mércores, 13 de abril de 2011

Galiza sitúase á cabeza en racismo contra os xitanos


Trátase da primeira en exclusión residencial e da segunda en casos de discriminación en emprego e prensa
M. TOJO . SANTIAGO E.P.
Perseguidos no franquismo por unha lei de vagos e maleantes que os situaba en perpetua sospeita xurídica, sobre os xitanos pesa o longo imperativo de resistencia e a ardua batalla contra a asimilación.
Os xitanos da comunidade experimentan unha dobre marxinación, malia que o recoñecemento dos dereitos no conxunto de España é superior non só no marco xurídico senón sobre todo na efectividade das políticas de inclusión ao de calquera outro Estado. Non obstante, en Galiza prodúcese a maior exclusión residencial dentro do Estado español. Hai un número maior de xitanos en asentamentos chabolistas, moi vinculados no imaxinario colectivo coa delincuencia, que impera aínda na mentalidade dos galegos. Pero a realidade é que dos máis de 50 poboados que existen en Galiza, só seis presentan conflictividade. O estudo que a Fundación Secretariado Xitano realizou no 2006-2007 demostra que a inmensa maioría non ten ningunha relación coa delincuencia e algúns teñen escasa relación coa marxinación. De feito, se no 1990, case a metade desta poboación residía en campamentos, no 2000, a porcentaxe descendera a pouco máis do 34% e, na actualidade, son  algo menos de un de cada catro os que non accederon a vivenda, unha cifra aínda importante.
E, en relación con esta mentalidade, Galiza asentouse como a segunda comunidade, tras Andalucía, con máis casos rexistrados de discriminación ao colectivo no ano 2009. Segundo o informe da organización, son os medios de comunicación, o emprego e a vivenda os máis agresivos e A Coruña a provincia con máis alta incidencia. 
En Galiza viven aproximadamente13.000 cidadáns xitanos e, cunhas estatísticas non cen por cento fiábeis, cursan estudos da ESO entre 120 e 150. No entender xitano, a resistencia histórica derivou en moitos dos casos, a un rexeitamento do sistema educativo. Un dos principais problemas e a falta de concienciación dos pais sobre a importancia de que os fillos rematen os seus estudios. Na comunidade, só o 10% dos xitanos rematan o Ensino Secundario Obrigatorio (ESO). Segundo os datos da Fundación Secretariado Xitano, mentres a media do Estado español supera o 20%, a comunidade galega mentén a mesma dinámica ineficaz doutros baremos. En educación destacan, con coherencia, os países nórdicos. En Finlandia, o éxito académico dos reapaces xitanos en Secundaria está no 40 por cento. 

Amnistía Internacional condena o desaloxo forzoso
O panorama no resto do mundo, lonxe de mellorar, recrúa. Amnistía Internacional (AI) díxolle onte ás autoridades serbias que debían pórlle fin aos desaloxos forzosos de xitanos en Belgrado, e a proporcionar unha vivenda adecuada ós desaloxados. A consecuencia do proceso, algunhas familias terminaron vivindo en colectores metálicos en asentamentos illados, mentres que outras volveron vivir na pobreza no sur de Serbia, a miúdo en vivendas inadecuadas. Desde abril de 2009 houbo polo menos sete desaloxos forzosos. A maioría forma parte dun plan da Asemblea Municipal de Belgrado de 2009 que prevé grandes proxectos de infraestrutura financiados por préstamos do Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento e do Banco Europeo de Investimentos. A especulación está detrás do caso.
Segundo o informe de Amnistía Internacional, estes plans poderían afectar os residentes de polo menos 50 dos 100 asentamentos xitanos existentes no municipio de Belgrado. “Aproximadamente un terzo da poboación romaní de Belgrado, á que se lle nega o dereito a unha vivenda adecuada, non ten outro remedio que vivir en asentamentos informais, onde carecen de auga corrente, saneamento e outros servizos básicos; á parte ao non poderse empadroar en Belgrado, a miúdo non teñen acceso ao emprego, a seguridade social, a atención da saúde e a educación”. Dentro destas comunidades hai moitos grupos vulnerábeis, como os xitanos que fuxiron da guerra de 1999 en Kósovo. Outros romaníes que buscaron traballo ou protección internacional en países do oeste de Europa e agora son devoltos a Serbia tamén acaban vivindo nestes asentamentos informais.
 ‘Gelem, gelem’. Himno xitano
Gelem, gelem lungone dromensar
maladilem baxtale Rromençar
A Rromalen kotar tumen aven
E chaxrençar bokhale chavençar
A Rromalen, A chavalen
Sàsa vi man bari familja
Mudardás la i Kali Lègia
Saren chindás vi Rromen vi Rromen
Maskar lenoe vi tikne chavorren
A Rromalen, A chavalen
Putar Dvla te kale udara
Te saj dikhav kaj si me manusa
Palem ka gav lungone dromençar
Ta ka phirav baxtale Rromençar
A Rromalen, A chavalen
Opre Rroma isi vaxt akana
Ajde mançar sa lumáqe Rroma
O kalo muj ta e kale jakha
Kamàva len sar e kale drakha
A Rromalen, A chavalen
Andei, andei por longos camiños
Atopei afortunados romà
Ai romà de onde vides
coas tendas e os nenos famentos?
Ai romà, ai rapaces!
Tamén eu tiña unha gran familia
foi asasinada pola Lexión Negra
homes e mulleres foron descortizados
entre eles tamén nenos pequenos
Ai romà, ai rapaces!
Abre, Deus, as negras portas
que poida ver onde está a miña xente.
Volverei percorrer os caminios
e camiñarei con afortunados calós
Ai romà, ai rapaces!
Arriba Xitanos! Agora é o momento
Vide comigo os romà do mundo
A cara morena e os ollos escuros
gústanme tanto como as uvas negras
Ai romà, ai rapaces!
Compúxoo o xitano iugoslavo Jarko Jovanovic. Fala dos xitanos recluídos nos campos de concentración nazis durante a 2ª GM. Foi adoptado oficialmente como himno no Primeiro Congreso Xitano, (Londres, 1971).
Cada 8 de abril celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Xitanos (International Roma Day). Esta data, lembra precisamente o Congreso de Londres, celebrado ese día, no que se instituíu a bandeira e o himno xitano e do que se cumpre en 2011 o seu 40º aniversario. Ademais, o próximo 5 de abril, a Comisión Europea presentará o Marco da Unión Europea para as Estratexias Nacionais de Inclusión da Poboación Xitana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario