Memoria Democrática de Ferrol está recabando información para escavar a
fosa de Villarrube
DANIEL PRIETO 31/10/2010
Lugar onde se atopaba o campo de concentración |
O presidente de Asturias, Vicente Álvarez Areces, participou onte no
municipio coruñés de Cedeira na homenaxe aos asturianos represaliados no campo
de concentración da Revolta, instalado polo franquismo na antiga fábrica de
salgadura entre 1937 e 1938. Areces descubriu unha placa conmemorativa no
monolito instalado na zona onde se situaba o campo, acompañado polos alcaldes
de Cedeira e Ferrol, Xosé Luis Vergara e Vicente Irisarri;
o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e outras autoridades.
“Os demócratas neste país recoñecen tamén o que foi o sufrimento, a dignidade e
o honor de moitas persoas”, sinalou Areces en referencia aos asasinados no
campo, a maioría de Asturias.
“Viñemos aquí sen rancor e con memoria, a rescatalos do esquecemento, a poñerlles
nome e a deixar ese gran monolito, de 1.300 millóns de anos, que simboliza que
a historia continúa pero que o fará cos seus nomes”, sinalou Areces, que
agradeceu aos organizadores, as asociacións Memoria Democrática de Ferrol e
Fuco Buxán e o Concello de Cedeira, a “xenerosa” iniciativa, que congregou a
unhas 200 persoas.
O presidente do Principado salientou que acudiu ao acto ante “o deber
democrático do recoñecemento moral a todos os homes e mulleres que foron vítimas
da Guerra Civil e dos que tras o conflito padeceron a represión da ditadura,
fosen de onde fosen, españois ou estranxeiros”, precisou Álvarez Areces.
No acto, o historiador Enrique Barrera anunciou que a Asociación Memoria
Democrática de Ferrol, da que é secretario, está recabando información para
localizar unha fosa común na zona de Villarrube, ante “o convencemento de que
alí se poderían atopar uns 50 ou 70 cadáveres de persoas que estiveron
encarceradas na Revolta”. Ademais, Barrera explicou que o acto permitirá “que
os veciños de Cedeira, que axudaron solidariamente aos internos do campo,
arroxen máis datos sobre eses feitos”. Neste sentido, o alcalde de Cedeira
–onde os franquistas asasinaron á practica totalidade da corporación
municipal–, asegurou que a homenaxe serve para “pechar feridas” sobre un campo
“moi vivo nas mentes dos cedeirenses”.
Pola súa banda, o presidente da Asociación Memoria Democrática
de Ferrol, Manuel Fernández Pita, cualificou o evento como “un gran de area máis
para construír o castelo da memoria histórica”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario