida, polo menos tal e como se
entendía entón, e a fin dunha época que estivo marcada por unha música moi
peculiar e unha forma moi especial de entender a noite, que case sempre reunía
os mesmos noctámbulos nos mesmos sitios e ás mesmas horas tras seguir unha ruta
fixa, primeiro andando e logo en coche... E a noite adoitaba acabar en Clángor,
na Ponte da Rocha.
Hoxe, un universitario que
daquela, hai hoxe 20 anos, servía copas na discoteca propiedade de Fernando
Pereira, Fran o de Ferrol, e unha clienta habitual que foi testemuña do
bombazo, Carmen, lembran como viviron a madrugada do 11 de outubro de 1990 e
que significou para eles a desaparición de Clángor. Carmen, botando a vista
atrás, explica esta última cuestión dunha forma un tanto sentimental: "Non
sabería explicar moi ben por que, pero era moi diferente saír sabendo que
acabarías en Clángor e sabendo que non. Si, algo cambiou desde entón. De
súpeto, escoitei o ruído como o dun petardo de feira e pensei... vaia, algún
imbécil anda por aí facendo o gracioso. Virei a cara para ver que pasara e
entón sentín como o empurrón dunha gran onda que me tirou ao chan, a min e a
todos os que estaban preto", conta. "Algúns corrían e berraban, pero
non son consciente de que se producise unha avalancha. Saímos, sen máis, e eu enseguida
empecei a buscar o meu irmán. Tanto é así que volvín entrar na discoteca para
buscalo. Dentro había moito po e cascotes caídos. Apenas se vía nada, pero si
puiden ver tirado no chan un mozo que estaba totalmente ensanguentado".
Aquel mozo era o activista que portaba a bomba. Tras a súa procura infrutuosa,
Carmen saíu de novo da discoteca e atopouse co seu irmán, que andaba buscándoa
a ela. Fran, o de Ferrol, que daquela levaba xa máis de dous anos servindo
copas en Clángor, lembra tamén perfectamente que o estourido do explosivo non
foi, en absoluto, o típico bombazo que che rebenta os oídos. Curiosamente, do
mesmo xeito que Carmen, identificou o ruído como similar ao dun petardo ou
traca de feira.
DATOS
"Non foi
atronador"
"Non foi atronador,
aínda que si foi o suficientemente potente para que o falso teito da discoteca
viñese abaixo e deixase o cableado ao aire, quedando todo ás escuras",
lembra Fran. Coincide con Carmen en que naquel momento había aínda pouca xente
dentro. O explosivo converteu en cachizas unha parede de ladrillo próxima e
foron estes anacos os que, ao saír despedidos, lles causaron máis danos aos
clientes.
Unha película sobre os
feitos
Consciente de que Clángor
foi unha referencia para
miles de mozos galegos pertencentes á chamada xeración da movida, o produtor
cinematográfico Pablo Iglesias tivo a idea, en 2008, de rodar unha película que
conmemorase o que foi e o que significou esta sala compostelá. Para iso, reu-
niu testemuños dos que viviron aquela época, dalgúns dos que salvaron polos pelos
o pelello aquela fatídica noite e, tamén, de músicos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario