Daniel Prieto O Xornal 21/10/2009
Tras un laborioso traballo de documentación, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica localizou onte nunha foxa común da localidade pontevedresa de Barro os primeiros restos humanos que preveía atopar, poucos minutos despois de iniciar a escavación. Varios voluntarios da entidade identificaron o lugar exacto que varias testemuñas sinalaran, onde se cre que xacen os ósos de dous homes asasinados en setembro de 1936: o membro da CNT Castor Cordal e o articulista Ramón Barreiro. Nos certificados de defunción de ámbolos dous figura como causa da morte unha “hemorraxia interna”.
Nos próximos días, un equipo dirixido polo arqueólogo René Pacheco levará a cabo as tarefas de exhumación dos restos “nun período de tempo indeterminado”, informou a asociación a través dun comunicado. Fontes da entidade precisaron que “a chuvia prevista para estes días pode retrasar os traballos”.
Castor Cordal Garrido foi fusilado cando tiña 27 anos. Era electricista, estaba casado e non tiña fillos. Este sindicalista da CNT decidiu fuxir e permanecer agochado, xa que era consciente de que estaba no punto de mira. Pero foi delatado e arrestado ao pouco. Permaneceu recluido no pazo de Fefiñáns, en Cambados, xunto a outras persoas.
O pai de Castor tentou visitalo no pazo, pero foi ameazado con ser apresado tamén. Ao terceiro día, comunicáronlle que o seu fillo fuxira a Portugal. Pero uns veciños de Corbillón que ían á feira de Pontevedra viron de madrugada como trasladaban dous cadaveres para soterralos. Recoñeceron a Castor e contáronllo á familia. Según a súa irmá Josefina, que aínda vive, a Castor levárono membros da Guardia Civil e falanxistas cos que tivera máis dun desencontro político.
Ramón Barreiro Rodríguez pertencía a unha familia de tradición republicana. O seu caso é aínda máis dramático, se cabe. Era articulista en gacetas locais e posuía unha gran acidez literaria. Solteiro e sen fillos, tiña 19 anos cando o mataron. Quen o delatou foi un cuñado da súa nai, que foi violada e rapada ao cero para que confesase onde estaba escondido o seu fillo. Os dous pais recibiron unha brutal paliza.
O irmán de Ramón foi mobilizado para combater na guerra coas tropas golpistas, pero pasouse ao lado republicano. Ao rematar o conflito foi detido e permaneceu oito anos preso. Pero os seus parentes nunca souberon do paradeiro de Ramón. Antes de enterralo, os nacionais cortáronlle un dedo para roubarlle un anel que levaba.
Ningún comentario:
Publicar un comentario