‘Desembarco dos 80’ reúne fotografías, discos, vídeos e publicacións hoxe moi difíciles de atopar
IAGO MARTÍNEZ 20/04/2011 - 00:53 h.
Lois Pereiro e María Xosé Bravo |
A movida coruñesa, tal e como a contan na exposición Desembarco dos 80, empezou cun concerto dos Ramones no Riazor de 1981 e acabou, máis ou menos, cando tiña que acabar. Xosé Manuel Pereiro estaba alí. Ao principio: “Soaron mellor Los Suaves, pero estaba mal visto dicilo”. E ao final: “Cando as institucións retomaron o control”. O decano do Colexio de Xornalistas, entón vocalista de Radio Océano tras o alcume de Jonhy Rotring, é o comisario dunha mostra que rescata na sala de exposicións de María Pita até o vindeiro 19 de maio os cascallos de toda unha época. “Cando A Coruña foi posmoderna”, di o subtítulo. De cando á noite se perpetraban fanzines e polo día se definía o sistema político que padecemos.
“Ao saír do franquismo”, recorda Pereiro, “os medios e as institucións queríanse poñer axiña à la page. Tivemos sorte, porque esa explosión de creatividade coincidiu co punk e non co rock sinfónico, así que non era preciso ter dous anos de piano. Era abondo con querer tocar. E por enriba de todo iso, os oitenta non serían o que foron se non fose porque había ansia de consumo cultural. A receptividade era moi grande”.
Un par de entradas daquel concerto de novembro de 1981, con Los Suaves abrindo e 700 pesetas de entrada, inauguran o primeiro bloque da mostra, Todo empezou cos Ramones. Era o tempo do primeiro concurso de rock da cidade, con Loquillo e Ordovás entre os membros do xurado. Como agora, algúns revoltados arrepoñíanse contra a especulación – “Salvemos a Cruña!”, lese nun cartel– e unha parte da sociedade galega estaba preocupada polo Estatuto de Autonomía. Daquela, porén, Los Pegamoides posaban no salón de plenos e o socialista Francisco Vázquez aínda non gobernara con man de ferro en María Pita.
Novos tempos, novos templos é un discreto percorrido fotográfico polos locais onde se investían aquelas noites: Playa Club, Punto 3, Zyx, O Patacón –co logotipo orixinal deseñado polo pintor Correa Corredoira– ou o pub Alalámpara, onde aparecen varios membros de Radio Océano. O primeiro e único disco da banda de Pereiro e Santiago Romero, de feito, protagoniza o seguinte apartado da exposición: A banda sonora do futuro. E co xa mítico Nin falta que fai (1986), outros álbums, singles, fotografías e carteis de Los Dramáticos, Metro, Viúda Gómez e Hijos, Los Doré, Gabinete Caligari, Miguel Ríos, Ilegales, Los Refresticos ou mesmo, estirando algo a década, Los Eskizos.
A dos oitenta foi, cando menos na Coruña, a década do atlantismo, unha gamberrada semiótica entre Risco e Pessoa que tiña na revista La Naval o seu mascarón de proa. En Desembarco dos 80 reúnese a colección completa da publicación que dirixía Suso Iglesias –catro números xa inencontrábeis–, tanto en papel como dixitalizada. A ela e aos traballos plásticos que provocou – “O que queda desa época son os creadores”, concede Pereiro– dedícanse os bloques Cadernos de bitácora e Cruzadas atlánticas. De Patiño e Menchu Lamas a Chichi Campos ou Xosé Díaz. Das sereas deseñadas para a revista ás outras bandeiras galegas encargadas para o desembarco orixinal, o das autodenominadas Forzas Atroces do Noroeste nas xornadas Galicia: chove sobre mollado de Santander (1986).
Mentres os seres atlánticos coqueteaban cun imperialismo pangalaíco e retranqueiro, había outros mundos. Outros oitenta. A sección A Coruña. Faro da modernidade recorda algunhas desas tribos a través de publicacións como La Galga, El lado salvaje, La Koz de Galicia, 21 inadaptados, Flip-land, Escape, Uso Externo, Luzes de Galiza, Trilateral, La Favorita ou Das Capital.
Hai unha foto na mostra que testemuña o paso de La Fura dels Baus pola Coruña. Todo o mundo olla para os performers agás Lois Pereiro. Non é mala metáfora. “Pasaba por alí”, recoñece o irmán do poeta. “Estaba na célula pensante de La Naval, era o fiel da balanza, pero tivo máis continuidade que a década. Haro Ibars pode ser unha metáfora dos oitenta, el non. Era menos frívolo ca nós”.
Do poeta monfortino amósanse textos publicados en La Naval e Luzes de Galiza, varias fotografías de Vari Caramés, Xosé Abad e Xurxo Lobato e unha presa de orixinais, como os cadernos nos que esborranchou a súa única novela, Náufragos do paradiso (Xerais, 2011), e o que recolle a parte final de Conversa ultramarina (Positivas, 2010), que segue inédita en galego. Tamén hai un guión. Unha das súas múltiples traducións para a Televisión de Galicia: “Chamo para informar dunha morte. Son Sue Ellen Ewing”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario