Publicado o Mércores, 11 Abril 2012 08:07 Escrito por Martiño Suárez
Parecía unha escena de Verano azul cincuenta anos antes de Verano
azul. Segundo contaba Sanchia Berg para a BBC hai un par de anos, ducias de
mozos alemáns, alegres, loiros e espigados, percorrían a mediados dos anos trinta
as estradas de Inglaterra en bicicleta, coñecendo as comarcas rurais e gozando
do aire puro e do deporte. E facendo secretamente mapas para a invasión que xa
entón aniñaba na cabeza de Adolf Hitler, ou iso sospeitaba o MI5, o servizo
secreto británico.
Polo que contan documentos desclasificados da espionaxe inglesa, moitos
daqueles precursores dos actuais Erasmus eran integrantes das Mocidades
Hitlerianas, adolescentes de lealdade sobradamente probada que aproveitaban as
visitas en bici ás poboacións turísticas da illa para anotar coidadosamente a
localización dos cruces, dos edificios públicos, das igrexas... Daban pedal en
grupos de máis de vinte, e non pasaban desapercibidos para a prensa local: o
defunto Daily Herald alertaba en maio de 1937 das andanzas dos “spyciclists”
xermanos, traducindo parágrafos ben inquietantes dunha guía da Asociación
Ciclista Nazi (que tamén a había): “Quedádevos ben con todos os fitos como
campanarios e torres e todos os pasos e pontes, e familiarizádevos con eles ata
o punto de que sexades capaces de recoñecelos pola noite”. Por se se perdían,
enténdese.
Os cachorros nazis cultivaban con certo éxito a amizade de grupos locais
coma os Boy Scouts, aos que impresionaban, máis que cun acompasado pedalar, coa
súa disciplina, as súas ceas a base de salchicha, os seus desfiles de fachos e
os seus símbolos de masculina camaradería. Se alguén sospeitaba xa que había
algo morboso detrás dun personaxe tan peculiar coma o fundador do escutismo,
Lord Baden-Powell, verá confirmada a súa opinión sabendo que o home, xa nos
anos finais da súa vida, foi un decidido defensor da colaboración entre
Inglaterra e Alemaña. Non foi o único: coñecidas son as simpatías pronazis do
abdicado rei Eduardo VIII, que deixou o trono na mesma época para casar cunha
americana.
Noticia na BBC: http://news.bbc.co.uk/today/hi/today/newsid_8551000/8551491.stm
Ningún comentario:
Publicar un comentario