xoves, 14 de abril de 2011

Vivas en nós


Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco analizan nun libro como o golpe do 36 tentou "exterminar toda independencia de criterio feminina"
MONTSE DOPICO . SANTIAGO
A mestra de Monelos Mercedes Romero
O golpe de 1936 non só interrompeu os avances acadados durante a II República na presenza das mulleres na esfera do público, na ampliación da súa liberdade e da súa cidadanía, senón que "tratou de exterminar toda independencia de criterio feminina, liquidando, encarcerando ou acosando as mulleres máis significadas ou resistentes, ás veces con sádica violencia sexista. A maioría das vítimas mortais foron proletarias militantes e familiares de fuxidos, mais tamén pereceron intelectuais comprometidas e mestras politizadas".
É o cerne das reflexións que alicerzan Vivas en nós. Mulleres represalaidas polo franquismo na Coruña a raíz de 1936, o libro de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña presentará o vindeiro día 29 ás 19:45 horas no Kiosko Alfonso, nun acto que forma parte da celebración do 80 aniversario da proclamación da II República. A obra é o primeiro título da colección Cadernos Republicanos, que a CRMH acaba de crear. E tamén é unha mostra do traballo que Blanco e Rodríguez Fer realizan desde hai anos en prol da recuperación da memoria histórica, e que deu froitos como a exposición Vermellas ou os libros Ámote Vermella e Atracción total. Vivas en nós inclúe, precisamente, algúns poemas de Ámote Vermella -de Rodríguez Fer- e prosas de Atracción total -de Blanco-, que forman parte da "explicación panorámica" achegada polo libro sobre a represión das mulleres na Coruña.
"Partimos do esforzo personal das mulleres máis conscientes na Segunda República, que foi freado no 1936 para evitar que as mulleres volvesen á vida social, á vida profesional, para volver metelas na casa segundo unha concepción sexista. Por iso se ensañaron tanto coas mulleres cuxa actividade tivera unha dimensión pública: intelectuais, obreiras sindicalistas e sindicadas... As formas de violencia de xénero eran moitas, sendo a violación e máis brutal, pero non esquezamos por exemplo o rapado de cabezas, pois para eles o cabelo era símbolo de femineidade", explicou Fer.
As formas que tomou a represión foron moitas máis que o asasinato, o encarceramento ou os malos tratos. "As vítimas foron moitas máis que as asasinadas directamente polos verdugos e os males causados pola represión franquista afectaron gravemente a vida da inmensa maioría das mulleres", salienta o libro, que vai debullando esta idea.
A bibliotecaria Juana Capdevielle e a mestra Mercedes Romero Abella son exemplos, no libro, de intelectuais represaliadas. "Juana era a esposa do gobernador civil republicano da Coruña. Asasinaron o seu marido e despois secuestrárona e apareceu morta en Rábade. Isto foi non só mostra do trato que recibía a muller máis consciente, intelectual e comprometida, senón do intento de acabar cunha mocidade que se estaba a pór ó frente do país. Do mesmo xeito que Mercedes Romero foi unha das moitas mestras represaliadas, tamén secuestrada e asasinada despois de que matasen ó seu marido, un sindicalista socialista".
Pero o libro non esquece as mulleres proletarias: como as traballadoras do porto ou as anarquistas do barrio das Atochas. "Non é igual investigar sobre unha muller burguesa que sobre unha proletaria pobre. No caso das primeiras, as familias conservaron fotos, manuscritos, o seu legado... Pero doutras sabemos que viviron porque as mataron, porque o seu nome aparece nos documentos como "baleadas", subliñou Fer.
Obreiras foron María Bello e Teresa Varela, como outras mulleres que traballaban como mariscadoras, na industria da conserva... Estas dúas mulleres formaban parte do sindicato pesqueiro anarquista. O ideario libertario tamén estaba moi presente nas Atochas, onde Alicia Dorado e María Otero foron asasinadas tras acoller fuxitivos na súa casa. Outras moitas mulleres non acabaron mortas, pero si presas, exiliadas, fuxidas, espoliadas ou reféns do rexime, tal como salienta o libro.
"Moitas eran familiares de intelectuais como Casares Quiroga. As súa filla María marchou a Francia e tivo un grande éxito como actriz. Pero outra filla, Ester, quedou na Coruña, e foi refén do rexime. Desde que se exiliou, Casares Quiroga non tivo máis actividade política. Como ía tela se tiñan a súa filla? Aínda despois de morrer seu pai, tardaron moito en deixala marchar, polo que estivo anos sen ver o seu home, que coñeceu a súa filla, neta de Casares, cando era unha muller. Hai que ser moi covarde para facer vítima da represeión a unha nena coma a neta de Casares", comentou.
Rodríguez Fer e Blanco comezaron o seu traballo de investigación nos anos 80 "nunha absoluta soidade, sen apoio institucional, académico, económico. Eramos moi poucos, os que faciamos o traballo que tiñan que facer outros. Tiñamos moitas dificultades: de acceso ós arquivos... Foinos máis fácil iso en Cuba, Estados Unidos ou Rusia. Pechábannos as portas non só as institucións militares, senón tamén as civís e culturais, mesmo a Real Academia", lembrou Rodríguez Fer. Agora a situación mellorou, malia que a Xunta renunciou a apoiar, como facía o bipartito, a recuperación da memoria histórica. "Agora hai menos axudas, pero os que estivemos aí desde o principio imos estar igual. De feito xa estamos a preparar desde a Iniciativa Galega pola Memoria o acto en San Simón do vindeiro mes de xullo", engadiu.
"As mulleres foron dobremente esquecidas, as esquecidas entre os esquecidos. Lembrábase ás grandes figuras políticas, como Alexandre Bóbeda ou Caslelao, que por suposto merecen todo o recoñecemento, pero esquecíase ás mulleres, que foron as que máis sufriron: vían como lles mataban os seres queridos...", concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario