xoves, 28 de abril de 2011

A outra Transición


O CGAI presentou un documental que dignifica e humaniza a imaxe das persoas coas que a heroína acabou tras ser protagonistas do movemento contracultural e politicamente contestatario dos 80
MONTSE DOPICO . SANTIAGO
Sergi Dies e Laia Manresa propuxéronse recrear nun documental a época da chegada da heroína a Barcelona sen mostrar unha soa xiringa. Afastándose do tópico do ionqui degradado. Achegando un retrato humano dunha "xente moi válida", a que protagonizou o movemento contracultural daquel tempo.
E o resultado desta arela é Morir de día, unha cinta que onte proxectou o CGAI en A outra transición, un ciclo que continúa -e remata- hoxe ás 20.00 horas coa proxección de Venid a las cloacas, de Daniel Arasanz, unha película que indaga na poesía urbana dun dos grupos de punk-rock máis representativos da transición, La Banda Trapera del Río, representada polo seu cantante, Morfi Grei.
Dies e Manresa, montador e guionista, respectivamente, de Joaquim Jordá, fixeron Morir de día case por encargo. Quixeron acabar un proxecto iniciado por este cineasta, que faleceu no 2006. "Evitamos a imaxe que nos veu dada polos medios de comunicación, pola opinión xeral da sociedade. Porque sempre se puxo o foco no mesmo sitio, de xeito que a imaxe que se proxecta é simplificadora. Non é que sexa falsa, pero produce discursos falsos, ó mirar só certos aspectos", explicou Sergi Dies.
O documental alicérzase no recordo de catro persoas: Pau Maragall -irmán de Pascual, coñecido como Pau Malvido-, o poeta e pintor Pepe Sales, Mercé Pastor -compañeira do músico Pau Riba- e Juanjo Voltas. "Non quixemos propór unha tese pechada, senón achegar información para que o espectador poida interpretala. Pero canto máis avanzabamos, máis claro quedaba que se estaba a falar de xente que os entrevistados definían como o máis brillante, o máis interesante... Xente moi válida", salientou.
Persoas que arelaron vivir dou-tra maneira. Libres. Con toda a intensidade posible. Xente inqueda, creativa, politizada, entusiasmada cos cambios que se adiviñaban no tardofranquismo. E decepcionada co que veu, e non veu, despois, nunha supostamente modélica Transición. Foi, esta, a época da emerxencia da droga, que entrou a través das clases medias e altas. As mortes, a marxinalidade, a exclusión, chegaron despois.
"Era a clase alta a que podía viaxar, a que coñecía a actualidade do movemento contracultural mundial. Xente que pensou que, tras unha ditadura militar de case 40 anos resultado dun golpe de Estado, se recuperaría a normalidade democrática, acadándose unha representatividade real de todos: movementos obreiros, estudantil, movementos veciñais... Pero o que pasou foi que se pactou o mantemento dos residuos do poder golpista, e ademais moita xente sentiuse excluída, maltratada, non representada polas organizacións políticas, sindicais... que foron legalizadas", comentou. Así se instalou o desencanto.
DATOS
Da espontaneidade á organización
"Ó franquismo non lle preocupaban as drogas, senón as ideas: o comunismo... A xente viaxaba e traía a droga de Ámsterdan, de Tailandia... Gustáballes, e compartíana cos amigos. Era unha cousa autoxestionaria, de modus vivendi. Nos 80 todo mudou: veu o castigo, a persecución, e da espontaneidade particular pasouse á organización, ó que que se chama mafias. Hai que lembrar que España produciu, e produce, opio para Bayer, que a heroína se vendeu como remedio para o arrefriado...", salientou.
ELEMENTOS
Unha ampla investigación
Ademais das entrevistas con familiares e amigos dos catro protagonistas ausentes, o documental apoiouse nunha ampla documentación: diarios, artigos, libros, debuxos, cancións, fotos, cartas... "O tabú, o que dirán, segue a funcionar moito. A xente non tiña problema en falar con nós, sempre que non amosásemos a súa cara. Na confidencialidade, a imaxe que nos daban era completamente distinta da que dan os medios, esa da xente perigosa capaz de facer calquera cousa que canto máis lonxe mellor", subliñou. cascascascas
Un aspecto reivindicado
Un dos obxectivos da película é reivindicar o movemento contracultural barcelonés, non tan coñecido como a "movida madrileña". "Eu creo que o motivo é que en Barcelona toda esa eclosión cultural tiña unha dimensión máis politizada. Cuestionaban o xeito no que se estaba a entender a reconstrución democrática. Temos unha imaxe moi festiva, inofensiva politicamente, da movida", indicou. O documental chega ata o 92, e o intento por parte do concello de afastar do centro todo o que non conviña ensinar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario