Un ciclo honra, coa imaxe e a palabra, os máis de 200 veciños e veciñas de Compostela represaliados tras o golpe do 1936
M. DOPICO . SANTIAGO
O 3 de decembro de 1936 dez coñecidos veciños de Compostela, todos eles comprometidos coa República, foron asasinados polos golpistas. Os seus nomes eran Fernando Domínguez -empregado, de Izquierda Republicana-, José Germán -alcalde accidental en xullo de 1936-, Rafael Frade -estudante, do Partido Federal-, José Maroño -tipógrafo e membro das xuventudes socialistas-, Manuel Maroño -tipógrafo e directivo do PSOE), Luis Martínez, -inspector xefe de arbitrios-, Rafael Pardo Carmona -mestre-, Modesto Pasín -empregado-, Francisco Ponte Ces -zapateiro e sindicalista- e Luis Rastrollo González (mestre e dirixente do POUM-.
Este é só un exemplo, escollido polo historiador e membro do proxecto Nomes e Voces Gustavo Herbella, da represión en Santiago. Unhas xornadas organizasdas pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, A memoria silenciada, Conxo e Compostela, honran, a través da imaxe e a palabra, ós composteláns e compostelás represaliados polo franquismo.
Herbella explica no folleto deste encontro como, en Santiago, o Comité de Defensa da República, formado por 22 membros de partidos políticos e sindicatos, só puido conseguir algunhas armas, facer algunhas detencións e controlar os estudios de Unión Radio. Pero nuns poucos días os sublevados xa se fixeran co poder, e emprenderon a represión coa colaboración da Garda Civil, grupos paramilitares e falanxistas. O primeiro executado foi Xoán Xesús González.
Máis de 122 composteláns foron sometidos a causas militares, e o cemiterio de Boisaca converteuse en paredón de fusilamento nos primeiros meses do 37. O xoves, ás 20.00 horas, o ex-concelleiro do PC Luis Pasín e o director do proxecto Nomes e Voces, Lourenzo Fernández Prieto, afondará nesta cuestión das persoas represaliadas en Santiago e Conxo, ás 20.00 horas no CSC Aurelio Aguirre.
O luns 11, a historiadora Encarna Otero abordará a represión das mulleres. "Hai moitos aspectos aínda sen investigar" -explicou-. "Non se fala de que lles incautaron bens, que deixaron as mulleres sen nada, e tiveron que sacar os fillos adiante como puideron. Foron traballar á limpeza do wolfram, venderon no estraperlo, unha parte acabaron como prostitutas, a outras enviábanas de criadas por case nada ás casas das familias acomodadas de Santiago... Envialas ó psiquiátrico de Conxo, ou ó convento das Arrepentidas, foron outros xeitos de represión", indicou. A Igrexa católica colaborou moito neste proceso. "O obxectivo das Misións era sobre todo meterlles medo ás mulleres", lembrou a historiadora.
Onte, o tamén historiador Miguel A. Seixas ofreceu o primeiro relatorio das xornadas, no que repasou a figura de Ánxel Casal, o alcalde de Santiago, asasinado no 1936. "Casal foi un home de acción. Un empresario nacionalista, que lle deu un grande impulso á cultura galega, nun contexto de circunstancias moi adversas. Foi un home moi afouto", salientou. Ánxel Casal fundou a editora Nós, foi promotor do ensino en galego, membro do PG e das Irmandades da Fala.
PROGRAMA
Os médicos, como os mestres, sufriron en especial a depuración
A filóloga Pilar García Negro disertará mañá sobre outra das figuras da política e a cultura galegas que viviron a represión: Castelao tivo, de feito, que exiliarse para que non o matasen. Castelao, Compostela e o Seminario de Estudos Galegos será o título do relatorio. Ademais, tras cada unha destas intervencións proxéctase un documental. O programa audiovisual continuará do 22 ó 29 de xuño no Hospital Psquiátrico de Conxo.
O mércores 13 de abril, as xornadas continuarán coa intervención de David Simón Lorda sobre Galenos de Galicia: historias de represión, exilio e depuración. O xoves 14 de abril, Emilio González Fernández e Antón Seoane disertarán sobre O psiquiátrico de Conxo no tardofranquismo 1972-1975. Máis de douscentos veciños e veciñas de Santiago sufriron algúns dos xeitos de represión que impuxo o réxime franquista tras o golpe de Estado. Este ciclo de proxeccións e relatorios trata de dignificar e honrar estas persoas, restituír os seus nomes e contar a súa historia, manipulada pola ditadura, cumprindo o decidido nun acordo plenario do concello para reivindicar estes veciños e veciñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario