mércores, 28 de outubro de 2009

Aprender da historia


Adolfo Dufour estrea na 54 Seminci un documental sobre a loita da familia de José Humberto Baena por limpar o seu nome

EFE Galicia-Hoxe. 25-10-09

O director e documentalista Adolfo Dufour asegurou onte que unha das funcións do cine é narrar episodios tráxicos da historia "para evitar que se repitan", unha idea que en España non tivo aínda a "boa acollida" que en países como Alemaña, Arxentina e Italia. Dufour estreou onte na 54 Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci) o documental titulado Setembro do 75, que relata a historia dun dos últimos fusilados do franquismo, o militante galego do FRAP José Humberto Baena, a través da súa irmá, Flor Baena, protagonista da cinta.

A obra trata da loita, aínda vixente, de Flor Baena por obter "verdade, xustiza e reparación moral" co fin de "limpar" a memoria do seu irmán, fusilado en Hoyo de Manzanares (Madrid) en 1975, despois dun xuízo sumarísimo no que se o acusou de participar no asasinato dun policía.

O documental, que compite na sección de Tempo de Historia, narra os "terribles" meses do verán de 1975, os últimos antes da morte de Francisco Franco e nos que se produciron "múltiples episodios de violencia, mortos en manifestacións, folgas e continuaron as execucións", detallou Dufour.

Narra as "irregularidades" do Consello de Guerra no que Baena foi condenado á morte e onde non houbo testemuñas nin probas que demostrasen a súa relación co asasinato que se lle atribuía, e inclúe testemuños de avogados e persoas relacionadas co resto dos sentenciados coa pena capital neste xuízo militar. O documental relata as torturas ás que supostamente foi sometido Baena ata que asinou a confesión pola que foi condenado á morte.

A cinta deixa constancia da loita da familia, que iniciaron no seu día os pais do fusilado e que continuou Flor Baena coa esperanza de que algún tribunal recoñeza a inocencia do seu irmán.

José Humberto Baena, membro da Fronte Revolucionaria Antifascista e Patriota (FRAP), foi fusilado o 27 de setembro de 1975 xunto a outros dous militantes deste grupo e dous membros da organización armada ETA.

Detrás do argumento principal de Setembro do 75, Dufour asegura que se atopa o pensamento de que "a violencia o que fai é xerar máis violencia", unha frase do poeta clásico grego Esquilo, que inclúe nun momento do documental.

Dufour (Madrid, 1955), realizou máis dun cento de documentais ó longo da súa carreira. Traballou, por outra banda, en series como Esta é a miña terra (1981-2004), Robinson (1982), Amar o cine (1996-1996), Paraísos próximos (1997-2007) ou Historia de España (2004).

Ningún comentario:

Publicar un comentario