Unha exposición en Berlín amosa como a poboación civil alemá vía os
traballadores forzados do III Reich como algo cotián
CARLOS ÁLVARO ROLDÁN . EFE
Os máis de 20 millóns de europeos deportados e escravizados como
traballadores forzosos pola Alemaña nazi entre 1933 e 1945, e a actitude dos
propios cidadáns alemáns ante o uso de man de obra escrava, centran desde onte
unha ampla exposición no Museo Xudeu de Berlín. A directora de programación do
Museo, Cilly Kugelmann, recoñeceu que Traballadores Forzosos, que se
poderá ver ata o 30 de xaneiro, ten a iniciativa de presentar os feitos
"non exclusivamente desde unha perspectiva xudía", e é pouco habitual
no centro.
Aínda que as autoridades nacionalsocialistas comezaron a utilizar
traballadores forzosos xa desde 1933, segundo recordou o comisario da
exposición, Jens-Christian Wagner, "é a partir de 1942 cando se converte
en algo masivo, sobre todo cando a economía alemá queda sen traballadores ó ter
que envialos á fronte". "A maioría das empresas alemás non poderían
sobrevivir sen eses traballadores escravos", sostivo Wagner, quen destacou
tamén que todos os civís alemáns na retagarda foron conscientes da súa existencia
e vivírono como algo "cotián".
Non só grandes firmas como Mercedes Benz, BMW ou Siemens se beneficiaron
da man de obra escrava ofrecida polas autoridades nacionalsocialistas. Moitos
dos traballadores foron destinados a pequenas empresas e fábricas ou a
explotacións agrícolas, a máis diso servir como criados ó mesmo exército alemán
ou axudar na creación e reparación de estradas e proteccións xunto ás costas,
recordou pola súa banda o director da Fundación pola Memoria de Buchenwald e
Mittelbaudora, Volkhard Knigge. Para Knigge, a cifra de "máis de 20
millóns" ó falar dos traballadores forzosos "é bastante
conservadora".
O contexto racista foi esencial
Neste sentido, subliñou que "o contexto racista foi esencial desde
o primeiro momento" e que os alemáns "non tiveron maiores problemas
para crear unha relación cotiá" con eses traballadores escravos. O
aparello de propaganda nazi, segundo Knigge, "conseguiu en moitos casos
deshumanizar os traballadores estranxeiros, que eran catalogados como Untermenschen
(seres humanos inferiores)".
O comisario Wagner explicou que, aínda que cada día os datos deben
actualizarse, calcúlase que os países do Leste -que foron caendo ante o empuxe
da maquinaria de guerra nazi- achegaron preto de 8,4 millóns de traballadores
forzados. Entre os prisioneiros de guerra, 4,6 millóns fixeron traballos
forzosos, ós que se sumaron 200.000 condenados en prisión.
Wagner sinalou que se estima en 110.000 os xudeus destinados a traballos
forzados, ademais dalgúns miles de xitanos e ao redor dun millón de
prisioneiros dos campos de exterminio. "Para xudeus e xitanos, o traballo
forzoso só era un paso intermedio cara á morte", admitiu Wagner. Günter
Saathoff, presidente da Fundación Recordos, Responsabilidade e Futuro, insistiu
na presentación da exposición en que "o propio nacionalsocialismo
funcionou en gran parte grazas ós traballadores forzosos".
Volkhard Knigge explicou que a exposición intenta evitar "un
concepto teatral baseado só na dor ou nas emocións". Máis optaron
"por un concepto visual, sen dramas, así a historia cóntase ela mesma a
través das imaxes", remarcou Knigge, quen non dubidou en recordar que
moitos dos traballadores forzosos que sobreviviron á era nazi despois acabaron
en campos de traballo da Unión Soviética.
A mostra conta co patrocinio do presidente de Alemaña, Christian Wulff,
e tras o seu paso polo país xermano ten prevista a súa exposición en países
Francia e Estados Unidos.
DAVID IRVING
Viaxe de Irving para honrar o Fürer
O historiador e revisionista británico David Irving, coñecido pola súa
reincidente negación do Holocausto, visitou onte o antigo cuartel xeral de
Adolf Hitler en Polonia, onde tivo lugar o errado atentado contra o Führer,
o 20 de xullo de 1944, orquestrado por un grupo de oficiais nazis.
Irving chegou ó lugar arroupado por seguidores europeos e
estadounidenses que o seguen na súa viaxe por varios puntos do Polonia,
incluídos antigos campos de concentración nazis. A visita do
"negacionista" está baixo observación da policía e as autoridades
polacas, que seguen o seu percorrido e intervencións por se incorrese en
delito. Irving chegou a Polonia hai uns días, á fronte dun grupo de turistas
cos que percorre lugares emblemáticos durante a II Guerra Mundial.
Entre os puntos que pretende visitar estaba o cuartel xeral onde o
oficial Claus Schenk Graf von Stauffenberg fallou no seu propósito de matar a
Hitler, convertido en símbolo da resistencia contra o nazismo.
Na ruta de Irving e os seus seguidores está incluído así mesmo o antigo
campo de concentración nazi de Treblinka, os restos do Gueto xudeu de Varsovia
e a antiga prisión alemá de Pawiak.
Segundo medios polacos, cada un dos turistas pagoulle preto de 2.000
euros polos seus servizos de guía. A visita de Irving non gusta no país
centroeuropeo, onde grupos como a organización antirracista Nunca Máis
xa lles pediron ás autoridades que poñan fin a unha presenza que consideran
"un insulto ás vítimas da II Guerra Mundial e do Holocausto".
En 2006, David Irving foi arrestado durante unha visita a Austria e
condenado por facer apoloxía do nazismo nun discurso de 1989.
Ningún comentario:
Publicar un comentario