xoves, 7 de abril de 2011

A integración segregadora


A taxa de ocupación feminina na industria do peixe acadou medias do 70 por cento na costa galega, malia que o mercado laboral lles reservase peores salarios e ocupacións inferiores
M. DOPICO . SANTIAGO
Mulleres co peixe en Bueu, 1920 (Arquivo Massó)
A industria de salga, primeiro, e a da conserva, despois, supuxeron para as mulleres da costa galega unha oportunidade para integrarse no mercado laboral asalariado. En Nigrán e Bueu, as taxas de ocupación feminina acadaron medias do 70%. E nin o número de fillos nin o matrimonio foron factores determinantes para decidir quedar na casa e renunciar a incorporarse ó mercado laboral. Outra cuestión é se participaban del en igualdade cos homes. Non foi así: os seus contratos eran eventuais, as súas ocupacións situábanse nos postos inferiores da pirámide e os seus salarios eran máis baixos.
Así o explicou onte a profesora da Universidade de Santiago Luisa Muñoz nun relatorio que impartiu no seo das xornadas De Rosalía de Castro a Nós, organizadas por Galiza Nova. Muñoz publicou o ano pasado o libro Género, trabajo y niveles de vida en la industria conservera de Galicia, 1870 -1970, que debulla a vida laboral das mulleres da costa galega a partir do estudo do caso de Bueu e a empresa Massó.
Agora continúa investigando sobre o tema, tomando como fontes os padróns, censos, documentación de empresas ou libros de sociedades, entre outras. E engadiu a Bueu os concellos de Nigrán e A Coruña.
Igual que ocorreu en industrias como a téxtil e o calzado, as mulleres tiveron un papel fundamental na do peixe. Tanto é así, que houbo concellos nos que máis da metade das mulleres en idade activa traballaban nesta industria, emprego que compatibilizaban con outras ocupacións, como a agraria.
Pero o mercado estaba segmentado segundo o xénero, de xeito que a estacionalidade, irregularidade e temporalidade marcaban as relacións laborais das mulleres, fronte á maior estabilidade da que gozaban os homes. "As mulleres tiñan contratos temporais ou fixos descontinuos, cobraban menos e encargábanse de labores como a limpeza do peixe, o enlatado e o empaquetado, mentres que os homes asumían labores administrativos e de xestión: supervisaban as mulleres, controlaban os procesos, reparaban as máquinas, mercaban a materia prima, producían envases...", explicou.
Cos convenios colectivos dos anos 60-70 do século XX, os salarios de homes e mulleres comezaron a achegarse máis, sen igualarse. "Eran os complementos os que marcaban a diferenza", indicou. Malia ter salarios menores, as mulleres asumiron o pagamento de máis ou menos a metade da cesta familiar, segundo o cálculo desta experta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario