sábado, 2 de outubro de 2010

No s. XXI hai máis escravos que nos 200 anos previos


Entre 14 e 25 millóns de persoas están a vivir unha situación laboral de extrema precariedade
EFE . BARCELONA
Entre 14 e 25 millóns de persoas traballan actualmente en réxime de escravitude, unha cifra superior á dos escravos que foron raptados o século XIX en África para ser trasladados a América, segundo se destacou onte na presentación do libro "Emprego, traballo e desigualdades en saúde: unha visión global". Esta publicación, que parte dun informe realizado en 2007 pola Comisión de Determinantes Sociais da Saúde da OMS, e do que son autores Joan Benach e Carles Muntaner, mostra como as condicións de emprego afectan as desigualdades de saúde dos traballadores de todo o mundo.
Benach, profesor da Universidade Politécnica de Cataluña, explicou que "entre 14 e 25 millóns de persoas traballan en réxime de escravitude, un fenómeno invisible que se dá en ámbitos tan dispares como redes de prostitución europeas ou empresas de materias primas". Citou como exemplo desta situación a recolección do cacao para grandes multinacionais en países como Costa do Marfil, onde traballan máis de 100.000 nenos sen ningún dereito, ou cosendo pelotas de fútbol para grandes marcas e acontecementos deportivos.
Segundo estes expertos, as persoas estamos afeitas pensar na saúde en termos biolóxicos e en función do estilo de vida, pero existen certos factores sociais como a calidade da vivenda, o nivel económico, a globalización e as condicións de emprego e traballo inciden directamente na saúde. Neste sentido, remarcou que as desigualdades de saúde derivadas do emprego están estreitamente vinculadas a outras desigualdades sociais, entre elas as diferenzas de riqueza, de participación política e de educación.
Para Benach, o desemprego, que afecta a uns 212 millóns de persoas, e a precariedade laboral, que padecen uns 1.400 millóns de persoas no mundo, que son os denominados traballadores pobres, aumentan a posibilidade de padecer enfermidades crónicas como alcoholismo, tabaquismo, depresión, trastornos de ansiedade e de morrer prematuramente. Sobre a orixe desta situación, tanto Benach como Carles Muntaner, catedrático da Escola de Saúde Pública da Universidade de Toronto (Canadá), consideran que está na falta de políticas sociais e na forma que teñen os gobernos de relacionarse coas grandes empresas. Muntaner defendeu ademais que "a precariedade laboral é tamén o medo a exercer os dereitos do traballador, non gozar de autonomía, ter salarios baixos ou padecer exclusión de beneficios sociais como vacacións ou asistencia sanitaria"
DATO
Inmigrante nova, altísimo risco
O estudo sinala que en España, un home de clase alta e de 30 anos ten un 20% de posibilidades de ter un situación laboral precaria, mentres que no caso dunha muller inmigrante e nova o risco elévase ó 90%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario