Luar na Lubre fai 25 anos sobre os escenarios con 12 discos
XOSÉ MANUEL PEREIRO 01/04/2011
Sen lle dar máis voltas, en Galicia soamente cumpriron 25 anos de actividade continua nos escenarios -fóra solistas ou orquestras- Milladoiro e Siniestro Total. Nese olimpo das vodas de prata co público entra este ano Luar na Lubre, o grupo de música celta nacido na Coruña da man de Bieito Romero. A primeira condición para manterse ese tempo é a acollida do público. A segunda, que as friccións inherentes a calquera colectivo de seres humanos en forzada convivencia (oito músicos, neste caso), e con creatividade polo medio, non provoquen unha implosión que o destrúa, ou unha explosión que catapulte os seus membros a outros proxectos.
En canto á primeira das variables, a do público, a traxectoria de Luar na Lubre está marcada por 12 discos, dous deles -Plenilunio (1997) e Cabo do mundo (1999)- de ouro, cando o ouro eran 50.000 discos e non 30.000. En total, 300.000 copias vendidas. Manteñen unha media de 20 actuacións por ano, que os levaron a 23 países. "Eu penso que a razón de manterse é a da coherencia musical, facer o que pensas que hai que facer e evolucionar sen perder as orixes. Logo hai factores externos, como ter a grande sorte da relación con Mike Olfield, en 1992, que nos axudou a situarnos fóra do telón de grelos. Para vivir da música é necesaria unha proxección exterior", di Bieito Romero, o gaiteiro e líder de Luar na Lubre. Sobre todo porque agora "nunca tanto, tan variado e tan bo houbo na música galega coma hai hoxe, pero non está acompañada do aspecto empresarial", asegura.
O segundo piar para a supervivencia, o da cohesión interna, quizais se asente no claro liderado que exerce Romero. O aludido non o nega, pero tampouco o confirma: "O liderado pode influír. É unha forma de traballar que a xente entende e comparte. Sentímonos cómodos". De feito, no seu cuarto de século de vida foron un grupo bastante estable malia os cambios de cantante (Ana Espinosa, Rosa Cedrón e agora Sara Vidal), ese posto que soporta en boa medida a imaxe dun grupo, en equilibrio inestable coa dirección musical.
Bieito Romero é da Agra do Orzán, o barrio coruñés onde tradicionalmente se asentaron os de Bergantiños, a pesar da súa orixe está en Niñodaguia. Comezou a tocar a gaita tarde, aos 16 anos, aprendendo pola súa conta cunha fabricada en serie en Valencia. "Era un bicho raro. Mesmo cando iamos á aldea e parabamos nunha gasolineira, o meu irmán maior rifábame porque eu mercaba casetes de corais e de gaiteiros". Pese a que non se deu profesionalizado ata 1999, Romero sempre viviu da música, como gaiteiro do Ballet Rey de Viana ou dando clases.
Xan Cerqueiro, que se achegou a Luar na Lubre con 16 anos, tamén era un bicho raro. "A pesar da miña formación coa frauta traveseira, sempre me atraeu o folk", di. Patxi Bermúdez, outro dos orixinarios, foi, porén, recrutado. "Eu antes era vasco. Non tocaba nin a zambomba. Empecei a tocar o tambor para acompañar a Bieito", ri Bermúdez. Agora domina o bodhran e o djimbek. Luar na Lubre ensaia dúas horas, tres días á semana.
Xulio Varela (bouzouki, voz e percusións, aínda que no ensaio toca a guitarra) é tamén dos pioneiros. "Aguantamos por militancia, por crer na música que estás facendo, aínda que non exista nas radios e nas teles", aproveita para queixarse. Os demais non é que sexan recén chegados. Pedro Valero é un clásico do heavy coruñés que leva nove anos no grupo. "Era amigo de Xan e ficháronme. A vantaxe do folk é que podes vivir diso", xustifica. Tamén Xavier Ferreiro, o especialista en percusións latinas e efectos, tiña unha traxectoria vencellada aos ritmos latinos e ao jazz.
A quen o folk lle veu máis a trasmán é a Eduardo Coma, que comezou a estudar violín aos seis anos na súa Cuba natal. "Aínda que o que me tiraban eran os bongós". Tivo o seu primeiro contacto coa música galega cando a muller lle cantaba Fuxan os Ventos nas viaxes en coche. "No primeiro concerto, en Extremadura, chorei porque compartín os sentimentos dos emigrantes, como tamén son eu". Emigrante, pero menos, é a lisboeta Sara Vidal. A primeira vez que soubo de Luar na Lubre foi facendo o camiño de Santiago, cando lle escoitou a unha rapaza na frauta unha melodía que a namorou, O son do ar, o primeiro hit do grupo. O traballo fin da carreira de Xestión Cultural era organizar un festival intercéltico en Lisboa, para o que convocou a Luar na Lubre. "Logo vin estudar a Ferrol e comecei a contactar con eles, ata que me escolleron no casting para substituír a Rosa Cedrón".
As vodas de prata collen a Luar na Lubre nun xiro que comezou con Solsticio, o seu último disco, centrado na lírica medieval galaico-portuguesa e con máis presenza de guitarras eléctricas e programacións. Pero o futuro non depende soamente da evolución musical. "Houbo un punto álxido a finais dos noventa. Na Generalitat preguntábanlle a Pérez Varela como a música galega acadara esa repercusión internacional", di Bieito Romero. "E virán outros bos momentos, a pesar de que as vendas non son as de antes de Internet. Tes que abrir portas en todas partes, pero non pechar a da túa casa, porque é a onde tes que volver".
Folk, celta ou que?
"Os animais de dous en dous, u-ah!, u-ah! Van subindo á Arca de dous en dous..." Os animais, que abría o disco Camiños da fin da terra, é un dos temas máis populares de Luar na Lubre, practicamente unha cantiga popular en Galicia. A música é a da vella canción antibelicista irlandesa Johnny I hardly knew ye, a letra do escritor Xabier Cordal, e non deixa de ser unha versión do tema dun spot que anunciaba un coche. Iso é folk (a asunción como popular dun tema gravado), celta (pola orixe irlandesa)?
"O de música celta é unha etiqueta coa que estamos cómodos, é un modo de facer música, non unha moda. Grazas a ela, a música galega acadou a internacionalización, e non estás enganando a ninguén porque temos relacións claras coas outras músicas atlánticas. Por outra parte, o folk é tamén un xénero relativamente moderno, dos anos sesenta do século pasado", analiza o líder de Luar na Lubre. "O que está claro é que desde o momento en que estás aí, para uns o que fagas non é puro, e para outros é demasiado puro. O importante é que se fale do que fas".
Ningún comentario:
Publicar un comentario