O CGAI incorporará aos seus fondos un conxunto de filmes documentais históricos relacionados coa agricultura que ata agora estaban en poder da Consellaría de Medio Rural. Trátase dunhas 350 copias de películas en 16 e 35 milímetros que se corresponden con arredor duns cen títulos diferentes
REDACCIÓN
O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, e o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, asinaron onte o convenio de cesión deste conxunto documental, que permitirá que a filmoteca galega investigue e catalogue as películas.
Unha parte dos fondos son documentais que inclúen localizacións en Galicia e ilustran sobre o traballo no agro do país. En virtude do convenio, o CGAI poderá realizar as investigacións necesarias para clasificar, localizar, datar e catalogar o conxunto das copias, así como para obter información histórica e antropolóxica relacionada tanto co cine como coa vida no medio rural na época á que corresponden.
Entre as películas que se integrarán nos fondos do Centro Galego de Artes da Imaxe atópase o documental Lúpulo, que inclúe localizacións nos cultivos de lúpulo da área de Betanzos. Este documental foi realizado no ano 1950 por Jesús Francisco González de la Riva y Vidiella, Marqués de Villa Alcázar, un dos principais impulsores, desde o ano 1942, do Servizo de Cinematografía do Ministerio de Agricultura. Así mesmo, figura nos fondos cedidos ao CGAI o filme La mujer y la comunidad rural, filmada por Francisco de la Calle en 1972 para o Departamento de Cinematografía do Servizo de Extensión Agraria, cuxa finalidade fundamental era a de difundir as innovacións e coñecementos na agricultura e no medio rural.
Tamén producidos polo Servizo de Extensión Agraria foron os títulos Lires, Alborada ou Comunidad de aguas de San Julián de Vigo, nos que axentes do Ministerio de Agricultura aconsellan melloras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario