Eva Páramos, a neta do represaliado Domingo Páramos, acudiu ao Valle de los Caídos coa acta de traslado do corpo do seu avó e prohibíronlle entrar. Outro parente seu asasinado, Gumersindo Rodríguez, nunca foi localizado
Daniel Prieto- Xornal- 25/10/2009
Domingo Páramos Núñez era un ferreiro de Tui. Chegou a ocupar un posto de concelleiro no municipio pontevedrés durante a República. En 1936, tras a chegada das tropas nacionais á vila, foi encarcerado e posteriormente asasinado. En 1960, os seus familiares recibiron unha carta na que lles comunicaban que o seu corpo fora levado un ano antes ao Valle de los Caídos, onde os investigadores sinalan que poderían xacer máis de cen republicanos galegos, segundo especialistas como Ángel Rodríguez ou Queralt Solé. A acta de traslado sinala que os restos de Domingo, inscrito co número 4.676, xacen no columbario 1.156, na cripta dereita do segundo piso.
Eva Páramos Núñez, a neta de Domingo, compilou toda a información que puido sobre o seu familiar. “O único que fixo o meu avó para que o matasen foi denunciar tres persoas que intentaron introducir en Tui unha partida de carne en mal estado, ese foi o seu crime, e que era republicano”, explica. Na súa investigación, descubriu que Domingo fora fusilado xunto a outros no Confurco, no municipio pontevedrés de Mondariz, e alí foi onde o enterraron, nunha fosa común.
Eva acudiu en 1994 ao Escorial, en Madrid, á cripta de Cuelgamuros, en compañía doutros parentes, coa intención de acceder ao lugar onde reposa o seu avó. Tras localizar o lugar onde supostamente están os restos do seu defunto e explicarlle o seu caso ao persoal do mausoleo, tentou acceder ao recinto. “Identifiqueime, presentei a acta de traslado ante un dos gardas de Patrimonio Nacional e non me deixaron entrar, non me deron ningún tipo de explicación. Non me deixaron visitar o meu avó”, sinala.
A historia desta veciña de Tui reflicte as dificultades que, ata o momento, atoparon as familias dos represaliados durante o franquismo para honrar os seus seres queridos. Ademais, historiadores como Francisco Espinosa ou Dionisio Pereira puxeron recentemente de manifesto as trabas legais coas que moitas veces topan os investigadores que estudan a represión franquista. Pero isto pode cambiar, xa que o Congreso instou o Goberno a elaborar un censo coas inhumacións realizadas e coa localización dos desaparecidos desa etapa. O caso de Eva Páramos exemplifica tristemente eses problemas. “Non coñecín ningún dos meus avós, os dous republicanos. O meu outro avó Gumersindo enterrárono nunha foxa común en Ponteareas, pero nunca demos cos seus restos”. A Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas escavou no lugar comprobando que a terra estaba removida, e non localizou ningún corpo.
Gumersindo Rodríguez Costas, líder da CNT en Tui, de profesión panadeiro, avó por vía materna de Eva Páramos, tamén foi asasinado en 1936, o mesmo día en que as tropas nacionais entraron nese municipio pontevedrés. Os seus compañeiros tiñan preparada unha lancha para fuxir en Baiona, pero Gumersindo decidiu quedar. “El dixo que non lle fixera mal a ninguén e ademais deixaba unha muller e catro fillos”, relata Amelia Viñas, de 80 anos, a súa filla. “Pegáronlle sete tiros e envelenárono”, prosegue Amelia.
“Cando o fusilaron no Monte Aloia xunto a outros republicanos e o guindaron nunha fosa, un crego, Don Basilio, decatouse de que estaba vivo e mandou que o levasen ao hospital de Pontevedra”, di Amelia. “Quedara cego e estábase recuperando, pero envelenárono e morreu, e non puidemos saber onde está enterrado. Nunca puiden levarlle flores”, asegura. Amelia soubo sempre quen era o asasino do seu pai, pero non desvelou a súa identidade pola amizade que a une cos seus descendentes. “Nunca dixen nin direi quen foi, ¿para que? Ademais eles non teñen a culpa e lévome moi ben coa súa familia, eramos nenos pequenos daquela e non se pode vivir no pasado. Só me queda o consolo de saber que o asasino do meu pai morreu tiroteado; era un deses falanxistas chulos dos que non se podía esperar nada bo”, asegura. (...)
Ningún comentario:
Publicar un comentario