xoves, 7 de abril de 2011

Xogarse a vida por catro euros nas minas indonesias


03.04.2011 O mineral utilízase en latas, soldaduras ou, aleado con titanio, na industria aeroespacial, e o arquipélago asiático é o seu principal exportador. Con menos de 15 anos, Rian e Wahid levan case un lustro enchoupando as súas mans en pozas clandestinas conscientes de que a auga que os rodea pode supor a medio prazo un alto risco para a súa saúde
TEXTOS: PAULA REGUEIRA FOTOS: EFE
Wahid, de 13 anos, traballando nunha poza clandestina para
conseguir estaño de forma ilegal na illa indonesa de Belitung
Nun paradisíaco grupo de illas de Indonesia, centos de persoas xogan a vida cada día nas minas clandestinas de estaño para facerse co prezado e contaminante mineral.
Desde o alto, a aridez das explotacións, tanto das legais como as ilegais, cómelle cada vez máis terreo á frondosa vexetación que aínda cobre boa parte da provincia insular de Bangka-Belitung, ao sueste de Sumatra.
Aló están as maiores minas de estaño de Indonesia, principal exportador mundial do mineral, que se emprega en latas, soldaduras ou, aleado con titanio, na industria aeroespacial.
A nivel de chan, a rapina por es-
te valioso metal, que no mercado se paga a un total de 26.500 dólares a tonelada (19.000 euros), non distingue entre legalidade e ilegalidade.
Rian e Wahid son dous adolescentes que levan case un lustro enchoupando as súas mans en pozas cavadas sen permiso para separar da area o po de estaño, conscientes de que a auga que os rodea pode supor a medio prazo un alto risco para a súa saúde. "Nun día bo conseguimos vinte quilos e gañamos 50.000 rupias (algo menos de seis dólares ou uns catro euros)", explica Rian, de só 14 anos, quen polas mañás acode á escola e polas tardes á explotación mineira. É tan fácil acceder ó metal que os raparigos, sen máscaras, luvas nin calzado apropiado, lavan a area nun prato de plástico ata lograr que o estaño 
escorregue nunha bolsa.
Despois fíltrano en extractores artesanais que están formados por unha tubaxe e unha bomba de auga, e desta forma obteñen o mineral puro.
Igual que os rapaces, o 30 por cento da poboación de Bangka-Belitung dedícase á 
minería nese arquipélago, con cada vez máis tirón turístico polas súas praias de area branca e auga transparente.
A explotación clandestina do estaño sucede ás costas das operacións da mineira estatal PT Timah, a segunda maior produtora mundial do metal e cuxa sede central se atopa precisamente en Bangka, unha das dúas illas principais da provincia.
"Ti dis ilegal, nós dicimos legal. O estaño é un agasallo de Deus e non é só para PT Timah", reclama Jahoi, un mozo de 25 anos que leva oito dedicado ó perigoso labor de se mergullar a pulmón no fondo mariño para capturar o mineral. El e outros "submarinistas" están aínda menos protexidos que os seus compañeiros en terra para procurar estaño, unha actividade que nos últimos anos se cobrou a vida dunhas 700 persoas en Bangka-Belitung, segundo as estimacións das autoridades locais.
Os mesmos funcionarios fan a vista gorda ante o saqueo do subsolo, unha actitude que obrigou o Goberno de Indonesia a crear un equipo especial para loi-
tar contra a minería ilegal.
Esta actividade "está fóra de control", segundo o vicepresidente, Boediono, quen lamenta que a explotación do metal cause graves problemas ambientais e prexudicado a outras industrias como a agricultura. Con todo, Xacarta alenta a explotación, entre outras razóns, para manter o control da exportación. "Cos prezos tan altos, sería ideal que os mineiros de estaño producisen máis, pero non o producen", admite o director xeral de Minerais do Ministerio de Enerxía, Bambang Setiawan.
Os discursos dos políticos resultan afastados a Wahid e Rian, a quen lles basta con saber que os seus clientes non lles preguntan sobre a procedencia do estaño. Tampouco ninguén se interesa polas terras mortas que deixan as centenares de minas, proba dun espolio incesante que agora parece favorecer a todos, pero que máis adiante podería hipotecar o futuro idílico de Bangka-Belitung.

Ningún comentario:

Publicar un comentario