mércores, 27 de abril de 2011

“Brillan como el sol de España”: nacemento e ocaso de ‘Lámparas Iria’


DANIEL SEIJAS
Ó saír de Padrón con dirección a Santiago de Compostela, e pasamos en Iria a ponte que cruza por riba da vía do ferrocarril, e miramos cara á dereita, a uns 200 metros, veremos unha antiga cheminea industrial. Pois nese lugar indicado, estivo noutro tempo funcionando a coñecida empresa LÁMPARAS IRIA,S.A. A orixe da fábrica de lámpadas incandescentes IRIA, S.A. xorde da iniciativa do padronés Estanislao Tanis Pérez Artime (1881-1945).Estanislao era fillo do importante comerciante, procedente da localidade rioxana de Ortigosa de Cameros, José Ramón Pérez de la Riva e da padronesa María de los Dolores Artime. Estanislao Pérez Artime contraería matrimonio con Angela Rey Baltar (1884-1964)
O 2 de setembro de 1929 constituíuse perante o notario de Padrón, Ignacio Viñas Nieto, a sociedade IRIA, S.A., sendo xerente e presidente do consello de Administración o propio Estanislao Pérez Artime. A empresa contaba cun capital social de 1.100.000 pesetas, dos cales, un 66,7% do total das accións eran propiedade de Estanislao Pérez Artime. O resto das accións correspondían a un amplo abano de persoas. O sector da banca estaba representando por Juan Saenz (Banco Simeón) e polos irmáns pontevedreses Ignacio e Francisco Riestra Calderón (Banca Riestra). Tamén figuraban o vilagarcían Santiago Rey Daviña e o comerciante santiagués Miguel Martínez de la Escalera. A lista de accionistas completábase ademais con persoas da propia familia Pérez Artime, como a nai e os irmáns de Estanislao, Isidoro e José; os seus fillos José, Manuel e Estanislao Pérez Rey; o seu cuñado Antonio Domínguez Orense, que era un dos grandes comerciantes de Pontecesures, entre outras persoas. O domicilio social da nova empresa establécese no lugar de Iria, casa número 1.
A fábrica, que se pon en marcha en 1929, conta ademais con fabricación propia de casquillos para as lámpadas e forno de vidro. As lámpadas que se pretenden fabricar eran dunha patente española , creada en 1927, que Estanislao Pérez mercara nun principio, para o seu uso en España, Cuba, Portugal e Bélxica, así como a pretensión de abranguer máis países. Tamén rexistrara a palabra "YRIA" ,escrita de forma oblicua e con i grego, como marca impresa que iría nas lámpadas. Segundo X. Carmona Badía, as primeiras semanas de funcionamento da empresa estiveron marcados por unha chea de problemas. As partidas de lámpadas saíran cativas e defectuosas, algo que lle deu, nun primeiro momento, moi mala fama á Compañía. Para paliar isto, botouse fóra o director técnico, Francisco de Salas Rodríguez, e decidiuse contratar un enxeñeiro máis competente, o alemán Hez Karl Feuchter, que viña da empresa Castañeda y Cía. de Madrid. El encargouse de reorganizar a fábrica e encargou a compra de maquinaria máis adecuada. Deste xeito, as cousas comezaron a funcionar en mellores condicións. Obtouse ademais por cambiarlles, de balde, ós clientes de Lámparas Iria, as pezas defectuosas por unhas que funcionaran. Superado este contratempo, tiveron que afrontar outro inconveniente . Dado que Lámparas Iria era unha empresa nova no mercado, o resto das compañías do sector dedicáronse a "tirar" os prezos para tentar arruinalos e botalos do mercado, feito que non lograron de todo, xa que co comezo da Guerra Civil Lámparas Iria faríase cunha parte importante do mercado galego, xa que os fábricantes madrileños e cataláns quedaran na zona republicana, sen posibilidade de exportar ás zonas controladas polos rebeldes franquistas como Galicia.
Lámparas Iria foi, ademais, unha empresa que dende un primeiro momento prestou moita atención á súa imaxe publicitaria. Segundo apunta Quiroga Valcarce, en 1930 Lámparas Iria manda producir unha película publicitaria na que aparecían imaxes do interior da fábrica en pleno funcionamento cos obreiros traballando, así como imaxes de Padrón. Esta filmación estreouse no antigo Salón Latorre, en abril dese mesmo ano, coincidindo posiblemente coas festas da Pascua de Padrón. Dita filmación que tiña como fin a súa exhibición nos principais cines de España, estivo producida probablemente pola empresa do cineasta José Gil "Galicia Cinegráfica". Ademais do cine, Lámparas Iria serviuse da prensa para dar a coñecer os seus produtos, coa inserción de espectaculares e chamativas ilustracións publicitarias nas follas dos principais xornais galegos, facendo moi populares os segunites lemas :
"Lámparas Yria, lucen como el sol de España" ou "La lámpara gallega para Galicia". Tamén foron destacados os stands que instalou Lámparas Iria nas feiras e exposicións a onde acudiu para mostrar os seus produtos. Ese fora o caso das feiras do automóbil de ocasión e exposición industrial que se celebraran en Pontecesures nos anos 1950 e 1954. Na feira cesureña de 1950 Iria, S.A. presentou a súa caseta expositora cun arco de triunfo rematado coa cruz de Santiago, que estaba perfilada con lámpadas e cun saúdo de benvida ós visitantes. Estes exemplos dan unha boa idea da preocupación que a dirección de Lámparas Iria tiña á hora de crear unha boa imaxe de marca do seu produto, que seguiron coidando con outro tipo de detalles. Lámparas Iria encargoulle a Cerámica Celta de Pontecesures a realización dun secante publicitario coa imaxe das torres da colexiata de Iria, seguramente co fin de ser un agasallo para os seus bos clientes. Ademais, en Cerámica Celta, segundo conta Xoán Guitián, utilizábanse os restos dos vidros da fábrica de lámpadas, para transformarlos e empregalos no vidrado exterior dos artigos feitos de cerámica.
As amizades que tivera Estanislao Pérez Artime, durante a II República, con persoeiros e deputados de esquerdas pasaríalle despois factura ó pouco de explotar a Guerra Civil. O historiador Carlos Fernández explica que Estanislao foi represaliado,permanecendo unha temporada no cárcere de Santiago de Compostela.Cando saíu del, deu moitos cartos para reparar o presidio, co fin de mellorar as condicións nas que se atopaban os presos. En 1945, coa morte de Estanislao, a presidencia da empresa pasa ó seu fillo, o enxeñeiro Estanislao Pérez Rey que era o director técnico e propietario a súa vez da fábrica de casquillos de lámpadas de Lámparas Iria. Nese mesmo ano IRIA, S.A. amplía o seu capital social ata os 5 millóns de pesetas, dos cales unha gran maioría son da sociedade Hijos de Simeón García de Ourense e Santiago de Compostela.
En 1948, a fábrica declaraba un consumo oficial de 43.000 m3 de gas, mentres que o seu persoal era de 92 empregados. Os problemas económicos e as continuas perdas que afectaron a IRIA, S.A nos anos posteriores fixeron que en 1953, para poder restablecer o equilibrio financeiro da Compañía, se optara por reducir o capital social á metade. Ademais, a empresa seguiu investigando en novos sistemas de iluminación, e despois de visitar unha fábrica en Londres, polo ano 1953, e adquirir unha seria de experiencias, adecuan a factoría e deciden fábricar tamén tubos fluroerescentes, que serán comercializados baixo a denominación de VERALUX. A pesar da introdución de novos produtos no mercado, a fábrica de Iria seguiría pasando por máis visicitudes económicas nos anos seguintes, pechando aproximadamente, a mediados dos anos 70.

Ningún comentario:

Publicar un comentario