Cora Peña denuncia no seu
primeiro documental o "paroxismo do sistema neoliberal" que ameaza a
supervivencia dos indíxenas da Amazonía peruana
VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO
"O que pasa en Perú é
o paroxismo do sistema neoliberal e o pensamento materialista. Na Amazonía hai
unha poboación que non comprende a nosa forma de vivir e de concibir a
Natureza, coa que os indíxenas reclaman o seu dereito a manter a súa comuñón
espiritual". Así describe unha das ameazas da comunidade indíxena neste país
a realizadora viguesa Cora Peña que mañá presenta en Cineuropa o seu primeiro
documental, Apash, os de fóra, que se poderá ver ás 20:30 horas na Aula
Sociocultural de Caixa Galicia en Santiago de Compostela -e que tamén se
proxectará o 14 e o 28 na sede da Fundación Caixa Galicia-.
Para tomar contacto coas
comunidades indíxenas da Amazonía peruana, Cora acompañou o aventureiro galego
Antonio Abreu, que viaxa á zona na busca da descendencia do mítico "rei
dos xíbaros", Alfonso Graña, un emigrante de Avión que a principios do século
XX se fixo co liderato dos pobos indíxenas da conca do río Marañón.
"Estiven en Perú durante dous meses, na primavera deste ano. A primeira
ruta fíxena soa e a segunda, acompañada de Antonio. A segunda parte do filme céntrome
na busca de Alfonso Graña, aínda que no documental non se lle dá tanta
importancia", comenta.
A misión de Antonio Abreu,
buscando o indio xíbaro Alfonso Graña, un descendente doutro galego de igual
nome que se converteu no "apu" (líder) dunha gran comunidade indíxena
ten un "resultado positivo". "Aló atopa a Alfonso, como un apu,
un dos sabios dun pobo indíxena porque en realidade, nestas comunidades non hai
líderes senón unha estrutura horizontal na que os máis vellos son os sabios. E
tamén dá cunha sobriña de Alfonso, como o confirmou unha análise de ADN",
indica Cora.
"Os indíxenas son
peruanos sen dereitos"
A través desta viaxe pola
remota Amazonía peruana, Peña critica as novas formas de colonialismo que levan
aparelladas as multinacionais da minaría e da extracción petrolífera, pero tamén
a cooperación ou as misións relixiosas. "Os indíxenas ven arramplados os
seus dereitos, non son consultados sobre a explotación dos seus recursos
naturais, son peruanos sen dereitos. Vense afectados por unha contaminación
bestial e morren envelenados polo chumbo das minas. A súa supervivencia está en
perigo. Por iso están convencidos da súa loita fronte a un goberno empeñado na
explotación industrializada e sen medidas", indica a realizadora, que no
2000 recibiu o premio á mellor curtametraxe no festival do Carballiño por
Last Patrol, unha parodia bélico-musical.
O goberno peruano de Alan
García decidiu abrir a Amazonía ás accións extractivas das multinacionais enerxéticas.
"Busca o desenvolvemento de Perú en termos macroeconómicos e está pisando
os tratados internacionais que protexen os indíxenas", asegura Cora Peña.
A realizadora conseguiu
salvar a "desconfianza" destas comunidades indíxenas grazas á
"colaboración con líderes locais" senón, asegura, "unha
estranxeira cunha cámara non chega moi lonxe". A desinformación e a
censura sobre a situación da Amazonía peruana é case absoluta. "Só se
achegan periodistas peruanos condicionados polos intereses dos seus medios e
que só dan a versión oficial. Pero os indíxenas saben que teñen que atopar
aliados no mundo occidental. Son moi valentes e están dispostos a todo, até a
morrer, para conseguir que os deixen vivir en harmonía coa Natureza",
afirma a directora.
Tanto a nivel
internacional como nacional apenas existen documentais que rexistren a
realidade indíxena en Perú. "Probablemente, porque aínda existe a idea de
que desprazarse pola Amazonía é perigoso. De feito, os xíbaros son belicosos
pero se segues os procedementos non ten por que ter riscos", asegura.
"Hai unha censura moi fonda en Perú: o goberno pecha as emisoras de radio
comprometidas coas comunidades indíxenas", explica. A isto engádese que se
un realizador peruano quixera filmar a situación da Amazonía "nunca vai
atopar financiamento, só boicot".
Dende que en 2009 a policía
cargou contra unha manifestación pacífica de indíxenas fronte ás decisións do
goberno peruano -que rematou con decenas de mortos e feridos-, a sociedade indíxena
"acadou unha certa visibiliade en Perú". Porén, para Cora, no país
segue a pesar moito "a lacra do colonialismo". Ao seu ver, un dos
principais problemas é que "a poboación está acostumada ao saqueo sistemático
e á corrupción. Así gañou as eleccións Alan García, logo de escándalos de
xenocidio nunha prisión", asegura a realizadora, que en 2008 fundou con
Comba Campoy e Marcelo Martínez a produtora Tintimán Audiovisual. Na
actualidade, están a producir o documental Nos Mundos de Barriga Verde,
que non só se centra na historia dos títeres de raigame galega senón tamén fai
un retrato ás relacións que manteñen coas marionetas "por Europa
adiante".
Ningún comentario:
Publicar un comentario