sábado, 17 de outubro de 2009

Maruja Mallo nunca estivo aquí


Artista frívola, teórica da arte, amante de intelectuais, xenio da pintura, activista republicana e decoradora, todos atributos da mesma muller que Carlos Nuevo e Emilio Ínsua intentan abarcar na biografía que publicarán o ano vindeiro, onde corrixen erros e tópicos habituais sobre ela.

A. Losada- O Xornal 17/10/2009.

Os anos significativos na vida de Maruja Mallo


No Madrid dos primeiros anos 30, a pintora Maruja Mallo gustaba de xogar a escandalizar, a envolverse no misterio e a deixarse admirar por entendidos e intelectuais, pero non por iso deixou de ser unha sólida estudiosa da teoría da arte, unha mente progresista sen medo a comprometerse politicamente, e unha galega que prefería venderse como “celta e do mundo”.

A figura desta muller, que naceu como Ana María Gómez González en Viveiro (Lugo), en 1902, e converteuse por dereito propio en Maruja Mallo, foi a miúdo maltratada, frivolizada e esquecida, “porque tivo tantas facetas, fixo tanto, que resulta difícil facerlle xustiza”, di Carlos Nuevo Cal, profesor de Historia e coautor xunto a Emilio Ínsua da máis recente biografía sobre a artista, Maruja Mallo. De prometedora figura a artista universal, que gañou este ano o Premio Ánxel Fole, do diario El Progreso e Caixa Galicia, e que será editada a comezos do ano que vén, e que corrixe erros e malas interpretacións moi correntes nas anteriores.

“Nunca estivo en Tui, nin en Verín, como di ás veces. Quen pasou por alí foi seu pai, que era funcionario de aduanas, pero ela pasou a súa infancia en Corcubión, cuns tíos, mentres el cambiaba de destino para gañar ascensos”, explica Emilio Ínsua. Tampouco tivo problemas para cruzar a fronteira durante a Guerra Civil, “estivo uns meses medio agochada en Vigo, coa familia, e pasou a Portugal tranquilamente pola aduana. E, dende logo, non foi recibida por Gabriela Mistral, aínda que o digan moitos biógrafos. Pode que quedasen para tomar un café, antes de que collese o barco para Arxentina, pero non houbo pompa e cerimonia ningunha”, asegura Carlos Nuevo Cal.

Os mitos e os tópicos pesan moito na figura dunha muller que era moi celosa da súa vida privada, que non daba nunca o seu nome real e adoitaba quitarse anos. A súa obra, non moi numerosa e si moi dispersa, tampouco axuda a rastrexala, nin o feito de que parte da documentación sobre ela quedase destruída durante os bombardeos de Madrid na Guerra Civil. Polo tanto, a súa relación coa Xeración do 27, os testemuños alleos, son a tinta coa que adoitaron pintarlle retratos biográficos.

“Ás veces, fálase máis dos seus amoríos con Rafael Alberti ou con Miguel Hernández, ou das súas leas con Buñuel, que da súa obra”, di Nuevo, a pesar da súa contribución ao mundo da pintura, sempre orixinal e cambiante, e habitualmente xenial, como se pode comprobar na exposición que Caixa Galicia lle dedica na súa sede en Vigo, talvez a maior retrospectiva nunca realizada sobre a artista. Porén, a frívola artista rouboulle moito protagonismo á pintora seria e metódica, cando en realidade non era máis que a forma na que Maruja Mallo combatía “os entornos vedados que a sociedade lle impoñía”, segundo explica Emilio Ínsua. (...)

Ler máis

Ningún comentario:

Publicar un comentario