Pablo Ces e Aurora Marco presentan un documental que recolle, a partir dunha investigación de catro anos, a historia das mulleres guerrilleiras
MONTSE DOPICO . SANTIAGO
"Para min foi un orgullo participar naquela loita. Fun varios anos enlace e despois pasei á guerrilla do monte, con armas e loitando coma eles. Non queriamos o fascismo, loitabamos pola liberdade, contra Franco. Os fascistas nunca nos poñerán no lugar que corresponde, sempre nos rebaixarán. As guerrilleiras eramos como todas as mulleres e nada tiñamos que ver coa imaxe que tiñan de nós. Sabiamos cal era a nosa loita. Eramos donas dos nosos actos e non tiñamos que darlle explicacións a ninguén". Así fala Consuelo Rodríguez López, Chelo, unha das protagonistas do documental As silenciadas, que se estreará o vindeiro día 8 na Domus da Coruña ás 20.30 horas.
O documental, dirixido por Pablo Ces, parte da investigación realizada pola profesora Aurora Marco sobre as guerrilleiras galegas, mulleres dobremente "silenciadas", esquecidas. "O papel das mulleres na guerrilla foi moito máis que a intendencia: facer a comida ou lavar a roupa dos guerrilleiros. Houbo mulleres que participaron nos combates, como Chelo, de Soulecín, (O Barco de Valdeorras). A maioría foron enlaces, guerrillleiras de chaira. A súa actividade foi fundamental para o movemento de resistencia antifranquista: levaban correos, enlazaban con outras persoas, avisaban por onde andaba a Garda Civil, conseguían armas... e expuxéronse moito por iso", salientou Marco, que reuniu nun libro aínda inédito a información que puido recoller sobre as guerrilleiras, principalmente a través de fontes orais e da revisión das causas dos consellos de guerra.
"Percorrín Galicia durante catro anos. Falei con fillas, netas, fillos, irmáns... pois a maioría delas xa non viven. En xeral, déronme moitas facilidades. É máis, moitas, coma Chelo, alédanse de que, por fin, se vai saber cal foi o seu papel na guerrilla", asegurou. Porque as mulleres adoi- tan aparecer nos relatos da guerrilla como personaxes secundarios, acompañantes ou mesmo só familiares, amantes ou compañeiras sentimentais dos homes. "Agás Enriqueta Otero Blanco; a mitificada Manuela Sánchez, que nin sequera se chamaba así senón que se apelidaba López, e algunha máis, como Josefina Gallego, son mulleres descoñecidas. Moitas veces aparecen citadas sen sequera o apelido...", engadiu.
Estas guerrilleiras estaban dobremente expostas, como loitadoras contra o franquismo e como mulleres. "Foron fusiladas, queimadas, aforcadas, afogadas no río, encarceradas, torturadas, deportadas, outras tiveron que exiliarse... E estiveron sometidas a permanente vixilancia aínda despois de saíren do cárcere", salientou Aurora Marco. A violación era, ademais, un dos xeitos de vexación que mellor reflectía o carácter patriarcal da represión que sufriron.
"Nas entrevistas non se fala de violación ata que a gravadora se apaga. Pero hóuboas. O que che din as fontes é "fixéronlles de todo", explicou a investigadora. As mulleres guerrilleiras desafiaron non só os códigos políticos impostos polo franquismo, senón tamén os roles de xénero asumidos tanto polos represores como polos propios guerrilleiros. "Había mulleres comunistas, socialistas, republicanas con ideoloxía de esquerdas, e mulleres sen militancia política, pero cun compromiso ideolóxico. Eran mulleres do medio rural", lembrou.
Consideradas polo réxime como "bandoleiras", tamén os seus compañeiros amosaron prexuízos cara a elas. "Os estatutos da Federación" -refírese á Federación de Guerrillas de Galiza-León-, "prohibían que as mulleres subisen ó monte, a menos que estivesen en perigo. Unha discriminación de xénero...", indicou.
"A loita da muller pola igualdade non era naquel momento unha prioridade, pois o máis importante era, claro, a loita pola liberdade. Ademais, había un modelo de ideal feminino que, malia que comezara a mudar coa República, volvera para atrás. Contra o que si se rebelan é contra a imaxe que ás veces se tentou dar delas como as amantes, queridas dos guerrilleiros", explicou.
"Chelo, que vive na actualidade en Francia, sempre se rebela contra iso. Ela aturaba, coma os homes, marchas de seis ou sete horas, cargaba co seu macuto, tiña a súa pistola, participaba nas discusións, nos combates..", sinalou.
O documental recolle seis historias. "Chelo; mulleres que axudaron os primeios fuxidos como a familia Valle Valle; tres enlaces: Carmen Gérez e Clarisa Rodríguez e Carmen Rodríguez Nogueira, e Carmen Fernández Seguín".
DATOS
O perigo, razón para ir ó monte
Fuxir ó monte foi, primeiro, un xeito de sobrevivir á represión. Despois xurdiu a Federación de Guerrillas de Galiza-León, e logo o Exército Guerrilleiro de Galicia. As mulleres combatentes perteceron ás dúas organizacións, e houbo ata o final da guerrilla mulleres que fixeron de enlaces. "Investiguei a traxectoria dunhas doce guerrilleiras do monte, e dunhas 150 enlaces. Subían ó monte cando estaban en perigo, cando xa estaba claro que as ían coller", apuntou Marco. Chelo -Marco xa tiña unha publicación anterior sobre ela- e a súa irmá Antonia foron primeiro enlaces. Marcharon ó monte no 45, ós chozos da Cidade da Selva, en Casaio, na Serra do Eixe. Era un lugar de moi difícil acceso. Cando as descubriron, Chelo estivo agochada, ata que marchou a Francia", contou.
"Foron ocultas, ignoradas"
Aurora Marco, profesora na facultade de Ciencias da Educación de Santiago, publicou no ano 2007 un "Dicionario das mulleres galegas" que foi a orixe da súa investigación sobre as guerrilleiras. "Neste dicionario non quixen falar só de mulleres que adquiriron grande relevancia, como as artistas plásticas, escritoras... Así, incluín mulleres que desempeñaron distintos oficios, que rexentaron empresas, sindicalistas, exiliadas, guerrilleiras... Despois fun facendo investigacións máis especializadas", subliñou. O seu traballo sobre as exiliadas, -que presentará mañá nas xornadas "De Rosalía de Castro a nós", organizadas por Galiza Nova-, deu lugar a diversas actividades do Ano da Memoria, como unha homenaxe en Santiago ou unhas xornadas na illa de San Simón.
"As mulleres estaban silenciadas, ocultas, ignoradas. E agora, se non é polo traballo das asociacións e das persoas que traballamos a nivel particular, non habería nada xa de recuperación da memoria histórica. Porque ao actual goberno non lle interesa. ", remarcou. O historiador Harmunt Heine recoñece a importancia das mulleres na guerrilla, como o fixeron, se cadra tardiamente, algúns guerrilleiros. O proxecto "Vermellas" tamén recolle a memoria dalgunhas, tal como se pode ver na web de Nomes e Voces.
Fuxir ó monte foi, primeiro, un xeito de sobrevivir á represión. Despois xurdiu a Federación de Guerrillas de Galiza-León, e logo o Exército Guerrilleiro de Galicia. As mulleres combatentes perteceron ás dúas organizacións, e houbo ata o final da guerrilla mulleres que fixeron de enlaces. "Investiguei a traxectoria dunhas doce guerrilleiras do monte, e dunhas 150 enlaces. Subían ó monte cando estaban en perigo, cando xa estaba claro que as ían coller", apuntou Marco. Chelo -Marco xa tiña unha publicación anterior sobre ela- e a súa irmá Antonia foron primeiro enlaces. Marcharon ó monte no 45, ós chozos da Cidade da Selva, en Casaio, na Serra do Eixe. Era un lugar de moi difícil acceso. Cando as descubriron, Chelo estivo agochada, ata que marchou a Francia", contou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario