A Ida. A Volta. O Buque Santa María. Son os tres eixes da exposición de fotografías de Alberto Martí ‘Os Adeuses’, que acaba de abrir a Fundación Barrié, en Vigo. Trátase de 73 imaxes da emigración, captadas entre 1957 e 1963, que contan a historia do que significou, para miles de galegos e galegas, deixar a súa terra
REDACCIÓN
A Coruña, 1957 |
O Consello da Cultura Galega (CCG), e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron onte na sede da Fundación Barrié de la Maza, en Vigo, esta mostra que poderá contemplarse na cidade olívica ata o 22 de maio.
O que podemos ver na exposiciión "é indicativo da grande epopea da emigración galega que cobre case dous séculos da nosa historia máis recente; neste caso, unha etapa ben concreta da emigración americana, aquela que na década dos cincuenta estaba xa dando os últimos folgos", en palabras de Ramón Villares, estudoso do fenómeno na súa condición de catedrático de Historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O presidente do CCG subliña ademais, a importancia da relación entre emigración e fotografía.
Comisariada por José Caruncho, estrutúrase en tres áreas: A Ida, A volta e O Buque Santa María. Complétase cunha reportaxe sobre a peripecia do buque Santa María, que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo, secuestrado polo Directorio Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961.
Pilar Cagiao Vila, do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, destaca, segundo salienta o CCG na súa web, no catálogo o reflexo, nas fotografías de Alberto Martí, de todas as circunstancias que rodearon a partida dos emigrantes: "Desde a chegada ao porto, a terminal de pasaxeiros atestada, ata a espera da partida e a acomodación a bordo, pasando polo mundo dos trámites, os papeis e os funcionarios".
Ningún comentario:
Publicar un comentario