domingo, 3 de abril de 2011

Ausentes dos rexistros


Uqui Permui recupera nun documental a loita das traballadoras da conserveira Odosa polos seus dereitos laborais
MONTSE DOPICO . SANTIAGO
En 1989, preto de cen mulleres pecháronse durante un mes na fábrica de conservas Odosa, na Illa de Arousa, para reivindicar os seus dereitos. Pretendían botalas á rúa, sen nada, pois non existía testemuña documental de que levasen trinta, ou corenta anos, empregadas na empresa, xa que o seu traballo se consideraba só un complemento do salario dos homes. A toma de conciencia delas como mulleres traballadoras foi, daquela, decisiva. A illa parou para apoialas, malia que ás veces os homes lles reclamaban que volvesen para ocuparse da casa. E elas mesmas tomaron imaxes, entón, da súa experiencia.
Uqui Permui recuperou aquela gravación, e entrevistou, entre o 2009 e o 2010, as súas protagonistas. Con este material realizou un documental, Doli, doli, doli... coas conserveiras. Rexistro de traballo, que hoxe presenta ás 19.30 h no Centro Sociocultural O Ensanche, en Santiago, nun acto organizado por Andaina, no que ademais intervirá a avogada laboralista Luz García Vigo.
A cinta mestura o pasado co presente, propondo unha reflexión que abrangue a actualidade, con casos coñecidos como o da conserveira Alfageme. A xornada cotiá de Loli, unha muller que viviu de cerca aqueles feitos do 89, e que hoxe é traballadora de Alfageme, serve de fío condutor. "A idea da que partín", -explica Uqui-, "é a ausencia de rexistros sobre o traballo daquelas mulleres. A primeiros de século non aparecían nos rexistros municipais máis que como "os seus labores". O que elas facían non se consideraba traballo remunerado".
Malia que o seu oficio era ben duro. Exercían de mariscadoras, transportaban o peixe e o marisco ata as fábricas, facían as latas, enlataban o xénero... e ata axudaban coas tarefas domésticas nas casas dos patróns. "Ata os anos 70 non se recoñeceron os seus dereitos. Non tiñan dereito á xubilación, á baixa por maternidade... a nada. En Odosa pecháronse unhas cen mulleres, das cales catro fixeron folga de fame. Chegaron a un acordo coa empresa, pero ó final acabou botando o peche igual. Pero polo menos conseguiron que lles recoñecesen os anos que levaban traballados", indicou a directora do documental.
Permui gravou tamén unha xornada laboral na conserveira Dardo. "Esta é unha fábrica que apostou polo produto tradicional e por facer as cousas ben. E foille ben. O documental tamén fala sobre iso. Moitas veces os peches non teñen que ver con que á empresa lle vaia mal, senón con outro tipo de cuestións", subliñou.
As entrevistadas ollan ó pasado e á actualidade. "Ó falar con elas decátaste de que para elas foi unha forma de vida. Dinche que volverían traballar na fábrica mañá mesmo. Valoran a experiencia do traballo en colectivo", indicou.
"É certo que aparece o sentimento de saberse utilizadas pola empresa. Pero o que máis destaca no documental é a súa reivindicación, a súa rebelión. Parte delas descubriron o feminismo e despois militaron no feminismo... ", engadiu.
En canto á evolución das condicións laborais, "a resposta de cada unha podería ser distinta: hai diferenzas xeracionais... Conseguiron condicións mellores, pero a precariedade segue, e a solidariedade que houbo daquela tampouco a ven xa. Di Loli que hoxe o peche na fábrica sería imposible".
DATOS
Seleccionado na Mostra Internacional de Films de Dones
A gravación do peche do 89 foi realizada por elas mesmas como membros do sindicato Organización de Traballadoras e Traballadores do Salnés, OTTS, que lle facilitou o vídeo en VHS a Uqui. "A artista Carme Nogueira convidou- nos a Ánxela Caramés e a min a participar nunha historia do feminismo. Recuperamos o vídeo, e fixemos un acto na illa de Arousa ó que acudiron todas as mulleres. Ó falar con elas decatámonos de que quedaba moita historia por contar, e así xurdiu o documental", comentou Permui.
As entrevistadas son Loli Romero, Luz García, Benita García -a primeira sindicalista da illa de Arousa-, Carmen Ferro, Mar Suárez, Oliva Dios, Mª Jesús Dios, Carmen Outeda, Mari Carmen Miguéns, Juana Rial, Carmen Barreiro, Maria Xosé Molina e Teresa Rodríguez. Xesús Valle é o autor da música orixinal, e o documental foi seleccionado para a Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona. "Para min foi máis difícil abordar a parte da actualidade, porque co recente sempre é máis difícil ter perspectiva, velo todo dun xeito máis acougado. A versión é distinta segundo o sindicato co que se identifican máis...", engadiu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario