“Caballero
non se pronuncia e fixo declaracións propias dunha persoa ‘chulesca”
DANIEL
PRIETO 02/11/2010
Telmo Comesaña
(Vigo, 1934) sufriu a represión franquista nas súas propias carnes, xa que o
seu pai foi asasinado en 1936 xunto ao seu tío e outras persoas, o que “truncou
para sempre” a súa vida, relata. Incansable loitador, foi un dos máis
destacados promotores da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, que
preside, fundada o 7 de agosto de 2005. Dous anos despois, o Concello de Vigo
recoñeceu a esta asociación co título de entidade viguesa distinguida. Desde
entón, o colectivo reclama que o consistorio vigués retire a cruz do Castro que
Franco inaugurou en 1961 dedicada aos caídos.
En que
estado se atopan as negociacións co alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, para a retirada da cruz franquista do monte o
Castro?
Para nós,
eliminar ese símbolo é un obxectivo primordial, para o alcalde ao parecer non
porque di que é un tema que causa resentimentos. Na última reunión non houbo un
si ou un non rotundo pola súa parte. Presentámoslle 4.046 firmas de vigueses
que apoiaban a nosa iniciativa , incluso de xente do seu propio partido, pero
nada. Esa cruz fíxose en homenaxe ao fascismo e ao nazismo, inaugurada por
Franco en 1961. Así que a actitude de Caballero é algo inédito en toda España.
A cruz non está nun ámbito eclesiástico nin ten valor artístico, polo que
segundo a Lei de Memoria Histórica habería que retirala porque fai apoloxía do
terrorismo. Sería impensable outra cruz semellante en Francia, Alemaña e en
calquera país civilizado.
Abel Caballero
chegou a definirse como a persoa “que máis fixo” pola memoria histórica en
Vigo, pero agora declina falar sobre o tema, ¿por que?
Son unhas
declaracións propias dunha persoa chulesca e egocéntrica. Non se quere reunir
con nós, pero presentamos o pasado 24 de agosto unha petición para participar
no pleno de Vigo para expor os nosos razoamentos e esixir xa a retirada
inmediata desa vergoña, para presentar ante todos os grupos políticos as nosas
argumentacións sobre a necesidade do derrubo da cruz franquista.
Obtiveron
resposta?
Nin sequera
se dignaron a contestarnos, o que consideramos unha covardía política. É moi
grave que un alcalde dunha cidade como Vigo non se queira reunir cunha asociación
que foi nomeada viguesa distinguida, non o entendemos. Pero debe ter claro que
nós, ademais da recollida de sinaturas, iniciamos unha campaña de repartición
de folletos publicitarios para que os turistas que chegan a Vigo saiban o
verdadeiro significado dese símbolo, que nós chamamos cruz da ignominia.
Pensan realizar
algún tipo de iniciativa ante o silencio do concello sobre a cruz dos Caídos?
Este mesmo
mes faremos unha concentración ao pe da cruz e levaremos pancartas e fotos de
moitos represaliados de Vigo. Foi unha mágoa que o alcalde desaproveitara o
bicentenario para retirala, porque era unha ocasión de ouro para desfacerse
dela e situar alí a estatua en vez de na rúa Venezuela, porque que mellor sitio
para esa celebración que fronte ao edificio do concello. Moitos funcionarios
municipais nos dixeron que están desexando que leven a cruz de alí. Temos moios
apoios nesta iniciativa. Unha señora, católica confesa, asegurou que alí non
atopaba a Deus senón a evocación dun tirano que encheu este país de sangue e bágoas.
Desde o
Concello de Vigo aseguran que o proceso de retirada de iconas franquistas se
efectúa por fases, e que a cruz aínda non entrou en ningunha delas.
Que se
deixen de lerias. Eu pídolle ao PSdeG
de Vigo que actúe. Coñécennos ben, porque o ano pasado tivemos unha lea polo
tema da placa do cemiterio de Pereiró, que por certo aínda non está posta. Pídolle
que actúen dunha puñetera vez e retire a cruz. As eleccións están xa aí e temos
un traballo intenso que facer de cara a esa data. Nós prefeririamos non ter que
incidir máis neste tema e buscar o diálogo, pero non nos deixan outra
alternativa. Representamos a un gran número de vigueses e os socialistas de
Vigo deben ter isto en conta e tomar cartas no asunto xa.
Como se
atopa o proceso de retirada de iconas preconstitucionais en Vigo?
O Concello
chegou a un acordo coa Igrexa e retiráronse varios símbolos franquistas en
varios templos da cidade, algún día saberemos canto lles custou isto aos
vigueses. Pero mentres a cruz dos Caídos estea onde está o resto non ten case
importancia. Cando entrou a gobernar o BNG
tentou sacar un escudo franquista da Casa das Artes, o antigo Banco de España.
Pero os socialistas argumentaron que eles levaban o tema de Patrimonio e aínda
non se lle tocou hoxe. E cando Corina Porro estaba gobernando, malia que o PP
se opón habitualmente aos procesos de recuperación da memoria histórica,
substituíu un escudo franquista do antigo reitorado por un de Vigo, sen facer
ruído. Non ten sentido, e iso que os socialistas promoveron en España a Lei de
Memoria Histórica, e a lei está para cumprila.
Ningún comentario:
Publicar un comentario