sábado, 17 de outubro de 2009

A memoria histórica politizada


Ricard Vinyes compila unha presada de estudos sobre a xestión política do pasado e, a través da comparación con outros casos en Europa e América, desarma o tópico da singularidade española. El estado y la memoria. Gobiernos y ciudadanos frente a los traumas de la historia, RBA.

Gustavo Hervella- O Xornal- 17/10/2009


Coa construción dos estados nación desde finais do século XVIII e durante o XIX, a apelación ao pasado, á memoria do pobo foi unha constante. O historicismo converteuse nunha das principais –non única– argamasa das nacións. Os éxitos comúns, así como os sufrimentos, foron e son elementos esenciais na configuración da nación. A memoria da represión é un deses elementos que contribúe a amalgamar a sociedade. Ricard Vinyes recompila unha serie de estudos que veñen a demostrar este principio. Desde latitudes e culturas que difiren moito entre si, chegamos á mesma conclusión: o pasado une o presente e cimenta o futuro. É por isto que a presenza do Estado se fai imprescindible para poder manter o mito, neste caso o do sufrimento común.

Un dos elementos que se desprende deste estudo é que o esquecemento da represión foi público, nunca privado. Os que sufriron algún tipo de persecución, os seus familiares, incluso os veciños, souberon sempre que pasara cos desaparecidos, quen os matou ou os torturou. Tal como sinala o propio Vinyes, “el silencio no era olvido. Era más bien un imperativo de privacidad inducida”.

Entón, cal era a memoria que se transmitiu? No caso español era a dos triunfadores da guerra, a do franquismo, baseada no desprestixio do réxime republicano, incluso triunfando entre a oposición, chegando a prohibir calquera exhibición da simboloxía republicana en actos e manifestacións durante a transición. O poder que se constrúe tras a morte de Franco baséase precisamente no “pasar páxina”, equiparando os republicanos cos franquistas e argumentando que o mellor era non “remover” o pasado.

Porén, as vítimas da ditadura nunca buscaron vinganza, só dignidade e respecto; moitas acadaron simbolicamente isto grazas ao triunfo da esquerda nas eleccións e, sobre todo, viron colmadas as súas ansias co triunfo socialista de 1982. O consenso foi o termo máxico que estaba nas axendas dos políticos da época e tamén nas dos represaliados e familiares que padeceran todo tipo de atropelos desde o mesmo 18 de xullo de 1936.

Certamente, a instrumentalización que fai o poder do pasado e da memoria é unha constante en todos os lugares, ben a través de lexislacións máis ou menos xustas –leis de amnistía ou leis de punto final–, a equiparación de vítimas en aras do politicamente correcto –algo patente para o caso das repúblicas que acadaron a democracia tras a caída do muro en 1989– ou a revisión do pasado tentando introducir distorsión na explicación do sucedido. É o que sucede na Italia posfascista, na Alemaña derrotada de 1945, no Chile posterior a 1989, na Arxentina de Raúl Alfonsín.

O que se desprende dos traballos de Lila Pastoriza para Arxentina, Carla Tonini para Polonia ou Filippo Focardi para Italia é que a política exterior, o interese de pasar páxina por parte dos diferentes gobernos, o medo e o esquecemento público da poboación, contribuíron a que sexa moi tarde –pasados, en ocasións, máis de trinta ou corenta anos– o recoñecemento público a moitos dos loitadores pola liberdade. Logo, se os triunfadores da II Guerra Mundial aínda hoxe están “elaborando” memorias non é tan diferente e estraño o caso español. O estudo referente a Italia é ben significativo, onde dirixentes políticos, pretendendo non enfrontar memorias, equipara os defensores de Saló cos partisanos ou permiten que neofascistas como Gianfranco Fini, vicepresidente do goberno, eloxie a Mussolini con frases como “el más grande estadista del siglo” ou “debemos entregar el pasado a la historia”, expresión esta que nos resulta familiar por ser unha das teimas dalgúns membros do partido da oposición en España.

En definitiva, estamos ante un esixente traballo recompilatorio que nos serve para reflexionar sobre a suposta excepcionalidade española que, ao final, non o é tanto. A memoria privada da represión foi esquecida de xeito conxuntural e a exposición ao público realizouse de múltiples formas: mediante homenaxes privados, o voto a determinadas opcións políticas, o asociacionismo, etc. Outra cousa é a política da memoria, que como ten afirmado Fernández Prieto, realizouse moita e con intencións ben distintas e que, conseguintemente, callou na sociedade de forma irregular. É tempo de que os historiadores poidan traballar sen intromisións de ningún tipo e que interpreten esas memorias de xeito científico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario