sábado, 14 de abril de 2012

"Eu non tiven aldea, polo que o recordo da miña familia e a miña infancia o teño asociado á N-VI"


"Esas grandes vías, as autoestradas, son marabillosas para transportar mercadorías, pero non para examinar un territorio […] Cando teñamos este tipo de estradas por todo o país, como teremos e debemos ter, poderase ir desde Nova York ata California sen ver nin unha soa cousa". O realizador Pela del Álamo bota man de Steinbeck para presentar N-VI, un documental que competirá no Festival de Cinema de Málaga e que conta a historia da vella estrada que unía Galicia e a meseta, as súas xentes e as vilas -La Bañeza, Villalpando, Medina del Campo, Arévalo...- que agora, a 120 kilómetros por hora, xa non vemos.
Del Álamo, que naceu en Madrid e con catro anos veu vivir a Galicia, realiza unha viaxe de volta a uns espazos, paisaxes e topónimos que marcaron a súa infancia, con viaxes constantes atravesando os 600 quilómetros desta vía. Unha viaxe que percorre lugares que non deixaron de existir, senón que viraron invisibles para nós e que tiveron que adaptarse a un novo tempo. E un percorrido, ademais, por medio século de historia de España, dende o primeiro proxecto de construción de vías radiais para comunicar Madrid con todos os puntos do Estado até a propia historia da clase media, que coa conversión do coche nun elemento máis da sociedade de consumo, foi construíndo os intramundos deste e doutros trazados.
A filme, de Diplodocus Producións, inicia en Málaga o seu percorrido, que continuará por festivais de dentro e fóra de España. Del Álamo, que traballou durante máis de dous anos neste traballo, salienta o apoio recibido da desaparecida Axencia Audiovisual Galega e do Play-Doc de Tui, onde participara en 2009 no laboratorio O retrato filmado, dirixido por Marta Andreu.
Como nace o proxecto?
O proxecto nace dun impulso. Estaba facendo un traballo para unha produtora, sacando fotos dos viadutos da autovía e de súpeto vexo como en paralelo á A6 seguía estando a vella N-VI. E comecei a pensar: esa é a estrada pola que viaxei toda a vida, unha parte fundamental da miña infancia. Eu nacín en Madrid e pasei todos eses anos indo e vindo dende Galicia, e eu non tiña aldea nin leira, polo que para min a miña familia e a miña infancia estaba asociada á N-VI. Sentín un impulso para explorar esa realidade e eses recordos. E entón vin que podía haber unha película aí.
Como é o teu achegamento a esta realidade? Percorriches vila por vila procurando as marcas do pasado, as testemuñas? Ou fas unha achega máis ensaística?
Para min o fundamental neste proceso é a viaxe, a experiencia da viaxe, que ten que ver moito coa forma en que eu traballo. Aínda que despois pase dous anos co traballo de escritura e montaxe ou plantexando cuestións máis teóricas. Para construír a historia dividimos a estrada en seis tramos e cada un contámolo dunha maneira distinta, dende o primeiro treito máis próximo a Madrid, no que a autovía comeu case toda a vella estrada e apenas hai restos; outros treitos, na Castela profunda, que me resultaron moi interesantes, porque era unha realidade que descoñecía; ou outros, coma o que atravesa O Bierzo e entra en Galicia por Vega de Valcárcel, Pedrafita, Doncos ou As Nogais, cunhas paisaxes impresionantes e nos que atopas restos da estrada anterior á N-VI.
É un documental que fala, sobre todo, dos procesos de significación dos espazos?
Interesábame a vinculación que sentes cos espazos, que polo feito de pasar por eles unha e outra vez acaban sendo teus. Cando estás de viaxe o teu estado mental é outro, estás máis aberto e a viaxe convídate a pensar e a proxectarte na paisaxe, e iso facilita que se xere o vínculo con eses espazos.
Como son agora eses lugares? Como cambiaron?
Eu comecei o documental cun prexuízo, miraba a través dos meus recordos e só vía o pasado deses lugares e non vía o presente. No proceso de investigación descobres que para moita xente o cambio da estrada é positivo. Decatarme disto fixo que me centrase máis no presente, aínda que obviamente o pasado sempre está aí: no asfalto degradado, nos entrevistados, que son maiores, ou nos escenarios decadentes.
No fondo é tamén un documental sobre 50 anos de historia de España?
A N-VI e todo o sistema radial está vinculado ao franquismo e en toda a estrada, tanto nas testemuñas de moitas persoas e en moitos elementos, atópanse eses elementos: ditadura e o crecemento da clase media que ocupou as estradas, que até entón foran só para os camións.
Pensas que é un filme que se pode entender en calquera parte do mundo?
Si, son historias contadas en termos universais. Hai algúns elementos de contextualización, pero nin é unha historia da N-VI, nin é unha película da N-VI: é unha película na N-VI. E si, fóra de España hai historias moi semellantes: en Alemaña, en Polonia, e moito máis nos Estados Unidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario