Amberley edita unha biografía do creador de "O porco de pé" que inclúe 150 imaxes, a maioría do fondo da Fundación que leva o nome deste autor
M. D. . Galicia-Hoxe
"Un xeito diferente de achegarse á figura de Vicente Risco, a través de imaxes". Así define Luis Martínez-Risco Daviña, presidente da Fundación que leva o nome do autor de O porco de pé, o libro que esta entidade presenta hoxe ás 20.30 horas na Asociación de Artesáns de Ourense, Vida e época de Vicente Risco, editado por Ediciones Amberley.
A obra describe, a través de perto de 150 imaxes, -entre fotos e debuxos-, acompañadas duns breves textos -parte deles escritos polo pripio Vicente Risco-, a biografía desta figura fundamental da literatura e da historia do nacionalismo galego e os acontecementos que lle tocou vivir no seu tempo.
"Foi unha proposta de Amberley. Eles pensaran en facelo en castelán, e nós pedímoslles que fose tamén en galego. Non puxeron ningún problema, e por iso o libro é bilingüe", salientou Luís Martínez-Risco, que coordinou o libro. As fotografías proveñen dos fondos da Fundación Vicente Risco, agás algunhas cedidas por Alfonso Vázquez-Monxardín Blanco, a familia Conde Corbal e X.M. Rodríguez.
"O libro repasa primeiro a vida de Risco, cunha atención especial aos tres lugares que foron especialmente importantes para el: Ourense, Castro Caldelas e Allariz. Esta parte retrata a importancia que el lle daba á familia e os amigos. Despois vén un capítulo sobre o mundo rural que estaba morrendo, desaparecendo, e logo un chamado "Coñecer Galicia", pois el sempre dicía que o xeito de coñecer Galicia era camiñala. Esta parte amosa fotos das excursións que facía coa familia", sinalou o coordinador.
O cuarto capítulo, denominado "As festas", amosa neste aspecto da cultura popular galega e, por último, o quinto afonda na relación de Risco con Europa: postais que recibía ou enviaba desde Alemaña... Outros aspectos que aborda o libro é o labor pedagóxico de Risco: en misións en Portugal..., ou mesmo o seu funeral.
No acto de presentación de hoxe intervirán Martínez-Risco e o escritor e xornalista Xosé Manuel Rodríguez. Amberley, nacida en Inglaterra e con más de 50.000 libros publicados, conta no Estado español, ao ano do seu nacemento, con 14 títulos e máis de 30 en preparación, polo que estima superar o cento de obras de fotografía antiga sobre historia no ano 2010.
Ningún comentario:
Publicar un comentario