mércores, 27 de abril de 2011

Xove, o ‘berce’ do nacionalismo en Bloque


17.04.2011 Pasara o franquismo. Era a época das loitas obreiras e labregas. O nacionalismo galego ponse á fronte e volve dar a cara logo da ruptura que supuxera a fin da República. A de Xove, en 1977, está considerada por moitos como a primeira mobilización masiva tras meses de traballo. Convocada por Comisións Labregas e na que a ANPG puxo toda a súa maquinaria, foi un momento “simbólico”, lugar de visibilización do sentir dun pobo e ‘berce’ do que hoxe coñecemos como Bloque Nacionalista Galego que daquela aínda non era tal. Lois Diéguez, Afonso Eiré e Pencha Santasmarinas fan memoria e dan tres visións do acontecido
ROSABEL CANDAL
"Docenas de bandeiras galegas –a maioría delas con estrela vermella da Asamblea Nacional Popular Galega– ondearon ó vento, mentres que gargantas enronquecidas corearon berros de UPG e ANPG. Por un instante, a concentración estivo a punto de perder de vista o motivo real da protesta e de converterse nun acto político de afirmación nacionalista". Escribíao o xornalista Perfecto Conde para o diario El País aquel 10 de abril de 1977. Naquela xornada, miles de persoas, ó redor de 14.000, segundo calcula Lois Diéguez, daquela secretario da ANPG –aínda que nos medios reduciron a cifra a ó redor de 5.000– manifestábanse en Xove (Lugo) para protestar contra o proxecto de instalación dunha central nuclear no lugar de Regodela. Moitos deles viñan andando nunha marcha desde Viveiro, a doce quilómetros de distancia, percorrendo a estrada da costa con pancartas nas que se podía ler ‘Galicia é nosa e non de Fenosa’ ou ‘Non Xove nuclear’. En certa medida, a oposición á central nuclear serviu para unir os movementos políticos galegos que estaban dispersos en moitas formacións e que logo de estar tantos anos na clandestinidade co franquismo, bulían a consolidarse en todas as comarcas do país nos primeiros anos da democracia malia aínda non estar legalizados moitos deles. Despois daquela, a ANPG uniríase coa UPG para formar o BNPG, a antesala, xunto co PSG-EG, do que hoxe é o BNG e que non nacería formalmente ata aquela asemblea de Riazor de 1982. Pero iso xa é outra historia.
Para moitos, Xove foi un momento "simbólico" para o nacionalismo galego, o ‘berce’ do Bloque que daquela aínda non existía como tal. ‘Contra a enerxía nuclear de Xove. 1977. A Marcha na que naceu o Bloque’ titulaba hai unhas semanas Afonso Eiré un artigo publicado na web de A Nosa Terra. Eiré, daquela xornalista en prácticas en Madrid en Televisión Española, estaba aquel 10 de abril en Xove. "A información que deron no telexornal do mediodía foi totalmente nefasta. Eu opúxenme e o director do informativo botoume. Dicían bastantes mentiras e eu que estivera alí non estaba disposto a pasar por iso", lembra. Eiré foi un dos moitos xornalistas e políticos que secundaron a marcha.
"Aquel día o campo nacionalista queda delimitado e o españolista tamén, cada un sitúase no seu", defende Eiré, quen asegura que "aí foi onde o nacionalismo colleu cartas de natureza do que é hoxe".
Pencha Santasmarinas, técnica de extensión agraria, está recoñecida como a persoa que liderou e coordinou a contestación social contra a central nuclear, proxecto desbotado finalmente no 84 polas hidroeléctricas logo da gran contestación veciñal e tras saberse que a mariña é zona de risco polas súas fallas xeolóxicas. Era dos Comités de Axuda á Loita Labrega e tamén da ANPG. Lembra como se xestou todo o que aconteceu. En 1973 fixérase público o proxecto de Fenosa de facer unha central nuclear en Regodela. "A xente non sabía o que era e nun principio acolleron ben a proposta posto que supoñía postos de traballo para a zona", fai memoria, xa que nun principio falouse de que contratarían 2.000 traballadores, cifra que non obstante ó final se reducía ata os 200.
O enxeñeiro Pedro Costa Morata, experto en enerxía nuclear, foi quen lles empezou a abrir os ollos. "Dicía que non debiamos apostar por ese tipo de enerxía porque, aínda que xa tiña moitos perigos en si mesma, ademais non estaba resolto o problema dos residuos e ía ser un problema tremendo para a terra no futuro", explica Santasmarinas, unha das mulleres máis activas politicamente na zona daquela. A través da asociación cultural Sementeira, organizaron charlas e mesas redondas sobre o asunto. "Nas primeiras levamos a xente que confirmaba a tese de Pedro Costa, como por exemplo o catedrático Bermejo da Facultade de Química da USC, que tamén estaba en contra". Organizáronse moitas charlas pequenas e tamén varias grandes, nas que tamén Xosé Manuel Beiras ou Camilo Nogueira, entre moitos outros, tomaron posición. "Lembro especialmente unha delas. Xuntáronse en Viveiro 2.000 persoas nunha sala de festas. Era algo impensable. Convidamos a unha mesa redonda a xente que estaba en contra da central e tamén a enxeñeiros de Fenosa para que defenderan a súa postura. Pero os de Fenosa non convenceron ó auditorio e aquel mesmo día saíu unha mobilización espontánea ó rematar a charla desde a sala de festas en Viveiro ata a praza do concello manifestándonos en contra da central e para que o Concello tamén se posicionara en contra".
No 77, decídese facer a gran Marcha, na que "participaron todos os partidos políticos que había naquel momento e na que participou un número impresionante de xente, porque daquela non era doado xuntar a tantos", di Santasmarinas. A Marcha convocouna Comisións Labregas –antecedente do que hoxe é o Sindicato Labrego Galego–, e o Movemento Nacional Popular Galego puxo toda a súa maquinaria no asunto.
"A ANPG, que se formou en 1975, activou toda a maquinaria, sobre todo a través de actos e das asociacións culturais. Entre 1975 e 1977 a ANPG introduciuse practicamente en toda Galiza. Esa suma de esforzos de moita xente, maioritariamente xente nova, que era a que estaba máis sensible nestas cousas, trouxo un acto moi lucido, con moita conciencia, que asentou inicialmente, nun primeiro proceso, a idea nacionalista", defende Lois Diéguez.
"O movemento nacional non empezou alí, porque a UPG e a ANPG estaban xa. Pero si que foi onde se fixo ver, xa que ata daquela realizaban un traballo máis soterrado", apunta tamén Santasmarinas. "Aínda que para min, en Xove houbo un problema sectario que amosa como son realmente os partidos", engade a muller, hoxe desencantada total da política. "Efectivamente, os que levaron a iniciativa en Xove fomos xente do Bloque. Fixemos a convocatoria e sumouse todo o mundo, logo, o normal é que nesa marcha todos os que vaian poidan dicir algo. Acababan de legalizar o Partido Comunista, precisamente creo que o souberan o día antes da marcha, e houbo un follón que case acaba en tortas físicas. Os do PC querían dicir algo, non ir só de comparsa, e a UPG e a ANPG non os quixeron deixar. A min non me pareceu ben, se a organización conseguiu que secundara todo o mundo a marcha isto era un mérito máis, pero o sectarismo é así e penso que aínda segue sendo o problema principal dos partidos e dos políticos, que non ven máis alá de querer poñer o cuño, xa era daquela e hoxe segue sendo", lamenta.
Non obstante, aquel ‘altercado’ foi precisamente considerado por moitos como "o feito visual de rachar entre o que se denominaba daquela o nacionalismo e o españolismo. Aí é cando se conforma de verdade o que sería o Bloque por un lado e os partidos estatais por outro", en palabras de Eiré.
"O PC chega con coches ó último da mobilización, Rafael Pillado, un referente do PC de Ferrol sobre todo, colle un megáfono e quere falar. A xente do Bloque e das Comisións Labregas deixou claro que eles eran os organizadores e decidían quen falaba. Cara á igrexa, nun camiño, estas organizacións con Pillado á fronte queren pasar e o servizo de orde impídelle acceder alí. Prodúcese un forcexo e as organizacións estatais deciden marchar e quedan as nacionalistas", relata Eiré, para engadir que "desde aquela, salvo raras excepcións, estas organizacións –tamén estaba o PSOE– non volveron participar en ningunha das mobilizacións promovidas polo nacionalismo. Prodúcese unha ruptura de feito". "Foi un problema de protagonismo que tiña o PC. O traballo que se fixo por todo o país foi estritamente do nacionalismo e o PC chegou querendo encabezar a marcha coas súas pancartas. Loxicamente, non se lle permitiu e eles alborotaron todo o tempo. Quedou moi patente que o único que querían era saír na prensa", defende tamén Diéguez.
Á marcha de 1977 seguiríalle outra gran marcha o 20 de maio de 1979 tamén multitudinaria. Para daquela, o nacionalismo xa estaba máis consolidado en todo o país. Déranse a coñecer de novo entablando cos problemas fundamentais que tiña o país e que eran, segundo Diéguez, "dunha industrialización de enclave, onde se aproveitan as materias que ten pero sen seguir o ciclo produtivo que implicaría tamén transformación desa materia prima. Esas son as batallas que se dan".
E é que se ben Xove foi un símbolo inicial, logo virían as loitas das Encrobas, de Baldaio, do tren de laminado, da celulosa de Quiroga, etc. Conflitos nos que o nacionalismo se visualizou en todo o seu esplendor e que ademais trouxeron ó país unha conciencia ecoloxista moi elevada ata o momento nunca vista.
Tamén a concentración de decembro do 77 en Lugo contra a cota empresarial foi "tremenda". "Todas foron un despregamento grandísimo, é cando se cimentan as Comisións Labregas, pero tamén cando se cimenta o Bloque, cando colle afiliados e grupos en todas as comarcas e a maioría dos concellos. Foi nese ano", conclúe Eiré.
Hoxe a sociedade é moi distinta e a mobilización do campo con esas cifras semella imposible, xa que se pasou de case ter un 40% dos habitantes no campo a un 15%. Pero todos lembran aquela época como "unha riqueza". "Estou encantada da época que me tocou vivir, foi un momento moi interesante, sentimos que estabamos facendo algo por cambiar a situación e creo que si que fixemos bastante", resume Santasmarinas, que despois de militar na ANPG pasou a Esquerda Galega e hoxe está fóra da política. "Fomos unha xeración que nos tocou vivir unha boa etapa, con moito por facer. Estou contenta de ter estado alí".
Lois Diéguez era daquela o secretario da AN-PG. Para el, igual que para moitos, Xove foi moi “especial”. “Sinalaría que foi un momento de concienciación e destacaría que a maior parte do movemento máis activo da mocidade galega naquel momento practicamente estaba relacionada de algún xeito coa ANPG. A ANPG foi unha 
asemblea nacional popular galega, tal e como definen as súas siglas e foi a organización de masas máis dinámica e máis activa que houbo desde o 75 ata o 82, cando dá lugar todo ese proceso de formación do Bloque Nacionalista Galego”. 
Diéguez explica que “partiamos practicamente de cero e toda esa dinámica e actividade foi o que creou esa conciencia que deu uns resultados ante as dificultades claramente positivos. Eu destacaría sobre todo a autoorganización por primeira vez desde o 36 na nosa historia das clases populares galegas e creando certa esperanza e confianza en nós mesmos, cando sabemos que os galegos non se distinguiron case nunca por iso”.
“A asistencia de xente que vai hoxe ós actos é moi pequena con respecto a aquel momento”, recoñece o escritor e político. Algo do que tamén fala Eiré, para quen non se pode comparar ese momento coa actualidade. “Hoxe, a CIG é a que ten máis poder de convocatoria, máis forza que todos os partidos nacionalistas de esquerdas xuntos”.
O Bloque nacería formalmente na asemblea de Riazor de setembro de 1982. Baixo o lema de ‘Por unha fronte ampla de unidade nacionalista’, as diferentes correntes de ideoloxía nacionalista do país uníanse nunha asociación de partidos común para reivindicar o dereito á autodeterminación de Galicia e o antiimperialismo.  No camiño quedaron moitos e moita xente desvinculouse. O debate interno segue vivo ata hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario