Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Urbano Lugrís ou Federico García Lorca
tomaron parte nas súas famosas tertulias
HÉCTOR J. PENA 16/11/2010
Houbo un tempo no que a elite intelectual do país pasaba as tardes en torno
a un café, unha cervexa, ou un vermú nun local do centro de Vigo coñecido como
o café Derby. Hoxe, o fillo do seu xerente, Albino Mallo,
rescata a memoria daquel tempo en Algo máis que un café: o Derby de Vigo
(1921-1968), publicado por Galaxia. Porque, como sinala o autor, o Derby era
moito máis que un café. “Era parte da vida miña”, afirma Albino Mallo.
“A idea deste libro leva comigo dende hai moitos anos, porque o Derby era o café
do meu pai e un elemento vital na miña vida, por iso este traballo pode
considerarse como unha gran reportaxe do que foi aquel café”, engade.
O Derby era un deses antigos cafés, ao estilo dos do século XIX no que,
persoeiros como Manuel Antonio, Maside, Paz Andrade ou Isaac Díaz Pardo
compartían bebida e tertulia, nun recinto que non tiña nada que envexar, por
exemplo, ao lendario Café Gijón de Madrid. Eran varios faladoiros os do Derby,
das cales un xiraba en torno ao proxecto da editorial Galaxia, composta por
Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Álvarez Blázquez ou Celso Emilio
Ferreiro.
Outra das principais tertulias que tiveron lugar na histórica cafetería
viguesa era a dos pintores, onde se xuntaban persoeiros como Laxeiro, Urbano
Lugrís ou Colmeiro. “Este último andaba por París, pero cando viña nos veráns a
Vigo convertíase nun dos habituais”, sinala o fillo do dono do local. “Logo tamén
había xente máis nova, como un Xavier Pousa, ou conversas doutro corte, de
avogados, de médicos ou de arquitectos, entre os que se daban cita un Gómez Román,
un Genaro de la Fuente... os responsables desas grandes construcións que algúns
lle chaman o Vigo de pedra”, apunta.
A historia do Derby, como a de toda a sociedade española, está marcada pola
Guerra Civil, supoñendo un punto de inflexión na historia do café. Así, antes
da guerra estaba frecuentado por figuras que logo se foron ao exilio, como
Castelao ou Colmeiro. Incluso García Lorca visitou o famoso local, con motivo
da estancia en Vigo do grupo teatral La Barraca.
Neses tempos de preguerra, a consumición e a conversa estaba amenizada pola
actuación do Trío Corvino, unha orquestra de cámara. “Era unha gran
particularidade naquel momento. O Trío Corvino eran tres solistas da Orquesta
Sinfónica de Madrid, aos que o meu pais os contrataba durante o verán para
tocar música clásica ou outra máis lixeira, como zarzuela”, indica Mallo.
Eses músicos, que sempre regresaban a Madrid ao rematar a tempada estival,
non puideron regresar polo estoupido do conflito civil, “entón meu pai
contratounos para todo o ano, e estiveron aquí os tres anos que se estendeu a
guerra, e logo, cando rematou, dous dos tres regresaron á capital, pero o
pianista decidiu quedar, e co tempo sería o primeiro director do conservatorio
de música de Vigo”, afirma o autor.
Outro aspecto no que a Guerra Civil afectou ao café Derby foi na
nomenclatura, pois debido ao decreto de castelanización de nomes, a cafetería
pasou a ser coñecida como Imperial durante un corto período de tempo. “Foi por
cuestións políticas, pois despois da guerra, quedaron prohibidos todos os nomes
de orixe estranxeiro, e o meu pai considerou que Imperial era un bo nome”,
apunta Albino Mallo.
Porén, o xornalista e escritor puntualiza entre risas: “Iso tamén ocurreu coa
ensalada rusa, que como era rusa pasou a chamarse ensaladilla española”.
UNHA VISIÓN FEMININA
A escritora María do Carme Kruckenberg era das poucas mulleres que
participaron directamente nas tertulias do Derby. Pero porque era “propio da época.
Entre as mulleres estaban a Kruckenberg, a pintora Mercedes Ruibal ou María
Victoria de la Fuente, que era pintora e filla do arquitecto Genaro de la
Fuente”, engade Albino Mallo.
Kruckenberg recorda con moitísimo cariño os tempos do Derby. “Eu vivía
preto da cafetería, e a primeira vez que fun tería uns dezaseis ou dezasete
anos, e os homes queríanme preto, porque era unha moza ben feita”, rememora con
nostalxia a escritora”. “Foi o doutor Andrade quen me introduciu na tertulia,
presentándome a varios dos habituais, como Celso Emilio Ferreiro ou os irmáns
Blázquez”, indica”.
A pesar de ser a única muller, María do Carme Kruckenberg sempre se sentiu
como en casa nas famosas tertulias do café Derby: “Sempre me respectaron e se
portaron moi ben, todos eran encantadores..embro ese ambiente tan agradable e
como falabamos de todo, algo menos de política, quizais por medo”.
Non obstante, no ano 68 o café Derby botou o peche, pero “non por unha
decadencia do local”, como se encarga de deixar claro Albino Mallo.
“Foi porque derrubaron todo o rueiro para facer un novo edificio, e claro, a miña
irmá non estaba interesada, eu estaba fóra e o meu pai era moi maior, entón
pois xa non se volveu abrir, foi unha mágoa”, laméntase o escritor.
O que está claro é que coa desaparición do Derby non só se perdeu un local
de hostalería, pois, como afirma Carme Kruckenberg, “ao desaparecer o café, as
tertulias seguiron no Alameda, pero logo todo perdeuse; é curioso como ao
desfacerse un café, que non ten nada que ver cosas persoas, desfaise todo un núcleo
de amizade, pois logo cada un seguiu camiños separados”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario