>> En abril de 1981 entraba en vigor o texto estatutario aprobado no Congreso días antes do 23-F, nun debate con Manuel Fraga, Paco Vázquez e Meilán Gil
>> A abstención foi do 71,73%, o que contrastou coas protestas contra o "Estatuto da aldraxe"
DAVID LOMBAO 04/04/2011 - 00:19 h.
O 6 de abril de 1981, hai este mércores trinta anos, El-Rei Xoán Carlos I e o presidente do Goberno acabado de elixir polas Cortes, Leopoldo Calvo-Sotelo, puñan, no Palacio Real de Madrid, a súa sinatura na “Lei Orgánica de Estatuto de Autonomía para Galicia”. A norma básica do ordenamento xurídico galego era a primeira lei promulgada polas Cortes Xerais nese ano, e non por casualidade. O acto formal de promulgación dilatárase máis do debido porque, apenas un mes antes, a feblísima democracia sufrira un verdadeiro terremoto, escenificado no sainete da irrupción do teniente coronel Tejero no Congreso, que aínda lle facía tremer as pernas ao proceso autonómico.
Coa gobernante Unión de Centro Democrático (UCD) en proceso de descomposición tras a marcha forzada de Adolfo Suárez, o texto estatutario completaba a tramitación tras ser aprobado en referendo polo 73,35% dos votos, pero cunha abstención do 71,73%, radiografía dunha pasividade política que contrastaba coas multitudinarias manifestacións do 4 de Nadal de 1977 e 1979. Estas últimas foran celebradas como rexeitamento ao chamado Estatuto da Aldraxe –proxecto que pretendía rebaixar as pretensións autonómicas galegas a respecto de Euskadi e Cataluña– e nas que, nun inédito movemento, a prensa galega da época mesmo deu en apelar a poboación galega a saír ás rúas das grandes cidades na defensa da “dignidade nacional” de Galicia.
A sinatura dos xefes do Estado e do Goberno era consecuencia directa do visto e prace que o Congreso dos Deputados lle dera ao Estatuto, por 301 votos favorables e 3 abstencións, no debate celebrado o 17 de febreiro do mesmo ano, 6 días antes do 23-F. Nun hemiciclo sen partidos implantados só en Galicia –o Partido Galeguista non tiña representación en Madrid e o nacionalismo de esquerdas non participaba aínda destes procesos electorais–, o texto foi debatido por figuras destacadas da política galega, coma o centrista José Luis Meilán Gil, e tamén polo daquela líder do grupo parlamentario de Coalición Democrática, Manuel Fraga, que tentaba soltar lastre aos poucos do seu pasado recente.
Foi precisamente o de Fraga un dos discursos máis apaixonados dos escoitados aquel 17 de febreiro no Congreso, aínda que cunhas teses sobre as autonomías aínda lonxe das que exporía na súa etapa como presidente da Xunta e que mesmo chegarían a incomodar o aparello do PP de José María Aznar.
MANUEL FRAGA E FRANCISCO VÁZQUEZ
Fraga subía á tribuna da madrileña Carrera de San Jerónimo para anunciar o voto afirmativo ao texto que, dicía: “quere ser unha homenaxe á miña rexión natal, aquela que cantara en versos inmortais Rosalía de Castro”.Para o entón aspirante a liderar o partido que aglutinase a toda a dereita española, resultaba unha “satisfacción” poder aprobar un texto que, reprochaba, tivera “discutibles comezos” e fora aprobado nun referendo “innecesario e tal vez absurdamente convocado no máis crúo do inverno” –celebrarase o 21 de decembro do ano anterior, data na que Xornal, o ano pasado, fixo un especial do 30 aniversario no que os históricos Meilán Gil e Rodríguez Pardo reclamaban unha urxente reforma da norma–.
O Estatuto, sinalaba Fraga, debía ser un “sistema de mellor coordinación das catro provincias e variadas comarcas, un medio de deixar oír unha voz máis poderosa e unida no conxunto nacional”. Tratábase, afondaba, de recuperar a forza do “vello Reino de Galicia, o primeiro en declararlle a guerra a Napoleón pola independencia de España”.
Un ton ben diferente ao de Fraga foi o do representante do PSOE no debate, Francisco Vázquez, daquela deputado e cun discurso identitario, lingüístico e autonomista practicamente antagónico ao que defendería posteriormente na súa etapa como alcalde da Coruña. “Hai momentos no que o presente vén xustificado polo pasado”, proclamaba o daquela secretario xeral do PSdeG, en cuxa opinión, “a autonomía de Galicia non é unha realidade que naza dunha determinada conxuntura”, senón “froito que xorde da vontade de xeracións” que “souberon conservar os seus propios sinais de identidade nacional”, salientaba.
Daquela, para Vázquez a autonomía estaba “lexitimada pola historia dun pobo”, pola lingua e pola cultura, pero tamén pola necesidade de resolver problemas que “un Estado centralista xamais pode resolver”. “Galicia non é un país pobre”, senón “un país de pobres con recursos mal administrados” que “só se ilusiona despois das realidades”. Neste ton, e coa esperanza de que o Estatuto fose a “panca para a transformación social e o desenvolvemento económico”, Vázquez concluía o seu discurso facendo votos por que “este acto inicie o que no noso himno cantamos os galegos, a redenzón da boa Nazón de Breogán”.
O DESÁNIMO E A ABSTENCIÓN
Alén das posicións sobre a autonomía dos diferentes grupos, o debate no Congreso foi tamén reflexo do clima de crise económica e pasividade cidadá en que se aprobou o Estatuto explicitado, por entre outros, José Luis Meilán Gil. Na súa quenda, o daquela deputado de UCD amosábase “preocupado polo silencio do pobo” no proceso estatutario pero instaba os grupos a “tranformar a abstención en participación”, facendo da autonomía algo “real” que, á vez “solda unha ruptura” nun “proceso abruptamente quebrado en 1936”. “A autonomía galega –resumía– non é un invento” nin unha “creación artificial” dos políticos da época.
O apoio á que a autonomía galega se transformase en “feitos” por parte do comunista Jordi Solé Tura ou as chamadas á “reconstrución de Galicia” e lembranzas ao Partido Galeguista realizadas dende o PNV, por Marcos Vizcaya, e dende CiU, por Miquel Roca, completaban un debate que daría lugar á aprobación definitiva do texto e, algo máis de seis meses despois, ás eleccións que compuxeron o primeiro Parlamento de Galicia e ás institucións autonómicas rexidas aínda hoxe polo Estatuto, cuxo triséximo aniversario non foi, cando menos polo momento, conmemorado polo Goberno galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario