Un libro sobre os horrores nazis amosa que o asasinato mesmo lles producía pracer
RODRIGO ZULUETA/EFE . BERLÍN
O historiador Sönke Neitzel e o psicólogo Harald Wetzer teñen outra mirada sobre os horrores da II Guerra Mundial: analizan a morbosa fascinación pola confrontación bélica que se apoderou de moitos soldados alemáns.No libro Soldaten (Soldados), Neitzel e Wetzer terminan co mito de que o exército alemán tivera un papel respectable na II Guerra Mundial e de que non fora cómplice directo dos crimes do nacionalsocialismo, en contraste coas unidades especiais das SS.
Ese mito xa se esborralara coa sonada exposición Vernichtungskrieg. Verbrecher der Wehrmacht (Guerra de Exterminio. Crimes do exército alemán) que percorreu Alemaña entre 1995 e 1999, e que nalgunhas cidades xerou protestas. Os testemuños de soldados alemáns recollidos no seu libro por Nietzel e Wetzer non deixan lugar para as dúbidas, matar e saquear non lles producía ningún problema ético e, ademais, xeráballes pracer.
Esas declaracións directas e esgazadoras atopounas Neitzel en arquivos británicos e estadounidenses ós que accedeu cando efectuaba unha investigación sobre a guerra no Atlántico.
Trátase de transcricións de conversacións entre soldados alemáns en cativerio nas que non ocultan o pracer que sentiron ó matar, e que foron gravadas sen que o soubesen e co fin de obter información militarmente relevante.
"O segundo día da guerra de Polonia tiven que lanzar bombas sobre unha estación en Pousen. Non me gustou. O segundo día, deume igual, e ó cuarto, xa me gustaba", dixo un soldado nunha conversación gravada o 30 de abril de 1940.
E agregou: "A nosa diversión matutina era cazar soldados inimigos a través dos campos con metralladoras e deixalos tendidos cun par de balas nas costas".
Outro, ó describir un bombardeo no que os cabalos "saltaron polo aire", dixo que lle daban mágoa, pero non a xente. "Os cabalos dábanme mágoa, a xente non. Os cabalos déronme mágoa ata o último día", explicoulle a un dos seus compañeiros de cativerio.
O Holocausto, pola contra, aparece con relativa pouca frecuencia nesas conversacións, unha circunstancia que os autores do libro atribúen a que para os soldados non se trataba de algo especial.
Cando abordan o tema queda claro que están ó tanto do que ocorría, e ata un dos soldados lle conta a outro como un oficial das SS o invitou a presenciar e filmar un fusilamento masivo de xudeus ofrecéndolle, que se non tiña tempo pola mañá, podería organizarlle outro pola tarde. "O exterminio dos xudeus forma parte do que sabían os soldados e en maior grao do que as últimas investigacións sobre o tema podían facer pensar", afirman os autores do libro.
DATOS
A importancia das fontes
A espontaneidade e a sinceridade son o gran valor destas conversacións fronte ós testemuños directos dos soldados, pois xeralmente maquillan as súas verdadeiras sensacións. As cartas desde a fronte, pola súa banda, eran, por así dicilo, unha versión da guerra destinada só ó consumo familiar que naturalmente ocultaba moitas cousas. E as memorias de veteranos presentan, para acabar, o problema da deformación, ás veces involuntaria, dos recordos que adoita darse co paso do tempo, sumada á necesidade dos autores de presentar unha imaxe respectable.
Ningún comentario:
Publicar un comentario