mércores, 24 de novembro de 2010

Sáhara, o conflito que España tentou esquecer


"Quen marchou a un campamento non foi o Polisario, senón a poboación saharauí para pedir traballo, vivenda e educación; nin sequera reclamaba a independencia"

Periódico de novembro de 1975
RICARDO RODRÍGUEZ 14/11/2010
Ante a gornición de soldados despregados no Sáhara o daquela príncipe Juan Carlos arengou: “España manterá os seus compromisos”. Era o 2 de novembro de 1975. Franco agonizaba. A Marcha Verde preparábase en Marrocos e o tribunal da Haia viña de ditaminar que o Sáhara Occidental tiña vencellos xurídicos con Marrocos e Mauritania aos que non recoñecía dereitos soberanos, e polo tanto podía aspirar á independencia. Trinta e cinco anos despois, o “compromiso” do Goberno español co Sáhara non requeriu nin unha morna condena perante o peor ataque perpetrado por Marrocos contra a poboación saharauí dende o cesamento do fogo en 1991. O ministro da Presidencia, Ramón Jáuregui, pedía esta semana “prudencia” e confiaba en que Marrocos, que conseguiu co apoio de Francia que a ONU non se inmiscise nas violacións de dereitos humanos na zona, investigaría os feitos ocorridos no campamento Dignidade, nos arrabaldos do Aiún. Isto “non é unha carreira por ver quen condena primeiro”, asegurou.
No Congreso, o ministro recoñecera por primeira vez tacitamente a soberanía marroquí sobre o Sáhara Occidental –España é a potencia administradora de iure, segundo a ONU– ao asegurar que a decisión de Marrocos de restrinxir a entrada ao territorio ocupado de xornalistas e parlamentarios españois formaba parte “do núcleo duro da soberanía dun país”. Nos corredores do hemiciclo matizaba despois as súas verbas. E a titular de Exteriores, Trinidad Jiménez, refrendaba a emenda: España “constata” pero non “recoñece” o control marroquí do Sáhara. No Parlamento galego, a condena tampouco foi posíbel. O grupo do PSdG opúxose á resolución de condena proposta por PP e BNG na que instaba o Goberno español a asumir a súa responsabilidade coma potencia colonizadora.
Vídeo a vídeo no Youtube, post a post nos blogs ou no Facebook, os saharauís foron quen de rachar o silencio informativo imposto por Marrocos “á prensa hostil española”. Cos remois do ataque aínda fumegantes, os datos que van corroborando a dimensión do masacre chegan pinga a pinga. O número de cadáveres supera o cento, segundo fontes saharauís. Hai tamén centos de detidos e desaparecidos. E entre os mortos hai xa un cidadán con carné español. A Fronte Polisaria falou de “limpeza étnica” e alertou dunha guerra civil. Ante a impasibilidade da Minurso –a Misión de Nacións Unidas para o Sáhara Occidental– encargada dende hai 18 anos de verificar o cesamento do alto o fogo e de organizar un referendo sine die dende hai 18 anos, a brutal represión marroquí contra os saharauís podería desembocar nunha nova guerra.
“Cando en 1991 depuxemos as armas e aceptamos o cesamento do fogo foi porque había un compromiso por parte da ONU de organizar un referendo de autodeterminación, pero Marrocos non demostrou unha vontade real de chegar a unha resolución democrática do conflito”. Fala Ahmedu Mojtar, representante da Fronte Polisaria en Galicia. Asegura que co ataque do pasado luns ao campamento Dignidade, “Marrocos desenterrou o machado de guerra”. E advirte: “Se a comunidade internacional, é dicir a ONU e os países interesados neste conflito, non toman cartas no asunto, sinalan o agresor e o presionan para manter unhas verdadeiras negociacións, aos saharauís non nos quedará outra opción que defendernos con todos os medios posíbeis e entre eles está a loita armada”.
Para Santiago Jiménez, profesor de Xeografía e Historia da USC e coordinador do Observatorio Galego para o Sáhara Occidental, esa posibilidade “non está descartada”. Jiménez, que coñeceu in situ a realidade do Sáhara ocupado por Marrocos, asegura que a Fronte Polisaria está “nunha situación delicada” tras o asalto marroquí ao campamento Dignidade. “As dúbidas dos saharauís sobre se a Fronte Polisaria está a defendelos poden xurdir agora despois dunha represión feroz”, explica. “Se a Fronte Polisaria non consegue nada da comunidade internacional, a poboación saharauí vai pedir a berros a guerra”, agoira. “A poboación está cansa e percibe que están a ser maltratados e desconsiderados socialmente; nos días previos ao asalto había unha grande esperanza de que o mundo os vise actuar dun xeito responsábel e pacífico á hora de reivindicar os seus dereitos e a represión marroquí foi brutal”, engade. E considera que “haberá presións sobre a Polisaria para que non reinicie esas hostilidades, porque posibilidades técnicas, económicas e estratéxicas existen”. Esas probabilidades, segundo Jiménez, teñen dous piares en África, alén de Alxeria: Nixeria e Sudáfrica, dúas potencias económicas e militares no continente. “Para Pretoria, a existencia do Sáhara coma colonia é un desprestixio para África”. O recoñecemento da República Árabe Democrática Saharauí (RADS) coma país en 2004 conduciu a este país a unha crise con Marrocos que desembocou na ruptura de relacións diplomáticas en setembro de 2004. Tan só un mes antes, Thabo Mebki, presidente da República de Suráfrica, remitíralle unha contundente carta a Mohamed VI. “A inevitábel quenlla sen saída causada polas posicións avanzadas polo Goberno de Marrocos [nunha carta remitida á ONU o 9 de abril de 2004 Rabat nega o dereito a autodeterminación do pobo saharauí] creou unha situación na que calquera retraso pola nosa banda no recoñecemento da RADS se traduciría irremediabelmente nun abandono pola nosa banda do apoio ao dereito de autodeterminación do pobo do Sáhara Occidental”. Jiménez conclúe: “O reactivamento da guerra sería un factor de inestabilidade e o caos que xeraría fortalecería aos grupos terroristas que operan no Sahel”.
Maite Isla, presidenta da ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, considera que a Polisaria demostrou que non quere recorrer ás armas. Pero matiza: “Unha cousa é o que pense a Polisaria e outra o que considere a poboación, sobre todo a mocidade que está farta desta barbarie e que non está disposta a pasar os sufrimentos dos seus pais”. “Quen marchou a un campamento a 20 quilómetros do Aiún non foi a Polisaria, senón a poboación saharauí para pedir traballo, vivenda educación; nin sequera estaban a pedir a independencia”, asegura. Na implicación política internacional no conflito, Jiménez sinala dous actores fundamentais: España e Francia. Cada un desempeña un papel invariábel dende hai tres décadas. París apoia incondicionalmente a Marrocos. Madrid desenvolve unha calculada política de ambigüidade.
Francia foi o país que vetou no Consello de Seguridade da ONU que a Minurso tivese entre os seus cometidos a investigación da violación de dereitos humanos no Sáhara Occidental. No seu informe de 2008, Amnistía internacional (AI) denuncia a represión marroquí aos que critican a monarquía; centos de arrestos de saharauís por manifestarse contra Marrocos ou distribuír propaganda do Polisario; unha sentenza de prisión a 15 anos a un activista pro saharauí, e un uso excesivo da forza na represión das manifestacións. En canto á Fronte Polisaria, o relatorio asegura que “hai moi pouca información independente sobre as condicións nos campos de refuxiados” e que “non se deron pasos para acabar coa impunidade de aqueles que están acusados de cometer abusos dos dereitos humanos nos campamentos durante os anos setenta e oitenta”. AI instou o pasado venres ao Goberno de Marrocos a que abra unha investigación independente sobre o acontecido no Aiún. O seu delegado para o Norte de África e Oriente Próximo, Malcolm Smart, asegurou que o acontecido “subliña a necesidade de que os dereitos humanos no Sáhara sexan monitorizados pola Minurso”.
“Custou moito que España fixese algo polos dereitos humanos no Sáhara durante os anos de chumbo, cando Felipe González estaba á fronte do Goberno”, sinala Alberto Estévez, de Amnistía Internacional. “O Executivo tiña intereses económicos e de fronteiras, pero ao final con Fernández Ordóñez [ministro de Exteriores entre 1985 e 1992] conseguiuse algo”.
Os intereses económicos españois tamén están no Sáhara. A pesca é un deles. En 2002, despois de que Marrocos asinase un acordo de prospección petrolífera fronte ás costas do Sáhara, un relatorio do Asesor Xurídico de Nacións Unidas, Hans Corell, ditaminou que os acordos económicos que se asinasen só podían ser válidos se se levaban a cabo “en colaboración cos pobos dos territorios non autónomos” co obxectivo “de achegar unha contribución válida ao desenvolvemento socieconómico dos territorios”. Baixo eses principios subscribiu Bruxelas un acordo de pesca. A Comisión Europea esixiulle a Marrocos esta semana que presente probas de que o acordo pesqueiro beneficia a poboación saharauí. Até o momento, Rabat non amosou ningunha. O acordo expira o 28 de febreiro de 2011 e a CE considera que esas probas son unha condición sine qua non para negocialo. Das 119 licenzas concedidas po Marrocos, España obtivo 100 –a maioría para barcos galegos–. Coma contrapartida recibe 36,1 millóns de euros cada ano. A implicación galega na explotación dos recursos do Sáhara vai alén. A rede Western Sahara Resource Watch –que agrupa activistas dos países escandinavos, Holanda e Reino Unido– denuncia que o holding Jealsa dispón dunha factoría de enlatado de peixe a través da súa filial Damsa –consorcio formado coa empresa marroquí Derhem– no Aiún.
“A posición da diplomacia española no que respecta ao Sáhara Occidental é nefasta”, asegura Santiago Jiménez. “Primeiro trasladou o problema a Marrocos, pero logo hai un intento de estar presente nas solucións e a reclamación de que o pobo saharauí importa”, denuncia. Esa ambigüidade tivo as súas consecuencias. Marrocos, por exemplo, vetou a presenza de militares españois na Minurso dende o inicio, alegando que España podía ser parcial como antiga potencia colonial. Por ese contixente da ONU, porén, pasaron centos de soldados franceses. “España non convence nin ao Polisario nin a Marrocos, a quen Madrid permite que empregue Ceuta e Melilla coma espada de damocles cando quere desestabilizar”, conclúe Jiménez.
Para Ahmedu Mojtar, a postura española sobre o conflito está clara dende hai máis de vinte anos: “Permítame que me remonte a 1982, cando o PSOE chegou ao poder, Fernando Morán se converteu en Ministro de Exteriores e asegurou que España nunca faría nada que incomodase a Marrocos ou fose en contra dos seus intereses”. E engade: “Dubido que cando o ministro de Exteriores marroquí [Taieb Fassi Fihri] se reuniu con Trinidad Jiménez fose para entregarlle un ramo de flores polo seu nomeamento; máis ben penso que informou ao Goberno español do que ía ocorrer e lle pediu que ollase para outro lado”.
Maite Isla resume nunha verba o papel da diplomacia española con respecto ao Sáhara: “vergoña”. “España olla coma un simple espectador, pero ten moito que dicir por ser a potencia colonizadora”, asegura. “Debería seguir o exemplo do xeito no que Portugal se enfrontou ao problema de Timor en 1999”, destaca.
No eido nos intereses españois en Marrocos hai un capítulo particularmente desacougante: a exportación de armas. As estatísticas oficiais de 2009 reflicten que Marrocos importou 1.005 vehículos todoterreo non blindados por un valor de 113,9 millóns de euros. Nos primeiros seis meses de 2010 esa cifra caeu aos 4,3 millóns. Entre o exportado, un buque, cartuchos para escopetas, rifles e compoñentes para armas de guerra. Pode estar Marrocos empregando esas armas contra os saharuís? “Esa é a gran pregunta”, resposta Alberto Estévez, coautor do contrainforme que Amnistía Internacional elabora xunto con outras catro ONG sobre a exportación de armas. “Industria non dá datos precisos sobre a que unidades van esas armas e como se empregan”, apostila. AI valora xunto coas outras tres ONG –Intermon Oxfam, Fundació per la Pau e Greenpeace– interpelar ao Goberno español sobre esta cuestión.
O impasse nas negociacións entre a Fronte Polisaria e Marrocos, que veñen de manter novos contactos, non só enquista aínda máis a situación. Tamén está a acabar coa paciencia estadounidense. En 18 anos de atoamento nas negociacións, o conflito queimou dous enviados da Casa Branca. James Baker fracasou no seu intento de buscar unha saída negociada co seu plan, que pretendía crear primeiro unha entidade autónoma do Sáhara Occidental e celebrar cinco anos máis tarde un referendo de autodeterminación. Charles F. Dumbar non conveceu a parte marroquí. Christopher Ross, o actual mediador, conta co apoio expreso de Washington. “Unha parte da postura dos EE UU cara ao conflito é fixa; a outra, cambiante”, asegura Santiago Jiménez. “A Administración estadounidense quere un Marrocos estábel, pero ao mesmo tempo non desexa ir en contra da legalidade internacional. A postura nestes momentos é que o conflito non pode alongarse máis, que hai que buscar unha saída a curto prazo para evitar que unha desestabilización na zona sexa o caldo de cultivo do terrorismo no Norte de África”. Entre as saídas contempladas polos EUA está a partición do territorio.
Máis de 150.000 saharauís –a UNHCR estima que son 90.000– sobreviven nos campos de refuxiados do sur de Alxeria separados das dúas familias por un valo de separación de 2.700 quilómetros, búnqueres militares e zonas minadas. Outros 90.000 viven no territorio ocupado por Marrocos, onde Rabat despregou un contixente de 250.000 efectivos entre do Exército, a Policía Xudicial, a Dirección de Vixilancia do Territorio, a Xendarmería Real e as Compañías Móbiles de Intervención. A matanza do pasado luns é un punto de inflexión no conflito. Marrocos e a Polisaria volverán conversar en decembro. Reina o pesimismo sobre o resultado das negociacións. Nada volverá ser igual no Sáhara Occidental. A opción da autonomía marroquí xa non é críbel. A neutralidade do Goberno español, tampouco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario